Horas do ser ou non ser para a alternativa no PSdeG

Pachi Vázquez intervén na Conferencia Política do PSdeG, en 2009 CC-BY-NC-SA PSdeG

Este mércores ou, a máis tardar, este xoves. Son os tempos que se manexan entre os sectores críticos do PSdeG que apostan por fiar unha "alternativa" á candidatura do actual secretario xeral, Pachi Vázquez, no Congreso Nacional que celebrará o partido entre o 9 e o 11 de marzo. Despois de semanas de conversas e xuntanzas, en boa medida á procura de porlle caras aos líderes do polo crítico, semella que chega o tempo da resolución e, aínda que persisten as dúbidas, entre os que apostan por un cambio amósase a confianza en que haberá resultados concretos moi pronto. Esa confianza reforzouse nas últimas horas, en boa medida, pola reaparición pública de quen sigue a ter un peso fundamental no socialismo galego, o ex ministro de Fomento, José Blanco.

Que Blanco evitase pronunciarse a prol de Vázquez é para moitos reflexo do que se move entre os críticos

Aínda que dende a autoimposta segunda liña a causa das acusacións lanzadas contra el no marco do caso Campeón -as cales semellan comezar a esvaecer-, as valoracións públicas de Blanco non son inocuas. Despois de manter durante case tres anos que Vázquez era, sen paliativos, o "seu candidato" para seguir liderando o PSdeG e optar á Xunta -respondendo tamén así a quen o vía a el mesmo no posto-, o político de Palas de Rei aproveitou este martes as preguntas dos xornalistas nun acto en Lugo para considerar "posible" que haxa "alternativas" ao actual liderado se ben, matiza, "iso téñeno que decidir os delegados" do Congreso, condición que el non ostenta.

Pero alén desa valoración xenérica, o feito de que o ex ministro evitase pronunciarse sobre se a súa preferencia é Vázquez -"a voz e a palabra téñena os delegados", zanxou-, é para moitos reflexo do que se está a mover entre os críticos, que veñen mantendo encontros dende hai semanas durante as que se barallaron múltiples nomes para encabezalos, dende o tamén ex ministro Francisco Caamaño ata o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, pasando pola viguesa Carmela Silva ou o ex voceiro parlamentario Xoaquín Fernández Leiceaga. Desa ampla baralla, entre os que tentan conformar a alternativa ven "máis probable", de cristalizar a operación, o faga "nunha muller". Nas últimas horas, admiten, cobrou forza o que podería ser unha sorpresa para o gran público, situar á fronte á ex titular de Medio Ambiente, Rural e Mariño no goberno de Zapatero, a ourensá con abondosas ligazóns en Vigo Elena Espinosa.

Quen son? Cal é o seu roteiro?

Pero, quen son e onde están as persoas englobadas baixo a difusa etiqueta de "críticos"? As súa procedencia orgánica e xeográfica é diversa. É posible atopalos no grupo parlamentario representados por deputados como o propio Leiceaga, a ferrolá Beatriz Sestayo ou o noiés José Manuel Lage Tuñas, entre outros. Tamén, e cunha importancia central, sitúanse en Vigo, se ben Caballero favorecería a alternativa sen dar a batalla en primeira persoa. Certos sectores da agrupación de Santiago, o entorno de Ferrol e Fene, Pontevedra ou un sector de Lugo estarían tamén por apoiar un movemento que, en xeral, ten matiz urbano e institucional, aínda que non só estes. 

A operación da "alternativa" tería dous tempos: o Congreso e unhas posteriores primarias

E, cal sería o camiño a seguir se a alternativa se concreta? Trataríase dunha operación en dous tempos. O primeiro sería o propio Congreso Nacional, concorrendo á secretaría xeral. Aínda que non lograsen o cargo que actualmente desempeña Pachi Vázquez, explican, unha porcentaxe importante de apoios abriríalles o camiño ao segundo momento, o dunhas eleccións primarias para decidir o candidato á Xunta. Se, por exemplo, se realizase a opción de Espinosa, a ex ministra conduciría unha Executiva máis ou menos plural ata ese proceso de primarias, no que poderían entrar nomes como o do lugués José Ramón Gómez Besteiro, que a pasada semana sinalaba, nunha entrevista en El País, non ter "descartado" tentar concorrer á presidencia do Goberno galego. Quedan horas para "tomar decisións" e, polo tanto, para ver se a alternativa consolida ou se, como se mantén no entorno do secretario xeral, non logran atopar "a quen poñer".

Pachi Vázquez intervén na Conferencia Política do PSdeG, en 2009 CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.