A morte dun cazador en San Xoán de Río eleva a 16 os falecementos en Galicia nos últimos anos

Cazadores CC-BY piqsels

Un cazador morreu este domingo en San Xoán de Río mentres participaba nunha batida de xabarín autorizada pola Xunta. O home, de 63 anos de idade e veciño de Paderne de Allariz, recibiu un disparo accidental dun dos seus compañeiros mentres estaba agachado agardando pola aparición dos animais. 

O pasado 2 de decembro un mozo de 21 anos faleceu en Chandrexa de Queixa cando a súa escopeta se disparou accidentalmente

O persoal sanitario achegouse de inmediato ao lugar, pero nada puideron facer para salvar a vida do cazador, que morreu case no acto polas graves feridas ocasionadas. O falecido era un experimentado cazador. A investigación baralla que o accidente se puido producir polo rebote da bala contra unha pedra.

Esta é a segunda morte relacionada coa caza nos últimos meses en Galicia. O pasado 2 de decembro un mozo de 21 anos faleceu en Chandrexa de Queixa, moi preto deste novo accidente, cando a súa escopeta se disparou accidentalmente mentres cazaba perdices cun amigo. Ademais, ao longo deste outono dous cazadores máis resultaron feridos de distinta consideración en Carballeda de Valdeorras e Castrelo do Val, ao ser alcanzados por disparos accidentais de compañeiros.

Cazadores nun monte galego © Federación Galega de Caza

Vilalba, Bóveda, Lugo, Cabana de Bergantiños, Muíños, Ordes, Ortigueira, Cervantes, Vila de Cruces, Rubiá, Ribas de Miño, Laza e Melide rexistraron mortes relacionadas coa caza nos últimos anos 

Estas dúas novas mortes elevan a 16 o número de falecementos relacionados coa caza en Galicia nos últimos 13 anos. Os outros sucesos tiveron lugar en 2007 (Vilalba), 2008 (Bóveda), 2009 (Lugo e Cabana de Bergantiños), 2010 (Muíños e Ordes), 2011 (Ortigueira e Cervantes), 2012 (Vila de Cruces e Vilalba), 2013 (Rubiá e Ribas de Miño), 2015 (Laza) e 2016 (Melide). 

Colectivos ecoloxistas e colectivos animalistas levan anos denunciando os perigos que a actividade da caza ten non só para os propios cazadores, senón para calquera persoa que se atope no monte durante as batidas, sobre todo as que teñen lugar fóra da tempada de caza. Neste senso, a morte en 2010 en Ordes dun home de 84 anos que paseaba polo monte revelou o risco ao que están exposta calquera persoa que se atope próxima aos lugares nos que se practica a caza, mesmo sen ser cazador.

En 2017 a Consellería de Medio Ambiente acordou coa Federación Galega de Caza financiar un proxecto para "fomentar" a caza entre menores de 30 anos

Tamén se fai fincapé na necesidade de extremar a precaución no que atinxe aos menores de idade, evitando que participen na actividade da caza.  O falecemento no outono de 2013 dun rapaz de 17 anos en Ribas de Miño puxo de manifesto a perigosidade destas situacións. Na actualidade, a Lei de Caza de Galicia, aprobada en 2013 fixa nos 16 anos a idade mínima (artigo 58). Colectivos sociais e partidos da oposición veñen reclamando elevar a idade mínima aos 18 anos. A pesar disto, en 2017 a Consellería de Medio Ambiente acordou coa Federación Galega de Caza financiar un proxecto para "fomentar" a caza entre menores de 30 anos para que coñezan esta actividade como un deporte saudable e sustentable".

En Galicia hai ao redor de 38.000 licenzas de caza. A cifra reduciuse notablemente nas últimas dúas décadas: en 1997 o número achegábase ás 80.000

Así mesmo, entidades coma a Sociedade Galega de Historia Natural teñen denunciado "malas prácticas" ou a ausencia de controis e de medidas de seguridade tanto para protexer os cazadores como a persoas alleas. Nesa denuncia, a SGHN destacaba que a caza provoca cada ano en Galicia máis mortos que os accidentes de tráfico, en termos relativos, tendo en conta que a tempada dura apenas tres mesas e que só uns poucos milleiros de persoas teñen permiso de armas. En Galicia hai ao redor de 38.000 licenzas de caza, a maior parte correspondentes a varóns. A cifra reduciuse notablemente nas últimas dúas décadas: en 1997 o número achegábase ás 80.000, segundo datos da Xunta.

Nos últimos anos incrementouse o número de denuncias recibidas polos cazadores por infrinxir a lei. Neste senso, dende a SGHN esixiuse que se "comece a realizar de inmediato controis de alcolemia e sustancias psicotrópicas entre todos os cazadores".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.