O Diario Oficial de Galicia publicou este 18 de xullo un anuncio no que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, daba conta do "inicio dun procedemento de investigación da titularidade de setenta e sete inmobles situados na aldea modelo de Mouteira-Parada", en Cerdedo-Cotobade. É a primeira vez, explica a propia Consellería, que o Goberno galego emprende por esta vía un "expediente de investigación" para "clarexar a titularidade" de parcelas agrarias. Neste caso, dun total de 77.
A Xunta activa a investigación para "clarexar a titularidade" de 77 parcelas atinxidas por unha das súas aldeas modelo e mentres, inclúeas no Banco de Terras como medida cautelar
O significado político desta acción, abeirada na Lei de Recuperación da Terra Agraria do ano 2021, non é menor. Non en van, cando unha parcela está "suxeita a este procedemento de investigación", a Xunta intégraa "transitoriamente no Banco de Terras" para, explica Medio Rural, "poder poñelas en produción". Neste caso, para poder integralas dentro do proxecto da aldea modelo (espazos nos que a Xunta sinala boas prácticas no sector agrario), que neste caso abrangue 427 leiras de 109 titulares distintos, que suman un total de 17 hectáreas.
Explica Medio Rural que, ao meter no Banco de Terras as leiras de titularidade descoñecida mentres o Goberno galego tenta localizar as persoas propietarias permite "evitar tanto o propio deterioro dos predios coma o risco ambiental que supón a súa situación de abandono". E, "ao tempo, posibilítase o seu aproveitamento agrario" cunha medida "cautelar" que "non supón a perda de dereitos por parte de posibles titulares". Se aparece a persoa propietaria, está contemplado que a Xunta lle devolva a leira e o que eventualmente cobrase por arrendala.
Medio Rural explica que incluír as leiras no Bantegal permite evitar que se deterioren, prevén riscos e propicia o seu aproveitamento. Cando o Goberno de PSdeG e BNG o creou, o PP alertou de que medidas coma esta supuñan unha "sovietización encuberta" e a "incautación" de propiedades privadas
Esta explicación non é moi diferente ofreceu o Goberno de coalición de PSdeG e BNG (2005-09) e, concretamente, o seu conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (BNG), cando en 2007 crearon o Banco de Terras, nacido con medidas nalgúns casos mesmo menos rigorosas que a vixente Lei de Recuperación da Terra Agraria. O Bantegal, sinalaba a Xunta gobernada pola esquerda, incluía entre as súas previsións a incorporación ao "patrimonio públco" das parcelas de propiedade descoñecida para poñelas á disposición das explotacións que as precisasen mediante arrendamentos que cobraba a propia Xunta.
Cando a lei do Banco de Terras chegou ao Parlamento, atopou a oposición frontal do PP. Os populares asentaban o seu "non", entre outros aspectos, en que medidas como incorporar ao Banco de Terras leiras de propiedade descoñecida implicaba "intervencionismo, incautación" e unha "sovietización encuberta", afirmara o daquela voceiro popular en materia rural, Roberto Castro, quen despois ostentou outros cargos como subdelegado do Goberno de Mariano Rajoy na provincia de Ourense.
"Coidadiño co sentido da propiedade", advertira Castro, que instaba o conselleiro Suárez Canal a ter en conta que Galicia non era un "país pertencente ao extinto Pacto de Varsovia". Se seguía adiante coa medida, afirmaba, as consecuencias serían "gravísimas".
Na recta final da campaña de 2009, membros do PP contribuíron a difundir panfletos segundo o cal PSdeG e BNG usaban o Banco de Terras para "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas". O partido negara ser autor desa propaganda
Ao chegar as eleccións de 2009, o PP non incluíu no seu programa os ataques ao Banco de Terras, alén de criticalo por ser unha entidade da Administración instrumental que consideraban superflua e prometer que, e gobernaban, fomentarían a "mobilidade" das terras. Non obstante, durante os últimos días daquela campaña electoral, membros do PP contribuían a difundir pola provincia de Ourense panfletos segundo os cales PSdeG e BNG ían "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas". Os populares negaran ser autores daquela propaganda.
Case década e media despois daquela campaña, a casualidade e os ritmos administrativos provocan que, mentres o daquela líder do PPdeG está inmerso na recta final da carreira electoral das eleccións xerais, a Xunta dirixida polo seu substituto, Alfonso Rueda, tramite e publicite a devandita inclusión cautelar de 77 predios no Banco de Terras mentres investiga a súa propiedade. No sitio web de Agader é posible comprobar todos os detalles das parcelas investigadas mentres a Xunta o expón ao público durante vinte días.
A continuación, explica Medio Rural, ábrese un prazo de alegacións dun mes para que as persoas que se consideren afectadas poidan presentar alegacións e, por exemplo, entregar documentación que acredite que as leiras son súas. O proceso non pode durar en total máis de dous anos e, se ao seu remate segue sen estar clara a propiedade, as leiras poden acabar definitivamente integradas no Banco de Terras e a Xunta, dispoñer delas -neste caso, como parte da devandita aldea modelo-.