As tres universidades públicas únense contra o aval da Xunta ao grao de Dereito na privada de Abanca

Facultade de Dereito da Universidade da Coruña CC-BY-SA Praza.gal

A 'Universidad Intercontinental de la Empresa' anunciou a comezos deste mes que ofrecerá estudos Dereito no curso 25-26 e avanzou que ten xa "informe favorable" da Consellería

O pasado 11 de decembro a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), a universidade privada impulsada por Abanca a través da súa fundación que opera dende 2021, anunciaba que no curso 25-26 "incorporará un novo grao de Dereito". A empresa explicaba, ademais, que tiña a súa nova titulación "en proceso de verificación", se ben avanzaba que xa fora "informada no Consello Galego de Universidades" nesa mesma xornada con "informe favorable" da Secretaría Xeral de Universidades, paso previo ao aval definitivo pola Xunta.

Na súa comunicación, a UIE daba practicamente por feita a implantación dunha nova titulación que, polas formas e o fondo, deu lugar a un amplo malestar nas tres universidades públicas. Ese rexeitamento véñeno de concretar a través dunha posición conxunta dos catro centros públicos que imparten este grao en Galicia: as facultades de Dereito da universidades de Santiago e da Coruña e mais as de Dereito e de Ciencias Xurídicas da Universidade de Vigo.

Facultade de Dereito da Universidade de Santiago CC-BY-NC-ND Menórica

As tres universidades públicas ven con "preocupación" a implantación da que "sería, na práctica, a quinta titulación destas características" en Galicia, unha "distorsión" para unha "oferta académica ben cuberta" con 180 prazas na UDC, 170 na USC e 130 na Uvigo -entre as súas facultades viguesa e ourensá-. De feito, agregan, a propia Secretaría Xeral de Universidades manexa dende 2018 un informe oficial que considera "apropiadas en canto a número" as prazas de Dereito.

Trato desigual a respecto das públicas

Advirten de que a nova carreira privada é "contraria" á lei por "reiterar" unha oferta académica existente na pública e ven no anuncio da UIE unha actuación "fraudulenta" que "non sería permitida a ningunha das universidades públicas"

Pero, aínda máis, advirten, "esta reiteración cunha nota titulación resulta contraria ao sinalado" na lei que rexe as universidades galegas dende 2013, que "condiciona a creación de novas universidades a que o seu catálogo de titulacións sexa complementario e non reiterativo" ás preexistentes. "Dende logo, estes preceptos véñense esgrimindo ás tres universidades públicas públicas" dende a Consellería "para informar negativamente e denegar a implantación de novos títulos". "Resulta incomprensible que non fosen igualmente aplicados nesta ocasión", reprochan.

"Botamos de menos que se arbitre un sistema para que a implantación de novos títulos por parte das universidades privadas se someta, cando menos, aos mesmos procedementos e requisitos esixidos ás universidades públicas", resumen nun contexto no que ven "sorprendente" que a universidade e Abanca "xa estea a publicitar" o seu grao en Dereito malia non estar oficialmente autorizado mentres a Xunta amosa "pasividade ao respecto". Esta, advirten, é "unha actuación non só fraudulenta para o potencial alumnado", senón que "con certeza, non sería permitida a ningunha das universidades públicas".

Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, en Ourense © UVigo

Todas estas razóns, engadidas a que "non se pode asegurar a calidade da formación" mediante a proposta da UIE, que "carece de profesorado e de experiencia investigadora" en cotas "minimamente aceptables para acometer unha titulación de grao en Dereito", levan a USC, UDC e Uvigo a reclamar do Goberno galego que "non autorice de modo definitivo a implantación" esta carreira. "No caso de que, como entendemos preceptivo, previamente á definitiva autorización se someta ao Consello de Universidades", conclúen, "pedimos aos nosos reitores e ás presidencias dos nosos Consellos Sociais que voten en contra".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.