Unha ducia de praias fluviais
Hai unha Galicia que non ten preto eses máis de 1.500 quilómetros de costa que suma o país. Pero nesa Galicia interior tamén hai praias das que poder gozar en verán.
-
01
Praia da Calzada (Ponte Caldelas)
No río Verdugo atópase a primeira praia de Galicia en conseguir, o ano pasado, unha bandeira azul. É a da Calzada, en Ponte Caldelas.
-
02
Praia da Antena (Ourense)
Malia que a oferta de baño en Ourense está dominada polas diversas termas que agroman ao longo do río Miño, a súa temperatura fai que nesta época para algúns sexa máis acaída a praia da Antena, cunha calidade da auga excelente, segundo o Sergas.
-
03
Praia da Madalena (Vilalba)
Con area máis que aceptable e espazos para o baño ben delimitados e protexidos, esta praia no río Madalena conta xunto a ela cun amplo parque e con piscinas municipais ao aire libre cun chamativo tobogán coa forma da torre de Vilalba.
-
04
Parque náutico de Castrelo de Miño
Ademais de contar con varias praias moi preto cunha excelente calidade certificada polo Sergas, o parque náutico de Castrelo do Miño é unha das referencias en Galicia para practicar deportes acuáticos en auga doce igual ou mellor que no mar.
-
05
Praia de Prada (A Veiga)
A auga de mar máis próxima está a máis de dúas horas e media de coche do encoro de Prada, no Concello da Veiga. Pero alí tamén hai unha praia de calidade excelente segundo as análises do Sergas.
-
06
Praia de Allariz
Aínda que o Sergas non o inclúe dentro das súas análises periódicas de auga de baño, o Concello de Allariz ten un espazo delimitado como tal no río Arnoia.
-
07
Praia de Perdices (Entrimo)
En pleno Xurés tamén é posible atopar praias, como esta de Perdices, no río Casal ao seu paso por Entrimo.
-
08
Praia de Chaián (Santiago)
A poucos quilómetros ao norte da capital galega está a praia de Chaián, un espazo sen area pero habilitado para o baño con merendeiros e análises periódicas da calidade da auga.
-
09
Praia da Freixa (Ponteareas)
Unha das praias fluviais máis concorridas de Galicia, malia que este ano non conte cos habituais servizos de socorrismo, é a da Freixa, no río Tea ao seu paso por Ponteareas.
-
10
Praia de Pozo do Boi (Lalín)
No río Deza, aos pes da Serra do Candán, entre as parroquias de Laro e Vilatuxe, atópase esta praia fluvial de calidade excelente segundo as análises da Xunta.
-
11
Praia do Malecón (O Barco de Valdeorras)
Xunto ao paseo do Malecón do Barco de Valdeorras hai tamén un espazo habilitado para o baño a máis de 200 quilómetros da costa máis próxima en liña recta, a do Cantábrico
-
12
Praia de Navia de Suarna
Tamén nos Ancares, en Navia de Suarna, hai un espazo habilitado para o baño no río Navia.