O novo financiamento das universidades públicas contempla "reformar as titulacións duplicadas" á vez que chega a privada de Abanca

Presentación do acordo para negociar o plan de financiamento das universidades ata 2026 co conselleiro de Educación e os reitores da Coruña, Santiago e Vigo CC-BY-SA Conchi Paz/Xunta

O novo Fondo de Estabilidade Financeira, incluído no plan de financiamento das universidades, repartiráse contando con reformar as titulacións repetidas ou con menos matriculacións

A Consellería de Educación e as tres universidades públicas galegas acadaron un consenso inicial arredor do que será o 'Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026'. Un documento que tiña que ter comezado neste ano 2021, mais foi adiado por mor da pandemia da COVID-19. A nova proposta de financiamento, que está por concretar, propón un investimento de 3.200 millóns de euros no Sistema Universitario de Galicia (SUG) neses cinco anos, o que supón un 31% máis ca os 2.447 millóns inicialmente previstos no plan do período 2016-2020.

Para cubriren a prórroga do plan anterior e as necesidades que chegaron coa crise sanitaria fíxose un aumento do orzamento en 222 millóns de euros en 2021, polo que contando o total investido o incremento que supón o novo plan ata 2026 fica nun 20,2%. Detrás da ″nova folla de ruta″, en palabras do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, está ″seguir reforzando os obxectivos estratéxicos do SUG″.

Alumnado universitario nun campus da Universidade de Vigo CC-BY-SA UVigo

En 2023, cando entre en vigor o requisito da Xunta, a universidade de Abanca ofertará Administración e dirección de empresas, igual que fai a pública

″Este plan supón que as universidades galegas recibirán o maior apoio da historia por parte da Xunta″, asegurou Román Rodríguez. Unha vez aberto o proceso para definir as bases do que vai ser o acordo, as tres universidades teñen que pechar coa Consellería que indicadores van marcar o reparto do orzamento entre os centros da Coruña, Santiago e Vigo. O texto terá que pasar polo Consello Galego de Universidades e mais polo Consello da Xunta antes da sinatura das partes, que se espera para antes de que remate o ano.

Con todo, os orzamentos da Xunta para 2022 xa contemplan 468 millóns de euros para as universidades públicas, case 24 millóns máis que neste ano, dos que ″aproximadamente o 40% se corresponden coa evolución da masa salarial ou o PIB, entre outros conceptos″, segundo indica a Consellería. Neste orzamento tamén se inclúen ″máis de 14 millóns de euros″ para un Fondo de Estabilidade Financeira, Eficiencia e Mellora Estratéxica.

A creación deste novo fondo obedece ao ″fomento de actuacións de melloras en aspectos específicos da actividade universitaria″. Na súa estrea en 2022 irá repartido a partes iguais entre os centros públicos, pero a partir de 2023, para acceder ao reparto, cada un deles ″deberá acreditar o cumprimento dunha serie de obxectivos establecidos, por exemplo contar cunha contabilidade analítica publicada ou reformar as titulacións duplicadas ou con pouca demanda″.

A duplicación de titulacións está recollida na lei do SUG, que se establece que as titulacións deben ter carácter complementario e non reiterativo. Concretamente, este punto é o que levou á oposición galega a rexeitar no Parlamento o proxecto da Universidade Intercontinental da Empresa, impulsado por Abanca nos actuais centros do Instituto de Educación Superior Internacional de Empresa (Ieside), que segue en marcha co apoio do Partido Popular na Cámara.

Foto de arquivo da marcha contra a universidade de Abanca convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública © @susobermello

Tanto BNG como PSdeG argumentaron que titulacións como Administración e dirección de empresas, que figura no currículo do proxecto privado, xa están cubertas no sistema público. A universidade de Abanca, que ten en contra aos tres reitores, aos sindicatos e ás organizacións estudantís, mantén o obxectivo de comezar a funcionar precisamente no curso 2022/2023, para cando a Xunta indica que os centros públicos terán que ″reformar″ a súa oferta de titulacións.

Os reitores das tres universidades galegas celebran contar con "certezas" no escenario financeiro para cinco anos e destacan o seu papel no desenvolvemento do país

O Plan de Financiamento Universitario ata 2026 mantén unha estrutura con dous fondos diferenciados, financiamento non condicionado e financiamento da investigación, e ″avanza no reparto de fondos baseado integramente en indicadores coñecidos, contrastables e homoxéneos″, segundo salientan desde a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desta maneira, as universidades poden planificar estratexias para mellorar o seu financiamento, que no caso da investigación depende en gran medida das achegas externas que acaden os diferentes proxectos. 

O reitor da USC, Antonio López, salientou que contar de volta cun plan de financiamento a cinco anos é unha ″peza absolutamente esencial″ para que as universidades públicas manteñan a autonomía que lles recoñece a súa regulación. ″Temos que ter certeza e previsión sobre cal é o noso escenario financeiro. E esta certeza achégaa un plan de financiamento″, insistiu.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, sostivo que este proxecto supón ″un recoñecemento de que todos pensamos que as universidades públicas están chamadas a xogar importantes papeis no desenvolvemento do país″. Mentres que o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, destacou que ″mellora o anterior, tanto en mecanismos internos de funcionamento como en dotación económica″ e que avanza ″no reequilibrio de financiamento das tres universidades″.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.