"A morte deste rapaz ten que abrir un debate serio ao redor da participación dos menores na caza"

Manifestación contra a caza © Libera

Este sábado pola tarde un rapaz de 17 anos morreu eu Ribas do Miño mentres participaba nunha batida de caza. Os datos da investigación indican que o falecemento se debeu a unha bala rebotada, pero non é a primeira morte dun menor mentres participa nesta actividade, e grupos ecoloxistas e en defensa dos dereitos dos animais sinalan que é chegado o tempo de limitar a participación de nenos e adolescentes. 

Rubén Pérez, voceiro de Libera, subliña que “o que demostra o accidente desta fin de semana é que non podemos deixar que persoas menores de idade anden polo monte mentres haxa fogo real" e conclúe que "a morte deste rapaz ten que abrir un debate serio ao redor da participación dos menores na caza, ao igual que o está habendo noutros eidos, por exemplo no que respecta á asistencia dos menores ás touradas". O colectivo considera "absurda" unha normativa que faculta os menores a participar en actividades de "inherente perigosidade, mentres carecen de dereitos básicos coma o dereito ao sufraxio activo e pasivo". 

"Cando no seu entorno ves a violencia cara a un animal como algo permitido e aceptado, podes repetilo con outros animais"

Na actualidade a idade mínima para participar nunha batida con armas de fogo é de 16 anos. Colectivos como Libera levan tempo solicitando en distintas instancias que esta idade se eleve até os 18 anos, e ao mesmo tempo denunciando as presións dos cazadores, nomeadamente da Federación Galega de Caza, para reducila até os 14, no marco debate da reforma da lei galega que regula esta actividade. “O sentido desta medida pode ser un afán recadatorio, para que os rapaces de menos de 16 anos teñan que pagar unha licencia, aínda que supostamente non poden tocar un arma de fogo. E despois, un interese en adoutrinar rapaces cada vez máis pequenos", destaca Rubén Pérez, que denuncia neste senso o “adoutrinamento nunha actividade cruenta, que é rexeitada por unha parte importante da poboación e que cada vez recibe máis críticas pola súa inutilidade".

Libera destaca que a limitación do acceso dos menores ás cacerías, ao igual que noutros espectáculos nos que participen animais, coma a Rapa da Bestas, é "unha acción de prevención da violencia cara aos animais", pois "cando no seu entorno ves a violencia cara a un animal como algo permitido e aceptado, podes repetilo con outros animais".

Pérez lembra que a actividade dos cazadores "conculca os dereitos das persoas non cazadoras" pois "por riba do 90% do territorio galego son tecores, son terreos ordenados cinexeticamente" e "durante as tempadas de caza maior e menor todo o monte está tomado"

Pérez lembra igualmente que a actividade dos cazadores "conculca os dereitos das persoas non cazadoras" pois "por riba do 90% do territorio galego son tecores, son terreos ordenados cinexeticamente" e "durante as tempadas de caza maior e menor todo o monte está tomado polos cazadores". Engade que "sabemos que hai moitas irregularidade e moitas imprudencias" e sinala a este respecto que  “estamos un pouco cansos de que cada vez que hai un accidente se fala de balas rebotadas e de infortunios, parece que deixamos todo ao azar, cando falamos dunha actividade na que hai armas de fogo e fogo real"

As emendas da Federación Galega de Caza non só piden rebaixar a idade para participar nas batidas, pero tamén piden que se elimine a prohibición de cazar animais domésticos. Outras das alegacións e propostas presentadas pola Federación Galega de Caza buscan reducir a distancia mínima de seguridade entre vivendas e zonas de adestramento de 500 a 100 metros, ou rebaixar de "moi grave" a "leve" a consideración da caza en terreos vedados e reducir, en consecuencia, a multa económica, que pasaría de 6.001 euros a 100.

Batida de caza © Libera
Manifestación contra a caza © Libera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.