A primeira universidade privada de Galicia iniciou este mes a súa andaina ao tempo que o Consello de Ministros renovou os requisitos para as entidades
A primeira universidade privada de Galicia iniciou este mes o seu camiño para comezar a súa actividade no curso 2022-23. O pasado 13 de xullo, a maioría absoluta do PP permitiu a aprobación da lei que recoñece a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), impulsada por Abanca, malia o total rexeitamento de BNG e PSdeG, así como dos reitores das tres universidades públicas galegas.
Publicada no DOG a lei que deu o visto e prace á universidade impulsada por Abanca a través de Afundación, e á espera de que a nova entidade solicite e reciba a autorización da Xunta para o inicio da actividade académica, o Consello de Ministros aprobou o pasado martes o real decreto que anova os requisitos para a creación e recoñecemento das universidades en España.
Ao terse aprobado xa a norma que dá vía libre á universidade privada, a entidade de Abanca inclúese entre as xa existentes ao entrar en vigor a nova regulación estatal e, polo tanto, tamén entre as que terá, como o resto, un prazo de cinco anos para adaptarse ás novas esixencias, varias delas aínda por cumprir.
A universidade de Afundación terá cinco anos para adaptarse ás novas esixencias estatais, como a de aumentar a súa oferta de ensino
Malia que o deputado por Galicia en Común e líder de Podemos-Galicia, Antón Gómez-Reino, asegurara que o novo decreto supoñía que a universidade de Abanca non pasase "o filtro da nova normativa", a nova entidade terá cinco anos para se adaptar. De feito, e segundo fontes de Afundación, xa contaba con facelo.
Tal e como especifica o novo decreto estatal, un dos requisitos para entrada no sistema universitario español dunha entidade é que "como mínimo" a súa oferta de ensino inclúa "dez títulos oficiais de grao, seis títulos oficiais de máster e dous programas oficiais de doutorado". No caso da UIE, tal e como se recolle no anexo da lei que a recoñece, nun principio ofrecíanse catro títulos de grao, catro másters e dous programas de doutoramento. Haberá ampliación.
"Xa tiñamos prevista esta expansión que agora aproba o Ministerio de Universidades e desenvolveramos xa o plan estratéxico, perfilado desde hai tempo, para adaptarnos a esa nova normativa", aclaran fontes de Afundación, que aseguran que no novo regulamento "no fondo" favoréceos no seu "propósito de ser unha universidade de calidade, sen masificación, personalizada e con maior masa crítica académica". Así, insisten en que o proxecto da UIE "adaptarase ás especificacións da nova normativa e ao número de titulacións que se require". "É positivo poder presentar aos estudantes máis opcións", din.
"Tiñamos prevista esta expansión que aproba o Ministerio e desenvolveramos xa o plan estratéxico para adaptarnos á nova normativa", di Afundación
Desde Afundación "celebran" que "se poña o acento na calidade tanto no caso da universidade pública como privada". "En España é moi necesario mellorar o produto de investigación, non investigar unicamente, senón que as investigacións, que os seus resultados, sexan relevantes", din.
Ademais, o decreto aclara tamén que a oferta académica debe cubrir polo menos tres dos cinco grandes ámbitos do coñecemento (Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura).
Por outra banda, as universidades non poderán ter máis do 40% do profesorado con contratos temporais, deberán achegar un mínimo do 5% do seu orzamento a programas propois de investigación, así como cumprir cun número mínimo de publicacións científicas e/ou patentes e proxectos investigadores.