Espinosa liderará o sector crítico nun primeiro envite contra Pachi Vázquez

Elena Espinosa CC-BY-NC-SA RTVE

Funcionou a máquina do chamado sector crítico do PSdeG. Movéronse as pezas e hai candidatura alternativa a Manuel 'Pachi' Vázquez á secretaría xeral dos socialistas galegos. Será Elena Espinosa, exministra con José Luis Rodríguez Zapatero, a elixida por ese polo disconforme coa dirección actual para abrir as fiestras da formación e deixar entrar ese cambio ao que aspiran moitos membros da mesma. A nova confirmouna Europa Press con fontes internas da formación. Espinosa, política cun perfil baixo en Galicia, toma a palabra e deberá explicar por que a súa é mellor candidatura que a de Vázquez.

Como indicou Praza, esta é, en todo caso, unha operación a dous tempos. O primeiro é o propio Congreso Nacional, no cal concorrerán dúas persoas: Pachi Vázquez e Elena Espinosa. Aínda que a persoa elixida polos críticos -neste caso a exministra- non lograse o cargo que actualmente desempeña Vázquez, unha porcentaxe importante de apoios abriríalles o camiño ao segundo momento, o dunhas eleccións primarias para decidir o candidato á Xunta. Así o apuntaron a este diario fontes internas do partido, que cren que nese momento si habería claras posibilidades de formular unha alternativa ao exalcalde de cara ás próximas eleccións autonómicas.

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.