Unha ducia de pozas e piscinas naturais en Galicia
Vai calor e nestes días apetece remollarse no mar ou na piscina, pero tamén en ríos ou pozas. En Galicia temos centos de praias litorais estupendas, tamén praias fluviais, que xa repasamos nestoutra ducia, e igualmente un bo número de recunchos nos que a natureza formou piscinas naturais nas que tomar un baño cando as temperaturas soben.
-
01
Pozas de Melón
Aquí as atoparás, moi pertiño da A-52 e a só media hora da cidade de Ourense, formadas no Río Cerves. Por elas pasa tamén unha ruta de sendeirismo
-
02
Pozas de Mougás
As Pozas de Mougás están situadas en Oia, formadas polo río Peito, que baixa as augas dende o alto da Serra da Groba
-
03
Piscinas naturais do Río Pedras
As pozas do Río Pedras atópanse na Pobra do Caramiñal, apenas a uns cinco quilómetros da vila, subindo cara ao interior da Península do Barbanza
-
04
Poza da Moura
A Poza da Moura atópase no Monte Domaio, no concello de Moaña, a pouco máis de tres quilómetros da Ponte de Rande. Aínda que O Morrazo é unha comarca con fermosas praias (como tamén o é O Barbanza), non está mal ter a opción de dar un baño refrescante nestas piscinas naturais dende as que, ademais, se pode ver a Ría de Vigo.
-
05
Piscinas naturais de Noveira
As piscinas naturais de Noveira están situadas no concello de Mazaricos, moi preto do Ézaro, ao pé das fervenzas do mesmo nome, formadas no Río de Arcos.
-
06
Caldeiras do Río Castro
As Caldeiras do Río Castro están situadas en Muxía e constitúen outro dos fermosos recunchos da Costa da Morte, cun amplo espazo para o baño en varias piscinas naturais.
-
07
Fervenzas da Barosa
O río Barosa forma en Barro unha serie de fervenzas que, acompañadas dunha sucesión de muíños, conforman un espazo privilexiado para o paseo e o descanso nestes días de calor, a menos de 25 minutos de Pontevedra ou Vilagarcía.
-
08
Fervenza de Vilagocende
A Seimeira de Vilagocende é unha das fervenzas de maior caída en Galicia, con 50 metros de altura. Está situada na Fonsagrada e por ela pasa unha ruta de sendeirismo ideal para facer este verán.
-
09
Fervenza de Augacaída
A Fervenza de Augacaída atópase en Pantón, en plena Ribeira Sacra e tamén constitúe unha das máis altas de Galicia, cunha caída de 40 metros. Pódese chegar a ela a través dunha ruta que corre moi preto do Río Miño e do encoro dos Peares.
-
10
Fervenza do Toxa
A fervenza do río Toxa está en Silleda e ten unha altura total duns 60 metros. Cun aparcamento nos seus arredores, atópase moi preto do mosteiro de Carboeiro, a uns 40 quilómetros de Compostela e a uns 30 de Lalín
-
11
Fervenzas do Segade
A fervenza do río Segade, en Caldas de Reis fórmase no río Umia, e pódese chegar a ela a través dunha ruta que inclúe varios muíños, unha ponte romana e unha central hidroeléctrica de 1900. A uns poucos metros da N-550, o espazo atópase a medio camiño entre Pontevedra e Compostela e moi preto de Vilagarcía.
-
12
Pozo de Corme
E, por último, deixamos para o final unha espectacular piscina natural de auga salgada, o coñecido como Pozo de Corme, situado no Cabo Roncudo (Ponteceso), moi preto do lugar onde os percebeiros xogan a vida para recoller o mellor produto. Fórmase cando baixa a marea, polo que se deben tomar moitas precaucións para acceder a ela, unicamente co mar en calma.