Todo o mundo comentou nalgunha ocasión iso de que os invernos xa non son coma antes, que isto de agora non é frío ou que non se lembra un verán tan abafante coma o último que pasamos. É sabido que a memoria é fráxil e imprecisa e que, se falamos de tempo meteorolóxico, a memoria tamén é curta.
Todo isto é certo, pero deixa de estar no terreo das percepcións persoais se os datos precisos nos din, por exemplo, que durante case 300 días do ano pasado a temperatura estivo moi por riba do normal en cidades galegas como Vigo ou Santiago. Neste primeiro episodio en 2023 do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, coa axuda de Ana G. Liste repasamos datos achegados polo científico climático Dominic Royé para sabermos máis desas temperaturas anormalmente altas.
Neste capítulo repasamos os datos, o "que", pero tamén nos achegamos ao "por que". Royé deunos algunhas das claves ligadas a un índice que se chama NAO, a oscilación do Atlántico Norte, que tamén tentamos explicar. A todo isto, o científico engade unha advertencia: veráns como o pasado non son o punto de chegada, non é a nova normalidade, senón máis ben o comezo dunha xeira con episodios cada vez máis extremos.
Dominic Royé e outras moitas persoas expertas sinalan a descarbonización como unha das claves para tentar frear o cambio climático ou cando menos, paliar a crise que xa temos connosco. Unha parte importante desa aposta por deixar de lado os combustibles fósiles está na produción de enerxía. Nos últimos días do ano coñeciamos uns datos precisamente sobre isto que non deixaban unha fotografía moi optimista.
Marcos Pérez Pena debullou en Praza.gal a información que divulgou Red Eléctrica e que nos dicía, por exemplo, que a seca e a aposta polo gas fixeron retroceder a produción eléctrica de fontes renovables ao seu nivel máis baixo. Nese balance tamén chama a atención o protagonismo do gas, precisamente nun ano no que tanto falamos del, das súas reservas, dos seus prezos, ao fío da invasión rusa na Ucraína e todo o que trouxo consigo.
No segundo tramo deste Fálase mudamos o ton, relaxamos a actitude e mesmo a indumentaria para abrir o primeiro espazo de VINTE no 2023. Coa súa directora, María Yáñez, escoitamos en plena invernía o primeiro que nos trae a factoría da Regueifa Plataforma, unha nova entrega das Miudiño Sessions a cargo de Projecto Mourente (Carlos Valcárcel), que se nos presenta cun aquel de crooner tropicalista.
O ano comezou en VINTE con outro contido tamén ben interesante, A memoria LGTBI en Galicia. Fíxoo xusto despois de que, para pechar 2022, tivésemos unha nova entrega dunha das pezas favoritas de VINTE, os soños de 2022 no Twitter en galego, que amosa como as aventuras no subconsciente non decaen.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.