Elena Espinosa, Anxo Quintana ou Pachi Vázquez son algúns dos políticos que volven aparecer nunha lista electoral tras anos afastados delas
De ministra a concelleira. De vicepresidente da Xunta a último na lista á alcaldía da vila da que fora rexedor. De conselleiro a candidato a alcalde independente. Ou de ex-alcalde con praza laboral creada á medida a candidato ao Senado. É o resumo das traxectorias dalgún dos políticos que, tras afastarse da primeira liña nos últimos anos, volven aparecer nas listas electorais das próximas xerais ou municipais.
O retorno máis salientable dos que veñen de coñecerse é o de Elena Espinosa, que foi ministra de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente nos gobernos de Zapatero. Nos últimos anos volvera á actividade privada no vigués Grupo Rodman no que xa traballara antes de ser ministra, e agora é recuperada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, como número 3 da súa lista ás municipais, na que aspira a revalidar a súa ampla maioría absoluta. Espinosa volvería así á xestión política local tras ser xa no pasado responsable da daquela denominada Zona de Urxente Reindustrialización de Vigo entre 1985 e 1988 e a continuación e ata 1996 presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo.
Tras ser ministra, e antes de retirarse á actividade privada en Rodman, Espinosa intentou en 2012 facerse coa secretaría xeral do PSdeG, pero foi derrotada por Pachi Vázquez, outro dos que volve agora á primeira liña política. O ex-conselleiro de Medio Ambiente e aspirante á presidencia da Xunta polo PSdeG deixara a secretaría xeral dos socialistas galegos e o Parlamento acosado polas investigacións xudiciais e progresivamente foi amosando o seu distanciamento cos novos líderes ata anunciar a finais do pasado ano que abandonaba o partido. En febreiro presentou a súa propia formación, Espazo Común, e hai dúas semanas confirmaba que será candidato á alcaldía do Carballiño, que xa ocupara de 1995 a 2005 tras pasar do CDS ao PSOE.
Para o Congreso o BNG recupera o ex-concelleiro en Santiago Nestor Rego, que ocupaba cargos orgánicos, e ao ex-deputado autonómico Iago Tabarés, afastado da primeira liña na última década
Tamén alcalde e tamén membro da Xunta bipartita foi Anxo Quintana, que agora, como Vázquez, volve aparecer nunha lista electoral na vila que gobernou de 1989 a 2000, Allariz, e novamente co BNG, pero desta volta no simbólico último posto da mesma, que encabeza Cristina Cid, da que fora parella.
A outro nivel, o BNG tamén recupera para candidaturas a cargos públicos aos seus cabezas de lista ao Congreso dos Deputados pola Coruña e Ourense, Nestor Rego e Iago Tabarés. O primeiro foi concelleiro en Santiago e nos últimos tempos ocupara cargos orgánicos, alén da secretaría xeral da UPG, pero o segundo levaba afastado da primeira liña desde que foi deputado autonómico hai unha década.
O PP recupera para o Senado ao ex-alcalde de Ponteareas Salvador González Solla e o BNG como número 3 desa lista municipal ao seu vello contrincante e antiga promesa do partido Roberto Mera
Outro ex-alcalde que volve á primeira liña é o popular Salvador González Solla, rexedor de Ponteareas ata 2015. Agora, despois de que a Xunta crease prazas á medida para el e outros ex-xerentes das antigas fundacións comarcais, González Solla atopa un oco na lista do PP ao Senado pola provincia de Pontevedra.
No seu momento González Solla chegou á alcaldía de Ponteareas en 2004 cunha moción de censura coa que desbancou un bipartito de PSdeG e BNG no que esta última formación estaba encabezada como tenente de alcalde por Roberto Mera, daquela considerado unha das promesas de futuro do nacionalismo. Nas municipais de 2007 foi o candidato máis votado pero un novo pacto da dereita evitou que fose alcalde. A partir daquela, e malia seguir presente en postos simbólicos da lista do BNG nos seguintes comicios, Mera foise retirando da primeira liña. Pero agora volverá concorrer ás eleccións municipais nun posto con posibilidades de ser elixido, o terceiro.
En Baiona volve presentarse como independente o ex-alcalde polo PSdeG Carlos de la Peña, mentres que en Barreiros recunca co PP o rexedor, Alfonso Fuente, tras ser absolto polo urbanismo desaforado da vila, xuízo polo que deixara o partido pero non a alcaldía
Non lonxe de Ponteareas, en Baiona tamén volve presentarse como candidato á alcaldía, agora coa súa propia formación independente, quen foi rexedor socialista entre 2003 e 2004, Carlos de la Peña. Tras ser apartado por unha moción de censura encabezada polo agora conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, De la Peña foi repescado por José Blanco para un cargo en Adif, pero tras a caída do Goberno de Zapatero foise afastando dos socialistas e agora aspira a vencelos.
No outro extremo de Galicia, unha volta que non é tal é a do rexedor de Barreiros, Alfonso Fuente, alcalde polo PP desde hai década e media que deixou o partido pero non alcaldía a metade deste último mandato, cando foi levado a xuízo polo urbanismo desaforado da vila. Absolto en primeira instancia, e pendente dos recursos formulados, volve concorrer ás eleccións polo PP.
Na propia capital, Santiago, o ex-conselleiro e candidato Agustín Hernández recupera para a súa nova lista electoral a antigos concelleiros dos polémicos gobernos populares de Gerardo Conde Roa e Ángel Currás, como María Castelao e Ramón Quiroga, ou mesmo de máis atrás no tempo, como Evaristo Ben, director de varias das últimas campañas electorais dos populares composteláns ou coruñeses e que volvería así a un cargo público. Tamén en Lugo hai regresos en clave local como o de Xosé Chorén; o que fora líder de Esquerda Nacionalista e concelleiro do BNG será o líder de Lugonovo nas eleccións municipais.