Adega denuncia na Fiscalía as batidas para controlar a poboación do lobo en Galicia

Lobos tras ser abatidos © Adega

Adega leva á Fiscalía Ambiental do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) as autorizacións de caza do lobo por parte da Xunta. A asociación ecoloxista entende que "non cumpren coas condicións recollidas no Decreto 297/2008, do 30 de decembro", polo que se aproba o Plan de xestión do lobo no país. "Estase a dar unha incorrecta execución desta norma, e en consecuencia causando un prexuízo ambiental e ecolóxico a esta especie, menoscabando a protección da nosa fauna e flora máis singular", indica o colectivo, que cre que non proceder da Administración pode haber "indicios dabondo dun delicto de prevaricación administrativa".

Adega cre que as autorizacións incumpren o Plan de xestión do lobo e cren "un prexuízo ambiental e ecolóxico" á especie

Nunha detallada denuncia, Adega achega á Fiscalía argumentos que, segundo din, probarían que se están "ditando resolucións para 'controis poboacionais' de lobo de xeito discrecional, cun claro propósito de favorecer unha actividade cinexética que a lei de caza limita ostensiblemente". "Os responsábeis administrativos ignoran sistematicamente as normas esenciais do procedemento, sometido a unhas inexistentes 'directrices de xestión', e contravindo de maneira arbitraria a lexislación vixente", din. 

Segundo o artigo 8 do Plano do Lobo, para que teñan lugar “controis poboacionais” deberase previamente comprobar a ineficacia dunha avaliación técnica dos danos sobre o gando, da adopción de medidas preventivas, do grao de conflitividade social e do estado poboacional do lobo, que deberá ser obxecto de seguemento. Resulta preceitivo ter en conta uns “gradientes de valoración de danos” e unhas “directrices de xestión” que "a Administración non desenvolveu tal e como marca o Decreto do Lobo", segundo Adega. 

Oo colectivo ecoloxista advirte do incremento das autorizacións para batidas e agardas que derivan en "chafalladas"

O colectivo ecoloxista lembra que nesta nova lexislatura, Medio Ambiente incrementou as autorizacións para controis, ben con batidas ou con agardas, derivando algunhas "nunha auténtica chafallada coma o recente caso de Friol, que rematou coa morte dun can". E lembran que o vindeiro domingo 12 terá lugar outra en Cotobade, onde nos últimos meses se autorizaron varios "controis poboacionais" de lobo, en atención ás demandas dun particular que estaría resultando danado por ataques do lobo.

"A Administración non ten feito suficiente para afrontar esta problemática nin para desactivar o conflito, fallando nos incentivos e apoios e na posta en marcha de medidas de prevención, así como no pago áxil dos danos", considera Adega, que  na denuncia inclúe referencias a literatura científica xeralizada que indica que este tipo de medidas drásticas "provocan un efecto contrario ao que pretende". "A destrución ou alteración da particular estrutura social que marca as pautas de comportamento dos lobos que viven en grupos familiares incrementa os ataques a presas fáciles, nas que o gando ocupa unha posición preferente", rematan. 

Lobos tras ser abatidos © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.