“Abel, fixemos todo isto en Vigo?”. Cando Pedro Sánchez tomou a palabra ante un ateigado vestíbulo do pazo de congresos Mar de Vigo, o público xa estaba apaixonado. Diso encargárase o alcalde da cidade, Abel Caballero, amosando á concorrencia o feixe de papeis que, asegura, recollían a morea de “feitos” do Goberno de España a prol da cidade en só “oito meses” e que, auguran, garanten un apoio “masivo” ao PSOE na cidade o vindeiro 28A.
Con arredor de medio milleiro de persoas que quedaron sen sitio seguindo o mitin dende o exterior por unha pantalla e entre os ecos dunha sonora manifestación do persoal de ENCE contra o eventual peche da pasteira, Sánchez erixiuse en dique contra un eventual goberno tripartito de dereitas. Esa dereita que non é “boa xente”, a que “crispa”, “mente” e “espía os adversarios políticos” só pode ser “freada” cunha vitoria socialista e por iso, apelou, cómpre “concentrar o voto” no PSOE.
O líder do PSOE pide abertamente o apoio a votantes doutras forzas para o "único partido moderado, sensato e cabal". "A vitoria non pode quedar só entre nós", advertiu á concorrencia en Vigo
“A dereita e as súas tres siglas _di Sánchez en referencia a PP, Ciudadanos e Vox- comparten tres cousas” e “unha delas é o adversario, o PSOE”, por ser o “único partido” que lles pode gañar. Para facelo, advertiu, a “vitoria que precisamos non pode quedar só entre nós”, a militancia e os votantes habituais do PSOE. “Temos que convencer a todos os que nalgún momento votaron ao PSOE”, tamén a quen apoiaron outras forzas no pasado. Porque “o único partido moderado, sensato e cabal” para formar goberno tras o 28A é o socialista.
Feijóo e o cuestionamento do autogoberno
"Eu non escoitei a Feijóo dicir nada sobre o cuestionamento do autogoberno" que formula Casado, lamenta Sánchez
Alén de pedir o voto para liderar un Goberno que apste pola “xustiza social”, a “convivencia” e a “limpeza” fronte á corrupción, Sánchez interpelou tamén en Vigo ao PP galego. Nomeadamente, ao presidente da Xunta ao fío dun dos eixos da campaña do seu líder, Pablo Casado: a recentralización do Estado e mediante a devolución de competencias.
“Eu non escoitei a Feijóo dicir nada sobre o cuestionamento do autogoberno” que formula Casado, lamenta Sánchez. E or iso pide o apoio “aos galegos e galegas que grazas ao autogoberno” viron “garantida” a “educación dos seus fillos, a saúde e a cohesión territorial”. Por todo iso, agregou, “o que quero é a Gonzalo Caballero como próximo presidente da Xunta, para que defenda o autogoberno" nunha Galicia na que, advirte Sánchez, o PSOE está en condicións de ser primeira forza política o 28 de abril.
Esa apelación a unhas futuras eleccións galegas chegaba despois de que o propio secretario xeral do PSdeG pedise tamén unha “mobilización masiva”. “Por un voto decídese un goberno”, advertiu Caballero, e iso é tanto como dicir que “un voto pode determinar se a coalición das dereitas coa ultradereita pode ter o goberno”. “As cousas van ben, pero non podemos perder un segundo” sen perder o apoio de “todos os progresistas”, proclamou.