O Goberno galego dita novas instrucións para que os centros sociosanitarios non teñan que pechar en territorios con restricións específicas e lígaas a variables que non adoita facer públicas
Máis de dúas semanas despois de anuncialo o daquela conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a Xunta fixo públicos na tarde deste xoves dous novos protocolos para establecementos sociosanitarios como residencias e centros de día. Supoñen unha nova rectificación de protocolos anteriores xa ditados para eses centros, ao igual que vén sucedendo na sanidade ou na educación, desta volta para que evitar que teñan que pechar se se ditan restricións específicas por un aumento da incidencia do coronavirus no territorio no que se localicen. Porén, contemplan medidas graduais en función de niveis de risco baixo, medio ou alto, variables que a Xunta ata agora non adoita facer públicas, opacidade que este mesmo xoves volveu defender o propio Feijóo.
Tras o anuncio dos novos protocolos por Almuiña a comezos de mes, o propio Feijóo volveu anuncialos tras o Consello da Xunta do 10 de setembro, cando dixo que agardaba que se fixesen públicos o luns desta semana. Pero non foi ata a tarde deste xoves, tras un novo anuncio do propio presidente, cando finalmente se divulgaron a través dunha resolución conxunta das consellerías de Sanidade e Política Social datada neste 17 de setembro que entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), algo que este venres 18 aínda non sucedeu.
Os protocolos, di expresamente a resolución, están dirixidos aos centros localizados “nos concellos ou zonas xeográficas nas que se establecen restricións de actividades e aforo, mentres permanezan vixentes”. Neles sinálanse para cada tipo de centros “restricións que dependerán do nivel de risco de aparición e control dun gromo”. Pero a Xunta non vén facendo público o nivel de risco de cada zona e só puntualmente o comunica a través dalgunha das ordes coas que establece restricións territoriais.
Os protocolos pretenden evitar o illamento das persoas usuarias dos centros e promoven "o establecemento de grupos de convivencia estables"
Os protocolos pretenden evitar o illamento das persoas usuarias dos centros. Nas residencias, di o texto, “promoverase o establecemento de grupos de convivencia estables de 10 persoas residentes co persoal auxiliar de xeriatría asignado para este grupo mantendo a maior homoxeneidade posible nas diferentes actividades”.
Tanto nas visitas de persoas alleas ao centro como na saída dos residentes priorízanse os espazos ao aire libre. E gradúanse en función dos anteditos niveis, de xeito que cun nivel alto de risco só pode haber visitas unha vez á semana dunha única persoa de referencia por usuario do centro, mentres que con nivel baixo as visitas poden ser diarias e de 3 ou máis persoas de referencia. Igualmente, con risco alto as persoas residentes evitarán as saídas do centro agás para consultas médicas, mentres que con risco baixo poderán saír a diario. Nos centros de día, os niveis de risco gradúan a cantidade de persoas ou a idade máxima recomendade segundo tipos de actividades.
Por outra banda, malia que o obxectivo dos protocolos é manter a apertura das residencias e centros de día tamén en concellos con restricións, o propio Feijóo salientou na súa comparecencia do 10 de setembro que nos territorios nos que nos días inmediatamente anteriores se estableceran novas medidas fronte ao coronavirus xa se decidira non pechar este tipo de centros. Unha decisión tomada daquela sen que existisen aínda os protocolos divulgados este xoves.