A práctica totalidade das enquisas preelectorais cara aos comicios xerais do 28 de abril coinciden en sinalar que o PSOE será a forza máis votada cun ascenso potenciado pola división do voto da dereita que mesmo o PP sinalou nos seus argumentarios internos de precampaña. Pero esas expectativas optimistas infunden nos de Pedro Sánchez dous temores: un, que boa parte do seu ascenso traia consigo un devalo demasiado intenso de Unidas Podemos que dificulte a formación de Goberno. Outro, que deriven en desmobilización do seu potencial electoral.
Cara a ese segundo risco, o da desmobilización, diríxense boa parte das mensaxes de precampaña dos socialistas, tanto dende a dirección federal do PSOE como en Galicia. Así, por exemplo, este mesmo sábado Sánchez advertía dende Andalucía de que "se non queremos involución" cómpre "mobilización" e tensión de campaña, a comezar pola propia militancia do partido para evitar un "retroceso de 40 anos". E case ao mesmo tempo, en Galicia, o PSdeG lanzaba advertencias no mesmo sentido.
Diante das expectativas optimistas debuxadas polas enquisas nas filas socialistas detéctase o risco de relaxación da súa base electoral: "Cada voto é necesario", advirte Caballero
"Non nos podemos permitir" o "modelo" de sociedade que traería consigo un Goberno da actual dereita española, reflexionou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, durante o mitin de presentación da candidatura socialista ás municipais en Cangas, inevitablemente marcado tamén polo 28A. "Cada voto é necesario" para frear a dereita e tamén para "avanzar no modelo social que representa o soicalismo", afirmou Caballero.
Nun sentido semellante o secretario provincial do partido en Pontevedra, o edil vigués David Regades, aguilloou os presentes no acto sobre o papel que deben xogar nas súas contornas máis próximas. "É fundamental que sexamos capaces de transmitir o importante que é ir votar", resaltou Regades, porque "de nada serve queixarse ao día seguinte se goberna a dereita, os resultados conséguense nas urnas", evidenciou entre lembranzas das eleccións andaluzas.

O impacto do caso da Valedora
"O PP segue sen entender que as sentenzas esixen renuncias reais e non en diferido"
A xuízo de Caballero, na carreira electoral que oficialmente bota a andar a vindeira semana tamén van pesar contra o PP algúns dos últimos acontecementos en clave galega, como o caso da Valedora no que Feijóo, coida, está a tentar "poñerse de perfil". Pero o certo, lembra, é que o Supremo vén de rexeitar "o recurso sobre a sentenza do TSXG que sinalou a nulidade do nomeamento dun familiar dun alto cargo do PP", a irmá do voceiro parlamentario dos populares, precisamente nunha institución que debera ser "exemplo para todos os galegos".
Para o líder do PSdeG a sitaución é "de máxima gravidade" e os movementos do PP e da propia Valedora para que a remuda no cargo non sexa inmediata deixaron a cidadanía "atónita". "O PP segue sen entender que as sentenzas esixen renuncias reais e non en diferido" e, igual que Rajoy "non quixo ver a importancia da sentenza da Gürtel e houbo que retiralo cos votos no Congreso", se a Feijóo "non lle importa a exemplaridade" en casos como o da Valedora, "terá un non rotundo da cidadanía galega" tras este "espectáculo pouco digno" en vésperas do 28A.