O Parlamento de Galicia non abrirá unha comisión de investigación "sobre a xestión da pandemia da COVID-19 nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade". O PP fixo valer a súa reestreada maioría absoluta no primeiro pleno ordinario da Cámara galega tras sete meses para tombar a petición do BNG, a primeira tratada en pleno na undécima lexislatura e tamén a primeira formulada pola formación nacionalista na súa condición de primeira forza da oposición.
Ana Pontón: "O menos relevante é se pon investigación ou estudo, o relevante é que deamos a resposta que merece as persoas maiores e que o dereito á vellez digna non sexa un negocio nunca máis"
A líder do Bloque, Ana Pontón, defendeu na tribuna parlamentaria a apertura dunha investigación que, reiterou, non ía "contra ninguén". A intención, defende, é mudar un modelo de residencias que "xa facía augas" antes da pandemia", sinalou citando advertencias como as contidas no informe publicado polo Consello de Contas no ano 2018 sobre o "nefasto sistema privatizado" e as súas carencias de persoal e atención.
"Familias e sociedade queren coñecer a verdade" e por iso, ante o rexeitamento do PP, ofrece reformular a proposta e reconverter a comisión de investigación nunha comisión de estudo monográfica sobre o impacto da pandemia nas residencias e a súa posible mellora. "O menos relevante é se pon investigación ou estudo, o relevante é que deamos a resposta que merece as persoas maiores do noso país", afirma, e que "o dereito á vellez digna" non sexa "un negocio, nunca máis".
Puy (PP) defende que malia ao "dramático da situación", os falecementos nas residencias en Galicia "non se produciron aos niveis da media" estatal, e que unha comisión de investigación non sería "construtiva"
O agardado rexeitamento do PP foi verbalizado polo seu voceiro, Pedro Puy, para quen "unha comisión de investigación non é o mellor instrumento para traballar construtivamente" nuns "obxectivos" cos que di concordar, tales como detectar "erros" no modelo de residencias e "aclarar o que non funciona" nelas no contexto da pandemia. "O apropiado é unha comisión de estudo", coida o popular.
O voceiro conservador defendeu o veto á investigación por razóns formais, pero tamén de fondo. Nas residencias, admite, deuse "unha situación gravísima que todos queremos evitar", pero ao seu xuízo cómpre tamén ter en conta que en Galicia, "a letalidade" a COVID-19 "foi máis baixa", cun 1,50% de falecementos que, defendeu, contrasta co 18% de Madrid ou a media estatal do 4%. Malia ao "dramático da situación, en Galicia non se produciu aos niveis da media".
"Galicia precisa esta clarificación; se non honramos os nosos maiores, perdemos a dignidade como país", sinalou Caballero para defender o apoio do PSdeG á proposta do BNG
Ben faría o PP, retrucou Pontón, en "poñerse na pel dos demais" e pensar "que estarán sentido" as familias das persoas usuarias destes centros falecidas durante a pandemia -317 ata este 21 de setembro, 144 delas nas propias residencias-. "Este non é un problema de medias, senón de dor polas vítimas", advertiu a portavoz nacional do BNG, quen se pregunta se para o PP galego "non hai ningún problmea" porque "non o fixeron tan mal como Ayuso". Tamén "importa ben pouco" que noutros parlamentos autonómicos non se investigase o acontecido nas residencias, agregou para responder a Puy, quen advertiu de que en só dúas autonomías se abriron comisións coma esta.
A proposta do BNG si tivo o apoio do PSdeG. Para o seu secretario xeral e voceiro, Gonzalo Caballero, cómpre "un esforzo de empatía" e atender a que piden "as familias e o persoal" destes centros, "investigar" para despois "acertar" cun novo modelo residencias, pero tamén para deixar claro que "mentres aumentaban as residencais, o número de inspeccións" da Xunta "era o mesmo". "Galicia precisa esta clarificación; se non honramos os nosos maiores, perdemos a dignidade como país", advertiu o líder socialista.