O director de cada grupo proporá ao resto de integrantes, que “terán dereito a percepción dunha compensación económica en concepto de produtividade ou de gratificacións extraordinarias”
A Lei de Reactivación Económica aprobada polo PP en febreiro simplifica trámites ás empresas, desregula permisos ambientais e facilita que a Xunta poida reorganizar o funcionariado para axilizar o reparto e execución dos fondos europeos de recuperación que cheguen a Galicia. Os populares engadiron a última hora ao seu texto orixinal de 64 artigos todo un capítulo con outros 13 artigos para permitir que a Xunta mude funcións ao seu persoal, lle dea “gratificacións extraordinarias” ou cree unidades administrativas temporais para xestionar os fondos europeos. E agora, no desenvolvemento da lei, tamén quere que persoal non funcionario poida dirixir grupos de traballo que se creen nos entes paralelos da administracións para xestionar eses fondos. [NextGenerationUE, PERTE, Proxecto tractor: guía para non perderse nas axudas á recuperación tras a COVID que chegarán a Galicia]
Se a Lei de Reactivación fose impulsada polo Goberno galego, previamente tería que negociala cos sindicatos, pero os populares decidiron propoñela a través do seu grupo parlamentario para saltar ese e outros trámites, de xeito que os representantes do funcionariado nin sequera foron coñecedores do texto. Coa lei xa en vigor, o Goberno galego si vén de comunicar aos sindicatos o acordo co que o Consello da Xunta quere desenvolvela, un texto que contempla a creación do que denomina “grupos de traballo” para a xestión dos fondos europeos, á fronte de cada cal estará un “director de grupo”.
A Lei de Emprego Público de Galicia xa contempla que nas entidades públicas instrumentais -nunha na administración xeral- postos directivos como os das subdireccións xerais poidan ser cubertos “excepcionalmente” por persoas que non sexan funcionarias de carreira. A Xunta vén de acollerse a esa excepción para nomear subdirector da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao ex-deputado do PP Moisés Blanco, que en xullo non foi quen de revalidar o escano no Parlamento.
Agora a Xunta quere estender esa excepción tamén ao eido da xestión dos fondos europeos, de xeito que establece que na administración xeral o director de grupo “deberá ser en todo caso empregado público, funcionario de carreira do grupo A ou persoal laboral fixo do grupo I”, pero engade que “excepcionalmente, no caso das entidades do sector público autonómico” como as axencias ou empresas públicas “poderá ser designada unha persoa que sexa persoal directivo que non ostente a condición de empregado público, sempre atendendo a criterios de especialización que deberán estar debidamente xustificados e motivados”.
A primeira función que se lle fixa ao director de grupo é a de “propor entre os candidatos existentes aos máis idóneos para a constitución do grupo de traballo”. Un persoal ás súas ordes que si deberá ser funcionario ou laboral e que “terán dereito a percepción dunha compensación económica en concepto de produtividade ou de gratificacións extraordinarias”, o que CIG e CSIF consideran unha porta aberta ao amiguismo a dedo.
Ademais de complementos de produtividade ou gratificacións extraordinarias, quen forme parte dos grupos de traballo dos fondos europeos poderá ver recoñecido o traballo na súa carreira profesional
Entre as funcións do director de grupo estarán, ademais da planificación do traballo, render contas da “evolución do traballo e necesidades para consecucións dos fins” ou “propor o incremento ou a diminución do número de efectivos”. O texto establece que as compensacións a ese persoal serán a través de complementos de produtividade no caso de “realización de tarefas de especial complexidade, dedicación e esforzo nas que a iniciativa e interese do persoal empregado público resulte decisivo na consecución dos obxectivos”.
Tamén poderán ser gratificacións extraordinarias para “tarefas dunha complexidade menor, nas que o factor determinante é o tempo de dedicación máis que a iniciativa e esforzo persoal”. Ademais, “poderá terse en conta o traballo desenvolvido a efectos de recoñecemento profesional ou na carreira administrativa do persoal empregado público”.
A Xunta segue sen revelar que proxectos e empresas quere que reciban os fondos europeos NextGenerationUE
Os grupos de traballo, así como outras unidades administrativas que poida crear a Xunta, serán os encargados de tramitar os fondos europeos de recuperación tras a crise da COVID-19, englobados baixo a denominación NextGenerationUE. O Goberno galego leva xa varias presentacións públicas do que asegura que serán as liñas de investimento deses fondos, advertindo preventivamente dun suposto interese do Goberno central por prexudicar a Galicia co seu reparto, pero sen revelar aínda cales son os proxectos concretos que quere impulsar con eles nin as empresas privadas que se verían beneficiadas.