A USC aproba o convenio coa Xunta que lle permite bloquear outra facultade de Medicina en Galicia

Reunión do Consello de Goberno da USC, no pasado mes de maio CC-BY-SA USC

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou este mércores un novo concerto co Sergas "para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitaria". O polémico acordo engade un novo capítulo á batalla na que a Xunta e as tres institucións universitarias están involucradas desde que a Universidade da Coruña (UDC) manifestase en maio a súa intención de implantar a titulación de Medicina no curso 2027-28, propósito para o que xa iniciou expediente entre duras críticas do Goberno galego. 

Este novo concerto —que a UDC criticou duramente antes de que saltase á luz pública e do que dixo non ter información nin por parte da USC nin da Xunta— supón que todos os centros sanitarios do Sergas en Galicia quedan adscritos á Facultade de Medicina de Compostela, a diferenza dos que están vixentes de 2001 e son prorrogados periodicamente, que vinculan as instalacións de cada área á súa universidade. 

Os reitores das universidades de Vigo e Santiago, cos conselleiros de Sanidade e Educación CC-BY-SA Xunta

O texto supón ratificar o modus operandi habitual: o uso de todos os centros sanitarios públicos de Galicia para a formación do alumnado de Medicina da USC, ben sexa nas prácticas na Atención Primaria como nos hospitais. Pero hai máis. O documento, ao que tivo acceso Praza.gal, engade a vinculación en exclusiva de todos os hospitais universitarios á USC, que tería a última palabra no caso de que a UDC ou a Universidade de Vigo quixesen implantar a titulación de Medicina. Dito doutro xeito: non o poderían facer se Santiago non quere. 

O convenio dá a última palabra á USC no caso de que A Coruña ou Vigo quixesen implantar Medicina; non poderían sen o seu visto e prace

O texto é claro: "Os hospitais universitarios non poderán estar vinculados por concerto ou convenio a máis dunha universidade para a impartición dunha mesma titulación, agás que concorran situacións excepcionais, nas que a universidade inicialmente conveniada deberá estar de acordo na ampliación a outra/s universidade/s da actividade dese hospital universitario". 

Xa que logo, no caso de que o Consello da Xunta dea tamén o visto e prace ao novo concerto que este mércores aprobou a USC, todos os hospitais universitarios en Galicia estarían vinculados á Facultade de Medicina compostelá, polo que a UDC ou a UVigo deberían pedir permiso á Universidade de Santiago para poder vincular os hospitais da súa área ás súas facultades de Medicina, no caso de que a súa implantación fose adiante. 

A Consellería de Sanidade asegura que este parágrafo limítase a reproducir a normativa estatal que regula os concertos e di que será o mesmo que contemplen os que se están a tramitar coa UDC e a UVigo. 

Desde o ámbito universitario galego vese este acordo con claridade como unha resposta ás intencións da UDC e, de paso, aos que poidan vir tamén desde Vigo. Unha forma de atrancar un proceso que apenas acaba de comezar. 

 "Os hospitais universitarios non poderán estar vinculados por concerto ou convenio a máis dunha universidade para a impartición dunha mesma titulación", di o convenio Sergas-USC

Pero o reitor da USC, Antonio López, antes da entrada na reunión do Consello de Goberno, abriu a porta a modificar o convenio se finalmente a UDC implantase Medicina. Asegura que non habería "ningún problema", pero que mentres haxa "unha única" titulación, adscribir todos os centros ao Sergas "é o modelo máis responsable e respectuoso"

O texto do acordo tamén aclara que, "en todo caso, existirá a posibilidade de realización de prácticas académicas por outra universidade diferente da universidade vinculada", pero "baixo convenio especı́fico e previa autorización da universidade vinculada".

Facultade de Medicina, en Santiago de Compostela CC-BY-SA USC

Para a UDC, tal e como aclarou nun comunicado á súa comunidade universitaria, o acordo supón "un exercicio de deslealdade sen precedentes" e lembra que nada se mencionou "ao respecto" na última das xuntanzas do grupo do traballo para a descentralización. Supón, di, "apropiarse de todos os recursos sanitarios dispoñibles en Galicia para os estudos de Medicina". 

O reitor da USC abre a porta a modificar o convenio co Sergas se a UDC implanta Medicina

Ademais, e logo de que a Xunta reaccionase argumentando que adscribir o CHUAC —ou o CHUVI para o caso no caso da UVigo— en exclusiva á UDC impediría que os estudantes de Medicina de Santiago puidesen facer as prácticas nos centros sanitarios da área coruñesa, a UDC negouno. "O alumnado de Medicina seguiría recibindo docencia clínica no CHUAC como se veu facendo ata agora; negar iso é descoñecer a realidade universitaria", engadiu logo para acusar a Sergas e Xunta de "recentralizar". 

Visións contrapostas

A Consellería de Sanidade, pola contra, insiste en que este novo concerto e os que faga coas outras universidades permitirá "seguir avanzando na descentralización da docencia nos estudos de Medicina", pero o reitor da UDC, Ricardo Cao, xa advertiu que este pacto para diversificar as prácticas foi roto este ano cando a USC convocou dúas prazas vinculadas á súa facultade para impartir docencia no CHUAC, momento no que A Coruña decidiu reclamar a titulación propia. 

A UDC teno claro: "Que un hospital quede vinculado a unha universidade para a impartición de certas titulacións significa que a docencia se imparte no hospital por profesorado de dita universidade. Polo tanto, co novo convenio Sergas-USC, a docencia clínica de Medicina sería impartida integramente por profesorado da USC en todos os hospitais de Galicia". "Isto non é descentralizar, senón recentralizar", din. 

O reitor da UDC, Ricardo Cao, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey CC-BY-SA Concello da Coruña

Desde o Concello da Coruña, pola súa banda, a alcaldesa, Inés Rey, cualificou este mércores de "agravio" o acordo entre Sergas e USC e advertiu tamén de que suporía que a USC se "apropiase de todos os recursos" sanitarios públicos para a súa Facultade de Medicina e que o seu profesorado impartise a docencia clínica. Así, manifestou a súa "rotunda oposición" ao concerto e instou o Goberno galego a "rectificar de inmediato"a vinculación do CHUAC á universidade compostelá

Inés Rey cualifica de "agravio" o concerto entre Sergas e USC e advirte dunha "concepción centralista e arcaica"; Caballero carga contra quen considera que Vigo "é colonia de Santiago e da Xunta"

"Exíxolle ao presidente da Xunta que non", insistiu. "É un retroceso sen precedentes, que responde a unha concepción centralista e arcaica de ollar só a Santiago", engadiu Rey. 

Desde Vigo, o alcalde Abel Caballero criticou un convenio "asinado en segredo, sen que ninguén o soubese, no que se garante a exclusividade a Santiago da docencia práctica en todos os centros sanitarios e hospitais de Vigo". "E négannos a nós a facultade", denunciou. "Consideran que somos unha colonia de Santiago e da Xunta", engadiu, tras acusar a Rueda de "estar medindo mal esta cidade desde hai moito tempo".  

Un convenio firmado en secreto, sin que nadie lo supiera, en el que le garantizan la exclusividad a la facultad de Medicina de Santiago de la docencia práctica en todos los centros de atención primaria de Vigo, en todos los PAC de Vigo, en todos los hospitales de Vigo, y nos niegan a nosotros la facultad"

Tamén este mércores, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acusou a UDC de "rachar coa posibilidade de poñer en marcha un título en Medicina de forma consensuada" e asegurou que os seus movementos "poden ser cualificados de todo menos de leais". Ademais, asegurou que o concerto coa USC busca a "descentralización" e lembra que "os hospitais son do Sergas, non dunha universidade en concreto".

O conselleiro de Educación carga contra a UDC e o de Sanidade asegura que o concerto "non interfire para nada na posibilidade de ter outra titulación"

Desde a Consellería de Sanidade, o seu titular, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que o concerto aprobado este mércores "non interfire para nada na posibilidade de ter ou non ter unha titulación de Medicina na Coruña" e cre que a polémica débese a "certa confusión". Así, defendeu que os acordos son "bilaterais" e que o Sergas concerta "todos os seus dispositivos sanitarios seguindo un criterio de titulación, non de territorialidade". Ademais, negou que a UDC non soubese deste novo acordo coa USC. "Non é certo, discutiuse no grupo de traballo", di. 

Ademais, o BNG da Coruña reclamou á Xunta que "retire" o convenio coa USC, que considera "unha agresión á UDC" e supón "un paso atrás na descentralización da formación médica clínica". “A razón de fondo do proceder da Xunta neste asunto é deixar o campo libre á implantación dunha facultade privada de medicina na Coruña”, entende o Bloque. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.