As cifras de SAIC en Ferrol: 1.500 empregos na construción e 2.000 en funcionamento, dende o 2031

Algunhas cifras de emprego da planta de SAIC en Ferrol sobre unha imaxe do Porto Exterior incluída na documentación do proxecto © Montaxe: Praza.gal

A factoría, que podería montar uns 120.000 turismos cada ano, realizará a "ensamblaxe completa" dos coches, con compoñentes que chegarán ao Porto Exterior, dende onde se distribuirán a toda Europa os vehículos rematados e verificados no propio centro industrial

A pasada semana a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético anunciou o sometemento a información pública do proxecto e do estudo de impacto ambiental da planta de produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos que o grupo chinés SAIC prevé instalar no Porto Exterior de Ferrol. 

Esta fase, que supón un paso máis no proceso de tramitación do expediente do proxecto, permite coñecer algúns detalles máis sobre a factoría, o desenvolvemento previsto para a súa construción e posta en funcionamento e algunhas cifras destacadas dunha iniciativa que significa un sopro de aire fresco para o desenvolvemento industrial e económico de Galicia e, en especial, da comarca de Ferrolterra.

Hai que dicir, en primeiro lugar, que o proxecto de SAIC Motor Corporated Limited en Ferrol é unha factoría de "ensamblaxe completa" de turismos que non fabricará ningún dos compoñentes (chasis, puertas, carcasas interiores, motores...), senón que estes chegarán a Ferrol dende diferentes factorías e almacenaranse para a montaxe dos vehículos segundo os pedidos.

Porto exterior de Ferrol © Xunta

A empresa destaca que o proxecto representa "unha aposta estratéxica polo desenvolvemento de capacidades industriais no sector da automoción en Galicia, sentando as bases para un crecemento industrial sólido, tecnoloxicamente avanzado"

Tras a montaxe, levaranse a cabo no mesmo centro industrial as probas e test necesarios para a verificación do correcto funcionamento dos coches. Posteriormente, o propio Porto Exterior funcionará como centro de distribución dos vehículos a toda Europa. De feito, a localización portuaria e a situación central de Ferrol como porta aos restantes peiraos do occidente europeo foi un dos elementos que animou á empresa chinesa para escoller este lugar para o seu novo centro industrial.

Nos documentos que forman parte do proxecto, a empresa destaca que a iniciativa representa "unha aposta estratéxica polo desenvolvemento de capacidades industriais no sector da automoción en Galicia, reforzando a competitividade, a innovación e a sustentabilidade da actividade produtiva, e sentando as bases para un crecemento industrial sólido, tecnoloxicamente avanzado e aliñado coas tendencias estruturais do sector da automoción". E empresa estima que a factoría podería montar uns 120.000 vehículos cada ano.

Así mesmo, salienta os beneficios para a propia actividade portuaria, pois "reforza a especialización" do peirao ferrolán "en tráficos de automoción, un segmento de alta proxección"

Así mesmo, salienta os beneficios para a propia actividade portuaria pois "reforza a especialización" do peirao ferrolán "en tráficos de automoción, un segmento de alta proxección no contexto da electrificación do parque automobilístico europeo e da reconfiguración das cadeas de subministración do sector cara a localizacións estratéxicas no Atlántico"

A aparición deste novo segmento de actividade "contribuirá á diversificación da base de tráficos do porto e favorecerá o seu posicionamento como nodo loxístico especializado dentro das cadeas de subministración da industria automobilística", engade, constituíndo "un elemento tractor para a apertura e consolidación de novas liñas marítimas regulares de transporte ro-ro, ampliando a conectividade do porto e xerando oportunidades para a captación de novos operadores e servizos loxísticos asociados".

Fases e cifras do proxecto

A construción do centro industrial desenvolveríase en dúas fases, unha primeira entre 2027 e 2028, cunha duración de 18 meses. E unha segunda fase, entre 2030 e 2031, cunha duración de 16 meses

Os documentos do proxecto detallan as distintas fases do seu proceso de instalación en Ferrol, que comezan coa propia tramitación ambiental e administrativa en marcha este ano. A construción do centro industrial desenvolveríase en dúas fases, unha primeira entre 2027 e 2028, cunha duración de 18 meses. E unha segunda fase, entre 2030 e 2031, cunha duración de 16 meses posterior á tramitación administrativa, que se levaría a cabo en 2029. En 2031 a factoría estaría lista para comezar a montar e distribuír vehículos.

O investimento previsto para a construción da factoría, para a que se prevé unha vida produtiva de 50 anos, achégase aos 200 millóns de euros (196,9 millóns). Na Fase 1 (en azul no esquema que se inclúe nesta nova) construiríase a nave de montaxe (workshop), que en realidade é o edificio principal do proxecto, de 474,8 metros de longo e 168,5 de ancho, cunha superficie aproximada en planta de 69.150m2, destinado a recibir as pezas rematadas, almacenalas e levar a cabo a ensamblaxe / produción dos automóbiles.

Prevese que cando a planta estea pleno funcionamento, traballen nela directamente unhas mil persoas, 540 destinadas a "operacións produtivas" e 460 a "operacións loxísticas". Ademais, crearanse outros mil empregos indirectos

Tamén se desenvolvería o circuíto de probas, un espazo completamente exterior e delimitado noa que despois da montaxe, se levarán os coches para realizar as probas e tests necesarios.

Na Fase 2 (en amarelo no esquema) prevese unha ampliación do workshop nun almacén xa existente no porto de 101 metros de longo e 91,50 m de ancho, cunha superficie aproximada de 9.200 m². Tamén se desenvoverá a parcela D, destinada á almacenaxe exterior des vehículos rematados e cunha superficie de 43.798 m2. E, igualmente, edificaranse novos espazos destinados á almacenaxe de pezas e compoñentes e para a almacenaxe de vehículos rematados.

O workshop constitúe, destaca o proxecto, "o corazón produtivo: o lugar onde unha carrozaría xa pintada se converte nun vehículo completo, funcional e listo para a súa entrega". O documento detalla o complexo proceso que se seguirá para intergrar cada un dos compoñentes que forman parte dun coche, dende o cableado, os asentos e salpicadeiro, os cadros de mando, cada un dos elementos do motor ou as baterías eléctricas.

Esquema da factoría de SAIC no Porto de Ferrol © Xunta

Empregos creados

O proxecto detalla tamén os postos de traballo de duración puntual que se crearán no proceso de construción do centro industrial, nas súas diferentes fases. Así, na primeira fase (anos 2027 e 2028) crearíanse 500 empregos e na segunda (anos 2030 e 2031) outros mil

O proxecto detalla tamén o número de postos de traballo que a factoría creará en Ferrolterra. Xa se apuntara que serían algo máis de dous mil, entre empregos directos e indirectos cando o centro industrial estivese en marcha e o documento confirma e explica as cifras. En efecto, prevese que cando a planta estea pleno funcionamento, traballen nela directamente unhas mil persoas, 540 destinadas a "operacións produtivas" e 460 a "operacións loxísticas". Ademais, crearanse outros mil empregos indirectos, tendo en conta as cadeas de valor da automoción e a loxística, entre outras.

Entre eles estarían, os preto de 300 empregos que se poderían crear nas Pontes, no Parque empresarial de Penapurreira, onde o proxecto prevé que existan empresas da cadea de subministros complementarias á factoría de ensamblaxe e distribución do Porto de Ferrol.

Neste senso, este sábado coñeceuse que a Xunta, a través de Xestur, pechou unha primeira adquisición de terreos industriais no polígono pontés de Penapurreira -anteriormente ocupadas por Einsa Print-, un espazo que podería servir para estas instalacións produtivas.

Ademais, poderían crearse outros 300 empregos nas Pontes, no Parque empresarial de Penapurreira, onde o proxecto prevé que existan empresas da cadea de subministros complementarias

O proxecto detalla tamén os postos de traballo de duración puntual que se crearán no proceso de construción do centro industrial, nas súas diferentes fases. Así, na primeira fase (anos 2027 e 2028) crearíanse 500 empregos e na segunda (anos 2030 e 2031) outros mil. 

Estes empregos procederían de diferentes sectores, destacando o dos traballadores de construción civil, grupo formado por diferentes oficios da construción (450 entre as dúas fases). Tamén o de traballadores do ámbito de instalacións -electricistas, fontaneiros, soldadores…-, que sumarían outros 300. Igualmente, crearíanse 1.050 empregos relacionados coa montaxe electromecánica das liñas de produción, así como programadores e outros profesionais relacionados coa automatización de procesos de fabricación. E, finalmente, outros 200 empregos de tipo técnico, entre enxeñeiros e arquitectos.

As avaliacións ambientais cualifican de "moderado" o impacto paisaxístico da instalación no Porto Exterior, pero sinala que "a localización da actuación sobre unha superficie industrial previamente artificializada reduce a súa magnitude fronte a outras alternativas de implantación"

Nos documentos sometidos a exposición pública tamén se detalla a análise á que foron sometidos os dous emprazamentos propostos para ao centro industrial: o do Porto Exterior e o do Polígono de Penapurreira, nas Pontes, que finalmente se destinaría ás devanditas instalacións complementarias. Os terreos ferroláns acadaron unha valoración moito máis positiva, grazas sobre todo á súa localización portuaria, fundamental no proxecto para a recepción das pezas e a posterior distribución dos vehículos rematados. Tamén se valorou a menor afectación ambiental, ao tratarse dunha zona que xa presenta actividade ambiental e ten poucos núcleos de poboación na súa contorna.

As avaliacións ambientais cualifican de "moderado" o impacto paisaxístico da instalación no Porto Exterior, pero sinala que "a localización da actuación sobre unha superficie industrial previamente artificializada reduce a súa magnitude fronte a outras alternativas de implantación". Así mesmo, conclúen que "a síntese da análise ambiental indica que, considerando os impactos potenciais asociados á execución do proxecto e a eficacia das medidas preventivas e correctoras aplicadas sobre aqueles elementos con capacidade de xerar efectos significativos, a valoración global do impacto do proxecto considérase compatible".

Mapa do Polígono de Penapurreira, nas Pontes © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.