ADEGA esixe á Xunta que suprima as autorizacións para cazar lobos

ADEGA denuncia que nos últimos anos varios animais foron cazados ilegalmente na Serra do Cando © ADEGA

ADEGA vén de dirixir un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural solicitando que suprima as autorizacións para cazar lobos. A entidade ecoloxista sinala que se trata "dunha práctica anacrónica, acientífica", que "non proporciona solucións de coexistencia coa gandería, condiciona a ecoloxía da especie" e que "perpetua unha visión negativa sobre o papel e función que o lobo xoga no medio natural". ADEGA solicitoulle tamén á Xunta información sobre o número de batidas concedidas no último ano e o seu resultado. En concreto, a entidade amosa a súa "preocupación" polas "condicións que poden estar detrás da autorización" das recentes batidas celebradas en Abadín e Vilalba, que non deron con lobo ningún.

ADEGA solicitoulle tamén á Xunta información sobre o número de batidas concedidas no último ano e o seu resultado

A asociación destaca que dende os censos dos anos 80 a poboación do lobo na Galica ofrece un tamaño semellante. O lobo está presente no 72,17% do territorio galego, máis en Lugo e Ourense e en menor medida na provincia de Pontevedra. Con todo, é o norte da provincia de Pontevedra e o sur da de Ourense a que presentaría concentracións maiores. O censo de lobo ibérico realizado entre os anos 2013 e 2015 cifraba as mandas de lobos existentes en Galicia en 90, 14 delas compartidas con Asturias, Castela-León e o norte de Portugal. O número total de lobos en Galicia situaríase así entre os 600 e os 800 exemplares.

A asociación destaca que dende os censos dos anos 80 a poboación do lobo na Galica ofrece un tamaño semellante

"Non hai máis lobos, a poboación non medra e mantense sumida nun control ilegal polo que morren de 200 a 300 exemplares anuais, practicamente o mesmo numero dos que nacen" sinala ADEGA. A entidade engade que si hai un incremento na contabilización dos danos debido á mellora no rexistro das comunicacións do 012 e á maior publicidade das axudas "e non por un incremento da poboación". "As axudas compensatorias e as que incentiven un maior e mellor manexo preventivo deben incrementarse, e non decaer coma acontece neste último ano", subliña a organización.

En 2016 o número total de reses mortas por ataques de lobos (ou doutros animais) foi de 1.573, fronte ás 1.258 de 2015 e ás 1.466 de 2014, unha cifra que se mantén estable nesta década, e que tivo o seu máximo en 2010 (1.733). Neste tempo descendeu o número de ovellas mortas, pero incrementouse o de vacas. Lugo é a provincia con máis reses mortas, con máis dun terzo do total. As axudas convocadas pola Xunta para paliar os danos producidos polo lobo para o ano 2018, publicadas en xaneiro, achegan 279.958 euros, cen mil euros menos dos que se achegaban na orde correspondente ao pasado ano (379.958) e inferior tamén á convocatoria de axudas para 2016 (358.958 euros).

Sobre as batidas, ADEGA lembra que aínda que están previstas no Plan de Xestión do Lobo de 2009, "precisan de informes técnicos e autorizacións rigorosamente xustificadas", algo que non sempre se cumpre

Sobre as batidas, ADEGA lembra que aínda que están previstas no Plan de Xestión do Lobo de 2009, "precisan de informes técnicos e autorizacións rigorosamente xustificadas", algo que non sempre se cumpre. A entidade sinala que "unha aplicación rigorosa do Plan resultaría suficiente para proporcionar solucións sen necesidade de recorrer a unha medida tan drástica, polémica e daniña". Ademais, lembra que os controis "poden ter un efecto contrario ao pretendido e incrementar os danos. Non existe evidencia científica que demostre o éxito deste tipo de actuacións". "Pedímoslle á Xunta que poña en marcha un plan de divulgación e sensibilización sobre a especie, tal e como marca a normativa. Sobre o lobo infórmase con escaso ou nulo rigor, e só fai falta unha desas noticias para que a nivel local cause un impacto ecolóxico crítico para a especie", explica ADEGA.

 

Prevención e pagamento xusto de indemnizacións

"De manterse un presuposto anual acorde cos danos producidos, e de efectuarse os pagos en poucas semanas, así como simplificando o método de tramitación, avanzaríase moito na mellora de solucións para favorecer a coexistencia"

"Matar lobos é algo anacrónico e as alternativas de xestión pasan por activar protocolos de manexo preventivo do gando, que vén mostrándose coma a maneira máis efectiva para reducir os danos", resume. Ademais, engade que as medidas preventivas "deben completarse cun áxil e xeneroso pago de medidas indemnizatorias por danos". "Unha insuficiente dotación, xunto cos atrasos acumulados e a tardanza en facer efectivas estas axudas son un problema que impiden alcanzar unha solución", sinala. "De manterse un presuposto anual acorde cos danos producidos, e de efectuarse os pagos en poucas semanas, así como simplificando o método de tramitación, avanzaríase moito na mellora de solucións para favorecer a coexistencia", din.

Neste sentido, dende ADEGA avógase por cambios na tramitación. "Os danos que sexan certificados in situ polos Axentes de Medio Ambiente como ataque seguro de lobo, sexa suficiente dita acta pra resolver o pago en cuestión de días, sen necesidade de agardar ao ditame da comisión de valoración de danos. Só naqueles casos onde os Axentes puideran apreciar dúbidas razoables da orixe dos danos pois someter a verificación á comisión de valoración", sinala.

 

Galicia divídese en tres zonas para a xestión do lobo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.