Sánchez e Caballero conxúranse contra a desmobilización e apelan a manter a vaga de votos das xerais

Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero, no mitin de Vigo deste marte Dominio Público @PSdeG

O alcalde vigués aspira a superar o 60% dos votos e ser rexedor “uns 25 anos máis” pero advirte de que “antes do día 26 non hai nada ganado”

“Antes do día 26 non hai nada ganado”. A frase pronunciouna este martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que goberna coa máis ampla maioría absoluta das principais cidades españolas, con 17 dos 27 concelleiros e un 52% dos votos nas municipais de 2015, e que agora aspira a superar o 60%. Compartindo con Pedro Sánchez o mitin central do día dos socialistas, e apelando a manter a vaga de votos cara ao PSOE das eleccións xerais, o discurso dos dous oscilou entre o optimismo e o chamamento contra a desmobilización, no caso do presidente do Goberno prometendo tamén limpeza, xustiza social e convivencia fronte á corrupción, a desigualdade e a crispación que atribuíu respectivamente a PP, Ciudadanos e Vox.

Foi o propio Caballero o que na súa intervención mencionou que as enquisas do día danlle xa “o 68%” dos votos na cidade. Fíxoo nun pavillón deportivo no que se congregaran unhas 2.300 persoas, segundo a organización, pero que presentaba numerosos asentos baleiros e no que varios dirixentes socialistas alertaban en privado do risco de desmobilización en Vigo pola vitoria que xa se lle dá por segura a Caballero e no resto de concellos por considerar que a vaga de votos ao PSOE das eleccións xerais vai manterse por si soa. Fronte a iso, o rexedor apelou a “votar desde primeira hora” e “encher as urnas de votos para Vigo”, cidade na que cre que vai ser alcalde “aproximadamente uns 25 anos máis”. 

Aspecto do mitin de Caballero e Sánchez no pavillón deportivo de Navia con asentos baleiros á hora prevista de inicio, que non se encheron por completo nin media hora máis tarde, cando comezou CC-BY-SA Praza Pública

Sánchez promete limpeza, xustiza social e convivencia fronte ás políticas de PP, Ciudadanos e Vox, respectivamente

Similar discurso lanzou Sánchez, quen dixo que “despois do 28 de abril todos respiramos, pero non nos esquezamos, aos socialistas non nos gusta deixar as faenas a medias”. O líder socialista admitiu que, ante os resultados que obtén Caballero, en Vigo “os estudos demoscópicos non son normais”, pero insistiu tamén en que por iso é “moito máis importante que votemos”.

En clave estatal, Sánchez contrapuxo as propostas socialistas ás “dos tres veciños do terceiro da dereita”, en referencia as líderes de PP, Ciudadanos e Vox, Pablo Casado, Albert Rivera e Santiago Abascal. Como veciños, dixo “o único que fan é montar ruído” e fronte ás súas políticas contrapuxo as do PSOE: ante a “corrupción” que atribuíu ao PP, Sánchez promete “limpeza”; ante a “desigualdade” coa que identifica a Ciudadanos, propón “xustiza social”; e fronte a Vox, cuxas políticas non cualificou, apelou a “convivencia, convivencia e convivencia”.

Carmela Silva presenta Vigo como "a cidade onde as mulleres ocupamos a metade de todo, porque queremos a metade de todo”

O mitin abriuno a presidenta da Deputación de Pontevedra e man dereita de Abel Caballero, Carmela Silva, incidindo no seu discurso feminista e salientando que esta é a "cidade onde as mulleres ocupamos a metade de todo, porque queremos a metade de todo”. De Sánchez dixo que “representa o mellor de España” e demostra que “os socialistas somos boas persoas”, e de Caballero que é o alcalde “que puxo Vigo no lugar que lle corresponde”.

Carteis do Concello de Vigo e do PSOE no mitin de Caballero e Sánchez CC-BY-SA Praza Pública

 “Co vento de cola que acadamos nas eleccións xerais este partido é imparable”, di Gonzalo Caballero, que engadiu que en Vigo "non facía falta o vento de cola, porque o vento de cola en Vigo chámase Abel Caballero”

Tras Silva, e antes do seu tío, Abel Caballero, interveu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que lembrou os resultados das pasadas xerais a nivel galego salientando que nelas “por primeira vez o PSdeG é a primeira forza política do país”, por diante do PP, e “xustamente nas eleccións en que houbo un maior nivel de participación”. Caballero tamén reclamou “que ninguén se relaxe” e apelou a manter esa mobilización, pero tamén el dixo que “co vento de cola que acadamos nas eleccións xerais este partido é imparable”. Unha frase que matizou a continuación: “Aquí non facía falta o vento de cola, porque o vento de cola en Vigo chámase Abel Caballero”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.