A Xunta tira da lei de acompañamento para excluír a presidencia da limitación de dous mandatos de catro anos dos membros dos consellos sociais
Outra modificación lexislativa a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o vindeiro ano que corrixe unha irregularidade. Dentro das 27 mudanzas que a Xunta fai a través deste procedemento de tramitación acelerada e con menos debate, inclúe a modificación da Lei do Sistema Universitario de Galicia para acabar coa limitación de oito anos de mandato que ata agora tiñan os presidentes dos consellos sociais das universidades galegas.
Tiñan aínda que non se cumpría en todos os casos. Segundo a lei que agora muda, a duración do mandato dos membros do consello social, incluído o presidente ou presidenta, era "de catro anos, renovable por unha soa vez". Agora, coa nova redacción, establécese que esa limitación de mandato seguirá aplicándose "agás no caso do presidente ou presidenta do consello social que será renovable por períodos de catro anos".
Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC, e Ernesto Pedrosa, do da Universidade de Vigo, levan desde 2008 e 2011 na presidencia respectivamente
A modificación é relevante tendo en conta que tanto o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), Antonio Abril, como o da Universidade de Vigo (UVigo), Ernesto Pedrosa, levan máis tempo no cargo do que lles permite a lei. O primeiro, avogado do Estado e ata hai uns meses secretario xeral e do consello de administración de Inditex, ocupa o cargo desde 2008 logo da dimisión da súa antecesora, Felipa Jove. Xa que logo, máis de trece anos á fronte cando o máximo, de acordo coa lei, eran oito.
Ademais, Antonio Abril é desde 2017 presidente da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades de España, entidade que aglutina os consellos sociais das universidades públicas e os consellos e padroados das universidades privadas de todo o Estado.
No caso de Pedrosa, prestixioso avogado, e segundo lembra a propia UVigo, foi nomeado presidente do Consello Social en setembro de 2011, hai xa máis dunha década. Pola súa banda, Cecilia Sierra, vicepresidenta de Urovesa e ex-concelleira do PP en Santiago, asumiu a presidencia do Consello Social da USC aínda en 2019.
A Xunta xustifica a mudanza legal para "favorecer a continuidade das funcións de representación, dirección e planificación xeral da actividade dos consellos sociais"
Segundo argumenta a propia Xunta na lei de acompañamento dos orzamentos, e "dada a natureza" do consello social "como nexo de unión e participación da sociedade nas universidades, estímase oportuno que o órgano unipersoal da presidencia do mesmo, non teña limitado temporalmente a renovación do mandato, favorecendo deste xeito a continuidade das funcións de representación, dirección e planificación xeral da actividade" deste órgano.
Tal e como explica a Xunta, aos consellos sociais correspóndelles a "supervisión das actividades de carácter económico da universidade e do rendemento dos seus servizos e promover a colaboración da sociedade no financiamento da universidade, así como cantas outras funcións lle sexan atribuídas por esta lei e a demais normativa aplicable".
Ademais, e segundo explicita a lei, o presidente ou presidenta dos consellos sociais das universidades son designados ou designadas "pola Presidencia da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de universidades, logo de escoitar o reitor ou reitora da universidade".