Feijóo reclama ao Goberno central a apertura dos comercios de maior tamaño e permisos para a caza e a pesca fluvial

Alberto Núñez Feijóo en rolda de prensa © Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou este domingo nunha nova xuntanza por videoconferencia con Pedro Sánchez, e os restantes líderes autonómicos. No marco deste encontro, Núñez Feijóo realizou unha serie de reclamacións ao Goberno central, referidos sobre todo á organización da Fase 1, que comeza este luns en Galicia, pero tamén ao reparto de fondos ás comunidades autónomas para facer fronte aos gastos xerados pola enfermidade e, igualmente, aos criterios que se seguirán para autoriza o tránsito de territorios ás seguintes fases do desconfinamento.

Núñez Feijóo reclamou que os comercios de maior tamaño tamén poidan abrir as súas portas sempre que non empreguen máis que 400 metros cadrados para a súa actividade, deixando o resto do espazo pechado ao público

Neste senso, o presidente da Xunta esixiu coñecer xa "os criterios que vai manexar o Ministerio para pasar á Fase 2". "Se hai unha comisión de expertos que parametriza e obxectiva os criterios, poderemos ter éxito na superación deses criterios", afirmou, amosando a súa seguridade de que Galicia estará en disposición de avanzar a esa nova fase dentro de 14 días. Núñez Feijóo salientou que a enfermidade segue a controlarse e afirmou que "nunca houbo na sanidade galega tantas camas libres nos hospitais. Nunca tivemos tanta dispoñibilidade e potencia instalada".

Entre as principais reclamacións expresadas polo presidente da Xunta está a relativa á apertura dos comercios cunha superficie superior a 400 metros cadrados. A partir deste luns poderá abrir en Galicia o pequeno comercio (con limitación da súa capacidade ao 30%) sempre que a súa superficie sexa inferior. Pola contra, as tendas de maior tamaño non poderán facer. Núñez Feijóo reclamou que estes comercios de maior tamaño tamén poidan abrir as súas portas nas mesmas condicións sempre que non empreguen máis que 400 metros cadrados para a súa actividade, deixando o resto do espazo pechado ao público.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta © Xunta

O presidente da Xunta tamén foi crítico coa prohibición da práctica da caza e da pesca fluvial durante a Fase 1

O presidente da Xunta tamén foi crítico coa prohibición da práctica da caza e da pesca fluvial durante a Fase 1. Nos últimos días e semanas o Goberno galego autorizara estas actividades, pero a orde ministerial publicada este sábado no BOE as exclúe expresamente. Núñez Feijóo afirmou en rolda de prensa que "non ten sentido que hoxe se poida ir a pescar e mañá non porque o BOE así o concreta. E non ten sentido que se aprobaran batidas de xabaríns para protexer os cultivos, e que agora non se poida". A autorización da Xunta á caza e á pesca recreativa fora moi criticada por organizacións ecoloxistas e, de igual xeito, a prohibición decretada polo Goberno central espertou as críticas de entidades de cazadores, como a Asociación de Tecores Galegos.

Os centros de día aínda non abrirán este luns en Galicia, á espera de fixar uns protocolos sanitarios

O Goberno galego pediu tamén "aclaracións" sobre a reapertura de centros de días de discapacidade e de maiores, que poderá producir na Fase 1. Núñez Feijóo indicou, no entanto, que en Galicia aínda non se producirá esta luns, ata contar cos necesarios protocolos. "É unha poboación vulnerable e necesita unha estratexia e circuitos seguros. Estamos traballando cos centros e as entidades sociais para abrir estes centros", sinalou o presidente da Xunta. 

Así mesmo, Núñez Feijoo reclamou que se revisen os criterios seguidos para o reparto entre as comunidades autónomas dos 16.000 millóns de euros que o Estado central entregará para facer fronte á epidemia. En concerto, criticou que dentro do criterio sanitario "só se teña en conta o número de camas hospitalarias e de camas de UCI utilizadas", xa que esta medida "prexudica a aquelas comunidades que, ao igual que Galicia, tomaron tamén outras decisións para evitar o colapso dos hospitais, como a apertura de residencias integradas, con 250 camas operativas, ou o sistema de teleasistencia para o seguimento de 3.500 pacientes". 

De igual xeito, o presidente da Xunta pediu que as comunidades autónomas teñan a posibilidade de coxestionar a Renda Mínima Vital, co obxectivo de "non duplicar" prestacións.

Convocatoria das eleccións

Núñez Feijóo indicou que decidirá a data dos comicios tendo en conta os resultados do estudo epidemiolóxico que está a levar a cabo a Xunta e atendendo sempre a criterios sanitarios

Finalmente, en rolda de prensa o presidente da Xunta referiuse á convocatoria das eleccións ao Parlamento galego, que tiveron que ser suspendidas pola epidemia de coronavirus. Núñez Feijóo indicou que decidirá a data dos comicios tendo en conta os resultados do estudo epidemiolóxico que está a levar a cabo a Xunta e atendendo sempre a criterios sanitarios. 

Indicou que o Goberno galego xa solicitou "a algúns especialistas" un informe sobre o momento en que a celebración dunhas eleccións podería ser máis seguro, con menos probabilidades dun rebrote e afirmou que en canto coñeza os resultados dese informe o fará "público"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.