Un proxecto desde a base, coa militancia nun peto e a sociedade noutro. Esta é, segundo aseverou ela mesma, a idea de Elena Espinosa para rexenerar o Partido Socialista de Galicia. "Un proxecto para todos os militantes e tamén a sociedade, porque a nosa razón de ser son os cidadáns", reiterou. Espinosa formalizou a súa candidatura a dirixir o PSdeG ante unha nutrida representación do chamado sector crítico, con moito poder local eminentemente urbano.
Xa son dous nunha carreira con participantes á luz e á sombra
Entre os asistentes, que fixeron de gardas aos lados e detrás da candidata, estaban Abel Caballero e Carmela Silva (Vigo), Francisco Rodríguez (Ourense), Beatriz Sestayo e Iván Puentes (Ferrolterra). Tamén acudiron Modesto Pose, Xosé Manuel Lage Tuñas, Antón Louro, Xaquín Fernández Leiceaga, Silvia Fraga ou Mar Barcón.
A xa candidata a desputar o posto a secretaria xeral con Pachi Vázquez asegura que se presenta porque llo pediu "moita xente", se ben moitos militantes "de base" apuntaron a este diario que descoñecían, ata o venres, que a exministra ía concorrer á secretaría xeral. En calquera caso xa son dous nunha carreira con participantes á luz e á sombra, cun José Blanco que, din outras fontes da formación, está "detrás de moitas cousas que suceden no PSdeG".
"A min non me obriga ninguén, preséntome porque mo pediu moita xente"
Espinosa asegura esta "capacitada" para dirixir a formación e se presenta cun ton de concordia. "Todo o que queira terá cabida neste proxecto", incidiu no hotel NH Obradoiro de Santiago, onde se celebrou o acto de presentación. A exministra non quixo, malia a ser preguntada ao efecto, responder ás declaracións de Vázquez nas que aludía indirectamente ao feito de que Espinosa se presentaba "obrigada". "A min non me obriga ninguén", quixo sentenciar a socialista, "preséntome porque mo pediu moita xente"