A Xunta remata por primeira vez unha lexislatura sen ningunha competencia nova

Rajoy recibe a Feijóo ás portas da Moncloa © Goberno de España

Hemeroteca

"Comezaron pedindo, e obtiveron, o apoio unánime do Parlamento para demandar máis de 70 competencias ao Estado (...). Finalmente se pregaron á falla de sensibilidade para con Galicia dun Goberno socialista que, ao mesmo tempo que lle realizaba 35 novos traspasos a Andalucía ou 26 a Cataluña, apenas conseguiron máis que 12 acordos para Galicia". No ano 2009 o PPdeG describía deste xeito no seu programa electoral o escenario do autogoberno galego tras tres anos e medio de mandato da coalición de PSdeG e BNG. Socialistas e nacionalistas só lograran doce transferencias, moitas delas consistentes en "acordos sen contido", reprochaban os conservadores.

"Falaban de involución autonómica pero o tempo pon a cada un no seu lugar", abondaban, nun contexto no que "sendo certo que conforme se vai avanzando cada vez quedan menos competencias por transferir (...), o abano de temas pendentes esixe un esforzo negociador adicional". Catro anos despois, o panorama mudou notablemente, ata o punto de ter o contador do autogoberno cun número notablemente máis baixo, a cero, sendo a primeira lexislatura da historia autonómica que finaliza sen ningunha competencia nova.

Traspasos de competencias do Estado a Galicia 1978-2012 CC-BY-SA Praza Pública

Daquela os conservadores galegos "reafirmaban" a súa "intención de negociar co Estado" para "negociar a ampliación competencial de Galicia" e, ademais, "demandar do Estado medios adicionais" para financiar correctamente cada transferencia. "Trátase -evidenciaban- de conseguir negociar con éxito o traspaso das competencias ou avanzar en fórmulas de coparticipación na decisión". Neste contexto o PP establecía doce ámbitos prioritarios aos que reclamaría estender o autogoberno no caso de retornar ao poder. A ordenación do sector pesqueiro, a investigación oceanográfica, os portos, a ordenación do dominio público márítimo terrestre, a meteoroloxía ou os aeroportos eran algúns dos ámbitos que tratarían de poder gobernar sen pasar por Madrid.

O PP reprochou que o bipartito só lograse 12 competencias; na súa investidura, Feijóo comprometeuse a "continuar" as demandas do Goberno de PSdeG e BNG

Unha vez gañadas as eleccións, no seu discurso de investidura Alberto Núñez Feijóo fixou tamén posición na materia. "O Goberno vaille dar continuidade ás demandas competenciais que (...) o Goberno bipartito presentou perante a Administración do Estado na pasada lexislatura", afirmou dende a tribuna do Parlamento. Tras esa declaración de intencións inicial o máximo responsable da actual Xunta en materia de relacións co Estado despois de Feijóo, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, establecía unha axenda de prioridades composta por dous paquetes de transferencias pendentes. 

O primeiro incluía as tres competencias pactadas en 2008 polo daquela vicepresidente, Anxo Quintana: museos, bibliotecas e arquivos estatais, bolsas de estudo e Inspección de Traballo. A continuación, aseguraba, a Xunta negociaría dez máis: a titularidade das autoestradas AP-9 e AP-53, obras hidráulicas, dominio público hidráulico, ordenación pesqueira, meteoroloxía, investigación oceanográfica, titulacións e tarxetas naútico-pesqueiras, inspección e vixilancia pesqueira, ordenación do dominio público marítimo-terrestre e persoal de Xustiza. 

Sección dedicada ao autogoberno no programa do PP en 2009 (premer para ampliar) © PPdeG

Neste contexto foi no que se celebraron as comisións bilaterais Galicia-Estado entre a Xunta e o Goberno do PSOE, reunións que non tiveron tradución en incremento do autogoberno por, segundo o gabinete de Feijóo, o bloqueo do equipo de José Luis Rodríguez Zapatero. Por este motivo, tras o cambio de cor política en La Moncloa polas eleccións de novembro de 2011, o propio Rueda asegurou que mantería a súa "actitude firme, comprometida e realista co avance do autogoberno" porque "redunda na mellora da xestión pública". Por este motivo a Xunta, sinalaba o conselleiro, "lle trasladará ao novo Goberno de Madrid a posición que mantivo dende sempre, baseada "nun maior autogoberno desde a responsabilidade e a lealdade". Unha vez chegado o final do partido, o marcador segue a cero.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.