A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) xa contaba con dúas facultades que imparten catro graos
O Consello da Xunta autorizou este luns á Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE), primeira universidade privada creada en Galicia por iniciativa de Abanca, a creación dunha nova facultade, denominada de Ciencia, Tenoloxía e Xestión da Saúde. A nova facultade ofertará o grao en Psicoloxía, segundo avanzou a propia universidade o pasado decembro.
A UIE, autorizada en 2021 con campus na Coruña e Vigo, contaba ata o momento con dúas facultades, unha de Administración de Empresas e Dereito e outra de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial. Nelas impartíanse ata agora catro graos: Administración e Dirección de Empresas, Administración de Negocios Dixitais, Enxeñaría en Sistemas Intelixentes e Enxeñaría da Empresa.
A nova facultade agora autorizada pola Xunta "operará como un único centro universitario" nos dous campus da universidade en Vigo e A Coruña. Pola súa banda, o grao en Psicoloxía foi informado favorablemente pola Xunta o pasado decembro. A titulación engadirase aos catro graos e diversos posgraos que xa oferta a universidade, centrada no eido empresarial.
Actualmente, as tres universidades públicas galegas ofrecen estudos de grao da área de Ciencias da Saúde. A Universidade de Santiago imparte Medicina, Enfermaría, Odontoloxía, Farmacia, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria; a Universidade da Coruña ofrece Enfermaría, Fisioterapia, Logopedia, Terapia Ocupacional Podoloxía e a de Vigo ten no seu catálogo de graos Enfermaría e Fisioterapia.
Matrícula gratuíta nos graos das universidades públicas
Por outra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou hoxe o decreto que concreta a promesa do PPdeG de facer gratuíta a matrículas para os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores nos centros públicos galegos.
O Consello da Xunta tamén aprobou a matrícula gratuíta nos graos das tres universidades públicas galegas
No caso dos graos, o alumnado de segundo curso en diante deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no curso 2023/24 e matricularse no curso 2024/25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate.
A maiores a Xunta indica que "deberá ter superado as porcentaxes de créditos matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura".