No outono de 2015, hai case dez anos, a Xunta e as tres universidades galegas firmaban un convenio "para a colaboración na docencia clínica do grao en Medicina da Universidade de Santiago (USC)". Coa súa sinatura, os tres reitores parecían poñer fin a unha longa disputa pola desexada titulación a través dun acordo para que profesorado da Coruña e Vigo puidese impartir docencia clínica e mesmo dar aulas na facultade compostelá.
A demanda da UDC para impartir Medicina rexorde entre o impulso á universidade privada de Abanca e os ecos dun vello litixio en tregua desde o pacto de 2015
A primeira cláusula dese convenio aclara que "a Facultade de Medicina da USC será a única que imparta o Grao en Medicina no Sistema Universitario de Galicia (SUG)", máis aló da "colaboración" que o acordo estableza coas outras universidades e o Sergas para a docencia.
Unha década despois, a Universidade da Coruña (UDC) anunciou este pasado mércores o inicio dos trámites para incorporar a titulación de Medicina en 2027, provocando un terremoto con reaccións políticas e de diferentes administracións e institucións tanto a favor como en contra. Como pano de fondo, a recente autorización da Xunta á universidade de Abanca para a apertura dunha facultade da saúde e os intentos de Cesuga por impulsar outro campus privado. E un vello litixio no que nunca faltou o verniz localista que adoita afastar o foco dun debate pertinente: a elevada demanda formativa destes estudos e a falta de remuda xeracional nunha profesión médica cunha alta porcentaxe de persoal ás portas da xubilación.

A eses dous factores, entre outros, aludiu o reitor da UDC, Ricardo Cao, para xustificar que o "momento actual é o idóneo para incorporar o título de Medicina" ao campus coruñés, unha demanda antiga pero que volveu coller forza entre o equipo directivo da universidade tras a pandemia da COVID, convencido da lexitimidade da proposta e da idoneidade para o sistema universitario e mais o sanitario en Galicia.
O reitor da UDC xustifica a petición na elevada demanda formativa ou na falta de remuda xeracional nos profesionais, pero apunta tamén ao apoio á universidade privada de Abanca
Cao aludiu a que arredor do 30% dos profesionais sanitarios se xubilarán na vindeira década, á alta demanda formativa —3.000 solicitudes para 403 prazas en Santiago— e de novas especialidades ou á "capacidade académica, investigadora e tecnolóxica" da súa universidade, unida á infraestrutura sanitaria do CHUAC e aos institutos de investigación sanitaria e biomédica vinculados.
Pero tamén xustificou a ruptura daquel pacto que implicaba non impulsar ningunha facultade de Medicina máis no país en que o acordo "non se aplicou e só se cumpriu parcialmente" no que ten que ver coa repartición da docencia clínica nos hospitais universitarios. Para Cao, aquel convenio baseouse "en que as outras dúas universidades déramos por boa a non discusión dun único título en Galicia" pero a condición de que se dese "unha colaboración intensa" na formación do estudantado de Medicina, algo que di que non tivo o "percorrido" agardado.
Que o Consello de Goberno da USC veña de convocar dúas prazas de profesor titular vinculadas ao CHUAC ás que aspiraba a UDC non fixo máis que reafirmar ao campus coruñés.
A Xunta amosou o seu "absoluto desconcerto" co anuncio da UDC, que asegura que hai tempo que debate a situación co Goberno galego
Porque non foi unha arroutada. Desde a UDC levaban tempo cavilando en como impulsar de novo esta demanda histórica e, segundo algunhas fontes consultadas, a Xunta e algúns dos seus máis elevados representantes foron requiridos para abrir de novo o debate e mediar ante as previsibles posicións en contra. Mesmo esta semana houbo contactos, pero sen resposta desde San Caetano. Si pouco despois, ao facerse pública a petición.
A Xunta, que sería quen tería que autorizar unha nova facultade, foi rápida e contundente nada máis escoitar a petición pública do reitor coruñés. Amosou o seu "absoluto desconcerto" ante un anuncio da UDC feito "de forma unilateral e sen diálogo previo co Goberno autonómico e o SUG". Ademais, advertiu que supoñía "rachar co acordo acadado no ano 2015" e que sorprendía "especialmente" por ter iniciado as tres universidades e a administración "os traballos para avanzar nesa descentralización da docencia clínica, estendéndoa ao quinto curso a partir de 2026-2027".
Tal foi o enfado que a Xunta chamou a "retomar o diálogo" e convocou para este mesmo xoves ás tres universidades a un Consello de Docencia Clínica. E a UDC non afrouxou malia as chamadas ao consenso dos conselleiros de Educación e Sanidade, Román Rodríguez e Gómez Caamaño, e os seus homólogos da USC e UVigo: "Dialogaremos ata a extenuación pero seguiremos adiante", dixo Cao, que insistiu en "manter a iniciativa" e advertiu, ante as declaracións do Goberno galego, que "hai un ano" que dialogan sobre o tema sen resultados. Ademais, sinalou a irrupción da universidade privada, unha cuestión que "non é baladí".
"Non hai dúbida de que na Coruña vai haber Medicina, a única dúbida é se vai ser impartida pola pública ou pola privada", advirte Cao
"Non hai dúbida de que na Coruña vai haber titulación de Medicina, a única dúbida é se vai ser impartida pola pública ou pola privada. Nós, como universidade pública, non queremos ter esa dúbida", dixo, apuntando a outra das claves tras o recente acordo entre HM Hospitales e a universidade de Abanca para impartir Enfermaría e ir incorporando novas titulacións ao seu campus.
A USC, xa un día antes, amosárase en contra das intencións da UDC, apelando "ao respecto institucional e ao cumprimento dos acordos e pactos asinados a respecto da impartición do Grao de Medicina", asegurando que a súa facultade "cumpre coa necesidade formativa de profesionais médicos que a sociedade galega demanda".
O Concello da Coruña critica a "intención centralizadora e localista" da Xunta e da USC; Caballero di que se hai Medicina na Coruña tamén a debe haber en Vigo
Desde a Universidade de Vigo, en declaracións a varios medios, o seu reitor, Manuel Reigosa, asegurou que o pacto de 2015 si "se está a cumprir na actualidade", que a unilateralidade non é o seu "estilo" e que o tema do grao de Medicina require "calma e acougo e non facer anuncios a través da prensa". Con todo, dixo que ter unha facultade propia en Vigo "sería unha boa idea" e "unha opción atractiva doutras moitas que haberá que negociar".
Por parte das administracións, A Coruña apoia a iniciativa, Vigo pídea para si e Santiago rexéitaa. A alcaldesa da urbe herculina, Inés Rey apoiou sen reparos a demanda da UDC. "Hai unha intención centralizadora da USC da man da Xunta para baleirar de contido a docencia na Coruña", dixo, ademais de censurar a "formulación localista" da Xunta e do campus compostelán. Ademais, o xoves anunciou que o PSOE levará ao pleno municipal a vindeira semana unha moción de apoio á implantación dos estudos de Medicina.
Mentres, en Santiago, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, advertiu de que a facultade compostelá debe ser a "referencia", máis aló dos acordos de colaboración que se subscriban.

Unha vella demanda
Non faltou tampouco Abel Caballero, que reaccionou nada máis coñecer as intencións da UDC advertindo que "se a Xunta aproba Medicina para A Coruña, nese momento tense que aprobar tamén para Vigo". O rexedor vigués lembrou que el mesmo reclamou a titulación por primeira vez en 2010, que é unha demanda histórica na universidade olívica e que volverá activala "con todas as forzas da cidade" se é necesario.
Xa desde 1990, ano de creación da Universidade de Vigo, a impartición do título de Medicina nun dos seus campus foi un dos obxectivos fundacionais. Practicamente igual na Coruña, onde o que fora reitor da UDC nos seus primeiros trece anos de vida, José Luis Meilán Gil, liderou durante ben tempo a demanda.
Logo de que en 1994 a UDC fundase o Instituto de Ciencias da Saúde, en 1996 empezou a impartir o doutorado e oficializou a petición da titulación de Medicina en xunta de goberno, unha demanda que apoiaría tamén de maneira oficial do Concello, que a trasladaría á Xunta. En 1997 a universidade crea o departamento de Medicina e un ano despois, ante a insistencia do reitor Meilán Gil, o daquela ministro de Sanidade, Romay Beccaría, maniféstase a prol das intencións da Coruña.
En 2001, e logo de solicitar a conversión da Escola de Terapia Ocupacional, créase a Facultade de Ciencias da Saúde, malia os informes desfavorables da Conferencia de Reitores ou do Consello Universitario de Galicia. Con sede no campus universitario de Oza, ofrece diversas titulacións de grao, mestrado, doutoramento e mais estudos propios.