Entre as novas medidas, figura a esixencia de que as universidades conten cun mínimo de 4.500 alumnos e alumnas matriculadas nos seus primeiros cinco anos de actividade. Haberá máis controis da solvencia económica dos proxectos
A iniciativa privada leva anos introducíndose na universidade a través de distintas estratexias. As universidades privadas non son algo novo (a primeira, Deusto, creouse en 1886), pero nas últimas décadas foron poñéndose en marcha máis e máis iniciativas deste tipo, de xeito na que actualidade hai xa no Estado case tantos centros públicos (50), coma privados (46), de xeito que moi pronto os segundos pasará a ser maioría. Dende 1988 abríronse en España 26 universidades privadas e ningunha pública.
A proliferación de centros privados, nalgúns casos de dubidosa calidade, e a presión que estes exercen sobre as institucións públicas, especialmente nas áreas nas que os seus promotores detectan opcións de negocio, levou esta semana ao Goberno central a modificar o Decreto de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, de 2021, para endurecer os requisitos para a creación destes centros. O obxectivo, como destacou o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, é garantir unha maior calidade do ensino universitario en España, acabando con “eses chiringuitos educativos que non cumpren o nivel que cabe esixirlle” á educación superior.
Entre as novas medidas, figura a esixencia de que as universidades conten cun mínimo de 4.500 alumnos e alumnas matriculadas nos seus primeiros cinco anos de actividade. Haberá máis controis da solvencia económica dos proxectos, esixíndose un aval bancario. Tamén se esixirá aos seus promotores experiencia da xestión universitaria e se lles esixirá maior transparencia da información presentada, para revelar as empresas e fondos que impulsan cada proxecto.

Estes centros privados, que están a experimentar un auxe nos últimos anos grazas á "sistemas administrativos de autorización e control do seu funcionamento moi laxos" e ás "altas taxas de ganancia" que xeran para os seus promotores, carecen en moitos casos da calidade que se lle debería esixir á educación superior
Ademais, porase couto á apertura de universidades a distancia, de xeito que se máis do 80% do alumnado segue os cursos de forma online, o centro deberá contar con autorización das Cortes xerais do Estado. Neste senso, o Goberno vai impulsar un plan de "relanzamento" da UNED para que o alumnado que queira estudar a distancia non teña que recorrer a un centro privado. Igualmente, esixirase a creación dun 10% de prazas de aloxamento en residencias. Tamén se esixirá un maior esforzo en investigación, de xeito que un mínimo do 2% do orzamento da universidades deberá provir de convocatorias competitivas de investigación.
O Goberno espera aprobar o decreto en maio, previa consulta, nas vindeiras semanas, con reitores e estudantado. Na súa intervención ante os medios para presentar a iniciativa, Pedro Sánchez foi moi crítico coas iniciativas privadas favorecidas por algúns gobernos autonómicos, aos que acusou de "primeiro recortar recursos" da universidade pública para "minar o seu funcionamento" e posteriormente "cuestionar o seu servizo e calidade, precisamente afectados polos recursos que se detraen" para, finalmente, "cando o deterioro é evidente, presentar a privatización como única saída”.
Pedro Sánchez foi moi crítico coas iniciativas privadas favorecidas por algúns gobernos autonómicos, aos que acusou de "primeiro recortar recursos" da universidade pública para "minar o seu funcionamento"
Que efectos pode ter o novo decreto? Carlos Amoedo, profesor de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña e presidente do padroado da Fundación Praza Pública, subliña o carácter "necesario" desta reforma que busca "equiparar as garantías de calidade" na universidade pública e na privada. Estes centros privados, que están a experimentar un auxe nos últimos anos grazas á "sistemas administrativos de autorización e control do seu funcionamento moi laxos" e ás "altas taxas de ganancia" que xeran para os seus promotores, carecen en moitos casos da calidade que se lle debería esixir á educación superior.
Con todo, Amoedo é aínda prudente á hora de valorar as consecuencias dun novo decreto que aínda tardará uns meses en aprobarse e que "pode mesmo ser impugnado polas universidades privadas".
A UIE, creada en xullo de 2021, chegará en 2026 ao seu quinto ano de vida, e de momento "incumpre todos os parámetros para continuar coa súa autorización (10 titulacións, 4.500 estudantes, investimento do 5% en investigación...)", destaca Amoedo
A proposta do Goberno do Estado, que busca establecer uns estándares mínimos, terá menos efectos en Galicia que noutras comunidades, debido á -de momento- menor implantación das iniciativas universitarias privadas. Pero as consecuencias poden ser importantes tanto para os centros xa en funcionamento (a Universidade Intercontinental da Empresa, UIE, impulsada por Abanca) coma para as solicitudes de creación en trámite, como a presentada por Cesuga.
A UIE, creada en xullo de 2021, chegará en 2026 ao seu quinto ano de vida, e de momento "incumpre todos os parámetros para continuar coa súa autorización (10 titulacións, 4.500 estudantes, investimento do 5% en investigación...)", destaca Amoedo e na actualidade "está correndo desesperadamente para aprobar novos títulos, pero cunha calidade pésima".
Os criterios establecidos polo novo decreto proposto esta semana non serían aínda de aplicación para UIE (deberían pasar outros cinco anos), pero si as esixencias que xa figuraban no decreto de 2021, tamén incumpridas por este centro, que ata agora contou co favor da Xunta á hora de autorizar a súa creación e de concederlle o permiso para ofrecer novas titulacións, moitas veces redundantes e competitivas coa oferta existente nas tres universidades públicas
Galicia, sen universidades privadas ata 2021
No conxunto do Estado existen neste momento 46 universidades privadas, que por exemplo xa son maioría en Madrid (cun total de 13), Canarias e País Vasco. A Galicia non chegaron ata o curso 2021-22
No conxunto do Estado existen neste momento 46 universidades privadas, que por exemplo xa son maioría en Madrid (cun total de 13), Canarias e País Vasco. A Galicia non chegaron ata o curso 2021-22, momento en que comezou a operar a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), impulsada por Abanca, e cuxa autorización no Parlamento galego contou co rexeitamento de BNG e PSdeG. A UIE, con campus na Coruña e Vigo e sede institucional en Santiago, ofrece nestes momentos catro estudos de grao e dous másters, ademais de varios programas de "formación executiva", pero a súa oferta, co beneplácito da Xunta medra en cada curso e esténdese a áreas cada vez máis amplas.
Neste curso acolle na Coruña e Vigo os graos de Enxeñaría en Sistemas Intelixentes, Enxeñaría da Empresa, Administración e Dirección de Empresas (ADE) e Administración de Negocios Dixitais. Pero o vindeiro curso 2025-26 ofrecerá tamén un grao de Psicoloxía nunha terceira facultade (de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión de Saúde) e un grao de Dereito, ambos os dous ofrecidos tamén na Coruña e Vigo.
As críticas contra o "trato de favor" da Xunta cara á universidade de Abanca reaviváronse coa autorización para ofrecer o grao de Psicoloxía e, sobre todo, o de Dereito, xa presente en catro facultades galegas
A creación da UIE contou dende o inicio coas críticas das forzas da oposición, de sindicatos e, sobre todo, das tres universidades públicas galegas, que subliñaron en todo momento que non existía "necesidade" dun centro privado no país, ao tempo que alertaban da "competencia desigual" que esta nova universidade podía exercer contra o sistema universitario público.
No momento de dar a autorización para a creación da UIE dende a Consellaría de Educación prometeuse que a decisión non tería "incidencia algunha" no investimento previsto pola Xunta nos centros públicos, pero dende o Goberno galego e o PP optouse por obviar a cuestión da competencia que este centro privado exercería contra as públicas, un dos asuntos máis criticados polas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e que, de feito, está fixado na lei que rexe as universidades galegas dende 2013, que condiciona a creación de novas universidades a que o seu catálogo de titulacións sexa complementario e non reiterativo ás preexistentes.
Unha UIE en crecemento co beneplácito da Xunta
As universidades públicas concluían que "non se pode asegurar a calidade da formación" mediante a proposta da UIE, que "carece de profesorado e de experiencia investigadora" en cotas "minimamente aceptables para acometer unha titulación de grao en Dereito"
As críticas reaviváronse no momento en que a Xunta concedeu autorización para que a UIE ofrecese o grao de Psicoloxía, duplicando o xa existente na Universidade de Santiago e abrindo unha nova facultade, de Saúde, que no futuro podería acoller outros estudos desta área, presentes na USC (Medicina, Enfermaría, Odontoloxía, Farmacia, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria), UDC (Enfermaría, Fisioterapia, Logopedia, Terapia Ocupacional e Podoloxía) e Uvigo (Enfermaría e Fisioterapia).
E, novamente, cando o Goberno galego autorizouna a impartir o grao de Dereito, que xa conta con facultades na Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo, neste caso nos campus de Vigo e Ourense. Catro facultades de Dereito -con 180 prazas anuais na UDC, 170 na USC e 130 na Uvigo- ás que agora se unirá unha quinta.
"A verdadeira clave é que as competencias de autorización, tutela e inspección das universidades privadas sexan exercidas con rigor por quen ten a competencia, que no noso caso é a Xunta", conclúe Amoedo
As críticas das tres universidades públicas foron unánimes ao subliñar o "carácter reiterativo" deste novo grao de Dereito e ao denunciar un trato de favor da Xunta cara ao centro impulsado por Abanca: "botamos de menos que se arbitre un sistema para que a implantación de novos títulos por parte das universidades privadas se someta, cando menos, aos mesmos procedementos e requisitos esixidos ás universidades públicas", sinalaron as catro facultades públicas de Dereito.
As universidades públicas concluían que "non se pode asegurar a calidade da formación" mediante a proposta da UIE, que "carece de profesorado e de experiencia investigadora" en cotas "minimamente aceptables para acometer unha titulación de grao en Dereito".
"A Xunta ven apostando por relaxar as exixencias e controis sobre as universidades privadas, alegando que favorece a competencia. En realidade, o que se está facendo desde a Xunta é alentar a competencia desleal e a desregulación do servizo público de ensino superior", engade
Neste senso, Carlos Amoedo sinala que "as tres universidades públicas tiveron que acceder ao expediente de autorización pola vía de transparencia: a Secretaría Xeral de Universidades negouse a entregarllo, e alega que é un documento confidencial. Os que o viron, comprobaron que o título de grao en Dereito lle dedica a materias xurídicas menos da metade de créditos. Mesmo así, a Secretaría Xeral fixo un informe favorable".
"O que está pasando co grao en Dereito é moi revelador", engade Amoedo, que introduce unha última cuestión: máis aló da maior esixencia que exista no novo decreto para autorizar ou non a actividade dos centros privados, "a verdadeira clave é que as competencias de autorización, tutela e inspección das universidades privadas sexan exercidas con rigor por quen ten a competencia, que no noso caso é a Xunta".
"Desde hai 16 anos, a Xunta de Galicia ven apostando claramente por relaxar as exixencias e controis sobre as universidades privadas, alegando que favorece a competencia. En realidade, o que se está facendo desde a Xunta é alentar a competencia desleal e a desregulación do servizo público de ensino superior, de maneira coherente cos seus intereses e proxectos ideolóxicos", conclúe
CESUGA, á espreita
No ano 2021 Cesuga rexistrou na Xunta a solicitude para ser recoñecida como universidade privada e independente, o que a convertería no segundo centro privado de Galicia
Nos últimos anos estiveron sobre a mesa outros proxectos de creación de universidades privadas en Galicia, especialmente o do Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), con sede na Coruña e adscrito inicialmente á University College de Dublín. En 2014 Cesuga adscribiuse á universidade privada San Jorge de Zaragoza e ese mesmo ano recibiu da Xunta a autorización para impartir os graos de Arquitectura e Empresas, incorporando posteriormente os graos en Publicidade e Relacións Públicas e en Tradución e Comunicación Intercultural.
No ano 2021 rexistrou na Xunta a solicitude para ser recoñecida como universidade privada e independente, o que a convertería no segundo centro privado de Galicia baixo a denominación de Cesuga International University. Cesuga anunciaba a súa intención de crer dous campus en Galicia e de incorporar centros en América Latina e sinalaba o seu desexo de contar de inicio con once graos, entre eles Enfermaría, Xestión Sanitaria, Ciencias Biomédicas, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Matemática, ADE ou Deseño e Comunicación da Moda.
A reforma do decreto anunciada esta semana polo Goberno central podería dificultar aínda máis que o proxecto de Cesuga se converta en realidade
O anuncio foi recibido con críticas dirixidas contra o centro privado e tamén contra o Goberno galego: "a defensa cerrada da Xunta ao proxecto de ABANCA provoca un claro efecto chamada para quen queira facerse cunha parte do 'pastel' dun sector, o universitario, no que o capital aínda non entrara", sinalaba a CIG. O sindicato alertaba de que os proxectos privados "non camiñan cara unha oferta diferenciada da xa existente senón coa intención de debilitar o sistema universitario público".
Malia o intento de Cesuga de se converter na segunda universidade privada de Galicia, ata o momento non acadou a autorización do Ministerio de Universidades, que lle reclamou melloras na súa solvencia económica e no esforzo dedicado á investigacións, entre outros aspectos. A reforma do decreto anunciada esta semana polo Goberno central podería dificultar aínda máis que o proxecto de Cesuga se converta en realidade.