O pasado 30 de abril, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibía no palacio municipal de María Pita os impulsores da que pretende ser a segunda universidade privada de Galicia, despois da de Abanca. É o grupo empresarial de estudos Cesuga quen impulsa unha iniciativa que promoven os máximos dirixentes de compañías como Hijos de Rivera, Incoga, Aluman e Altia —accionistas xa do centro de estudos—, ademais de contar co apoio doutras como Vegalsa, Luckia ou Valora.
Cesuga impulsa a súa universidade privada da man dos dirixentes de Hijos de Rivera, Incoga, Aluman e Altia e co apoio doutras empresas e do Concello da Coruña
Cun dobre acto, un privado e outro público, o Concello da Coruña deu apoio explícito á futura Universidade Emilia Pardo Bazán nunha presentación á que asistiu tamén a condesa que ostenta o título nobiliario vinculado á familia da escritora. Un proxecto que foi lanzado hai catro anos, que pretende iniciar a súa andaina no curso 2026-27 e que a rexedora defendeu por "xerar emprego e riqueza" na cidade e "mellorar a oferta formativa e educativa" sen competir coa universidade pública "senón complementándoa".
Cesuga pretende crear campus propio en Galicia, deixar de ser só un centro adscrito e desvincularse así da Universidad San Jorge (USJ), con sede en Zaragoza e da que depende como antes dependera da University College Dublín. Sen esta adscrición non podería ofrecer graos nin masters, aínda que as súas intencións de futuro son claras.
O pasado mes de maio, o Boletín Oficial de Aragón publicou o acordo polo que o Goberno autonómico aprobaba a desadscrición progresiva de Cesuga da USJ "a partir da finalización do curso 2025-26". Poñía así fin a unha vinculación de doce anos que se pretendeu rematar xa o pasado ano pero que foi finalmente prorrogada dous cursos máis.
A Conferencia Xeral de Política Universitaria votou en contra do proxecto de Cesuga e a Xunta non ten trámite ningún en marcha para autorizala
Porque os dirixentes de Cesuga amósanse convencidos da aprobación da súa universidade malia que contan cun informe desfavorable da Conferencia Xeral de Política Universitaria (CGPU) e a Xunta di non ter pendente trámite ningún para a autorización desta universidade privada, tal e como adiantou El País. No caso de inicialos, o Executivo galego tería que aprobar antes un anteproxecto de lei e remitilo ao Parlamento para o seu debate e votación. Preguntada en varias ocasións por este diario, a Consellería de Cultura, Ciencia, Universidades e FP non respondeu ás preguntas específicas sobre este novo proxecto, pero si se remitiu ás declaracións que ante este debate fixo este mércores o conselleiro Román Rodríguez.
Nelas, o responsable do departamento educativo da Xunta celebrou "calquera tipo de iniciativa orientada a potenciar ou reforzar a educación de calquera territorio", pero advertiu que ten "un percorrido e un procedemento". Respecto ao caso concreto de Cesuga, asegurou que é "unha proposta que ten que cumprir uns trámites" e alertou da "contradición" entre as declaracións da alcaldesa da Coruña, Inés Rey e as informacións que xorden do "ministerio socialista", en referencia ao departamento de Ciencia, Innovación e Universidades.
A rexedora coruñesa, en declaracións a Radio Coruña, asegurou que a iniciativa de Cesuga "conta co apoio do Goberno de España e ten todos os informes favorables". Pero o caso é que o proxecto recibiu hai máis dun ano na CGPU —en marzo de 2024— o voto negativo de sete comunidades autónomas, varias do PP incluídas, e a abstención da Xunta. Segundo conta El País, o Goberno galego baseou o seu voto no informe do Ministerio, no que os técnicos reprochaban a falta de espazos para investigar e a ausencia de detalles sobre os proxectos científicos a desenvolver ou sobre a capacidade económica para construír os edificios pendentes dun campus que pretende instalarse na zona de Feáns, lugar da parroquia de Elviña, na Coruña. Alí, nun espazo de 17.000 metros cadrados, aspira a acoller ata 2.500 estudantes, nun principio, e 200 profesores.
A Xunta di que o Ministerio non deu "luz verde" ao proxecto en ningún informe e pedirá "unha aclaración" tras asegurar Inés Rey que o Goberno de España deu o visto e prace
É o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades quen elabora estes informes sobre cifras de alumnado, plan de investigación, situación económica ou infraestruturas que acaban na CGPU para seren avaliados en conxunto coas autonomías, que tamén forman parte deste órgano. Aínda que son obrigatorios, non son vinculantes para unha decisión final, de aí que o Goberno central promova que a partir de agora se teña que esixir outro informe, este si vinculante, realizado pola axencia de avaliación Aneca ou as equivalentes en cada comunidade.
O conselleiro Rodríguez asegura que o Ministerio "non fixo un informe expreso que dea luz verde á iniciativa" de Cesuga e anunciou que a Xunta pedirá "unha aclaración" ao departamento que dirixe Diana Morant sobre se esa documentación á que fai referencia Inés Rey —e que non dá apoio "explícito" ao proxecto, segundo di— "é ou non é favorable á posta en marcha" desta universidade. "É básico ter esa luz verde para poder seguir traballando", dixo.
"Deberíamoslle pedir unha aclaración ao señor Besteiro porque hai unha contradición entre o PSOE de Madrid, a través do ministerio, e o que di o PSOE en Galicia", insistiu Rodríguez, que lembrou os "marcos legais que hai que respectar" e a necesidade de evitar a "confusión".
Versións contrapostas
Precisamente, o PSdeG responde lembrando que a CGPU "emitiu recentemente informes negativos sobre determinadas propostas", polo que cren que "resulta incoherente que agora representantes da Xunta trasladen mensaxes que parecen contradicir o seu propio posicionamento institucional na CGPU".
En resumo: a Xunta acusa de contradición aos socialistas por dar por feito Inés Rey un apoio ao proxecto de Cesuga que en teoría o Ministerio non deu; e os socialistas acusan de contradición á Xunta por enviar mensaxes amables respecto da iniciativa tras, supostamente, opoñerse a ela na CGPU.
Desde Cesuga, o seu presidente, o economista e profesor universitario Venancio Salcines, intentou aclarar algo do enguedello en redes, asegurando que a abstención do Goberno galego na CGPU debeuse a que, malia ser "positivo", o informe do Ministerio tiña "catro observacións/recomendacións", posición que "arrastrou" a outras comunidades a non dar o visto e prace.
Cesuga asegura que a Xunta apoia agora o seu expediente malia que se abstivo na votación do informe presentado polo Ministerio
"A Xunta indícanos a súa preocupación por esas recomendacións, que son esencialmente de solvencia económica; traballamos niso, remitímoslles a documentación que resolve esas recomendacións e contéstanos que, ao seu xuízo, co remitido o expediente está perfecto", di Salcines, unha afirmación ante a que a Xunta non dá aclaración ningunha. "Hai dous informes: o técnico e a votación da CGPU; no segundo, é a Xunta a que pide a abstención, pero o primeiro é positivo", insiste.
Á espera dunha aclaración e de que se concreten maiores e máis duros requisitos para a implantación destes novos campus privados, o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, xa amosou o seu rexeitamento a un posible visto e prace á universidade privada de Cesuga, aclarando que a CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) "xa expresou" a súa posición en contra a aprobar aquelas que conten con informes en contra.

Cao explicou que un dos puntos aprobados, precisamente, polos reitores nesa última conferencia é que "non se poidan autorizar estas universidades se teñen informes negativos" por iren "en detrimento da calidade e excelencia que desde o sistema universitario se está a procurar" e lembrou o deber da UDC de "defender a universidade pública".
Ademais, lembrou que o Consello de Universidades do vindeiro luns abordará o futuro real decreto sobre a autorización de novas universidades, "un bo foro", dixo, "para poder analizar os condicionantes que deben ter estes centros, ao igual que os teñen os públicos".
Ricardo Cao, reitor da UDC, pide "non autorizar universidades que teñan informes negativos" por iren "en detrimento da calidade e excelencia que se procura"
Desde o Goberno de Pedro Sánchez prevese que o novo decreto estableza criterios obxectivos e comúns en todo o Estado para a autorización de universidades privadas, como un número mínimo de estudantes (4.500), oferta mínima de dez graos en varias ramas de coñecemento, profesorado a tempo completo, orzamento propio para investigación e, sobre todo, ese informe positivo vinculante emitido pola Aneca ou axencias autonómicas, informe non vinculante que agora realiza a CGPU, tal e como lembra o PSdeG.
Precisamente, os socialistas galegos piden á Xunta "que actúe con responsabilidade institucional e coherencia" e "defenda a educación de calidade" ante o debate aberto. "Defendemos todas aquelas iniciativas que cumpran cos máis altos estándares de calidade, rigor académico e servizo ao conxunto da sociedade galega”, sinalan a Praza.gal. "Unha educación de calidade, que poña no centro o coñecemento, a investigación e o futuro da mocidade galega. Esa debe ser tamén a prioridade do Goberno galego”, insisten.
“Non se trata de dicir si ou non a un proxecto concreto, senón de actuar con seriedade, transparencia e compromiso co sistema universitario galego”, responden cuestionados por Praza.gal sobre a inciativa de Cesuga.
Mentres a UDC amosa as súas reticencias a Cesuga e o PSdeG pide "responsabilidade", a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, insiste no seu apoio a un proxecto que di que é "unha noticia positiva" porque, cre, servirá para "atraer talento, fixar poboación e seguir desenvolvendo e liderando a nivel económico e empresarial a cidade".
Críticas sindicais
Ante esta posición, as críticas a Inés Rey erguéronse xa desde a presentación do proxecto de Cesuga en sede municipal e seguen chegando hoxe en día. Moitas delas sinalando a suposta incongruencia de que unha dirixente socialista apoie esta iniciativa mentres o goberno de Pedro Sánchez ultima unha reforma para endurecer os requisitos para a creación de universidades privadas e poñer couto ao que considera unha proliferación excesiva e sen control do que chegou a denominar "chiringuitos". "A universidade non pode ser unha fábrica de títulos sen garantía", dixera o presidente do Executivo.
Así, CCOO dixo "rexeitar" a creación dunha nova universidade privada en Galicia e "lamenta" o apoio da alcaldesa por "incoherente" coa liña política expresada polo PSOE. Ademais, considera "especialmente grave" que Inés Rey empregase "os recursos e o prestixio institucional do Concello da Coruña para impulsar un proxecto empresarial privado, en detrimento das universidades públicas que vertebran o sistema educativo galego" e que, lembra, "reclaman un mellor financiamento". "As institucións públicas teñen o deber de defender o ensino público como garante da igualdade de oportunidades, non de amparar iniciativas que responden a intereses empresariais", insistiu.
CIG-Ensino, pola súa banda, denuncia o que considera un "plan para ampliar a privatización da universidade galega da man da Xunta e do Concello da Coruña". Así, lembra que hai catro anos advertiu, tras mostrarse contraria á autorización da universidade de Abanca, que "a seguinte peza no xogo do debilitamento da rede universitaria pública galega" sería o apoio a unha nova por parte de Cesuga, "proxecto apoiado por unha parte destacada do empresariado coruñés".
"O que naquel momento non se sabía era que o PSOE coruñés ía saír a amadriñar o proxecto, fortalecendo deste xeito o histórico apoio á privatización do sistema universitario galego promovido polo PP desde a Xunta", critica a CIG, que acusa os populares de impulsar a universidade de Abanca "sen cumprir co que a lei fixa como requisito para a súa creación", ao redundar en titulacións xa existentes, non promocionar o galego ou non ofrecer ningún programa de doutoramento.
A CIG denuncia agora o que considera "un novo intento de avanzar nunha oferta privada totalmente coincidente coa oferta pública xa existente" e entende que "non se lle debe conceder a autorización" para logo "actuar de oficio contra a universidade de Abanca".
Ademais, o sindicato nacionalista critica "o lamentábel espectáculo propiciado pola alcaldesa da Coruña, co seu entusiasta apoio a unha entidade que pretende competir coa oferta pública da cidade, co único fin de lucrarse e promover unha universidade elitista e segregadora".
Inés Rey responde con dureza ás críticas dos sindicatos e carga contra "os gardiáns das esencias permanentes que están todo o día repartindo carnés"
A resposta de Inés Rey ás críticas foi contundente. En entrevista en Radio Coruña, insistiu en que o proxecto de Cesuga é "unha universidade que non vén competir coa pública" e que está impulsada por empresas "que crean entre 20.000 e 25.000 empregos directos" e empresarios que "fixeron esta universidade co seu patrimonio", sen recibir "fondos públicos".
Ademais de gabar a súa política de bolsas e de que "complete a oferta educativa en Galicia", a rexedora cargou contra as críticas sindicais: "Estes gardiáns das esencias permanentes que están todo o día repartindo carnés, que o fagan, pero eu non teño ningún complexo". "Non son menos socialista nin menos de esquerda por apoiar isto, en absoluto", engadiu, tras asegurar que é "a alcaldesa de todos", dos que a votan, "dos que non e dos que discrepan". "Creo firmemente na colaboración público-privada en moitos proxectos, no entendemento entre dous sectores non antagónicos, senón complementarios", rematou.