"Non os abrimos porque queremos coidar os maiores". Con esta frase durante o debate electoral deste pasado luns, Alberto Núñez Feijóo volveu deixar claro que non pretende reabrir aínda os centros de día, que retomaron a súa actividade en todas as comunidades autónomas agás en Galicia e malia as queixas de persoal, profesionais do sector, persoas dependentes e familiares que alertan da grave deterioración de moitas das 14.000 persoas usuarias destes espazos para maiores no país.
Feijóo insiste en que a Xunta non abre os centros de día porque quere "coidar os maiores" malia as demandas dos propios centros para unha volta "inminente"
A pasada fin de semana, a Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG), que agrupa sobre un cento destas instalacións, remitiu unha carta á conselleira de Política Social, Fabiola García, reclamando outra vez a reapertura "inminente" e "nas condicións habituais" destes centros, tras advertir do "empeoramento do estado físico e cognitivo das persoas usuarias". O presidente da Xunta, ante as reclamacións de varios dos candidatos da esquerda, insistiu no debate en que "o único" que pretende "é coidar os maiores". E iso supón, segundo asegura, manter pechados os espazos onde reciben a atención e as terapias específicas.
Segundo Feijóo, o problema está no "risco" que, de reabrilos, terían "os traballadores e as súas familias e as dos maiores". Ante as intervencións doutros candidatos, que lle preguntaron se ese risco era maior que o de poder ir ás terrazas ou a unha verbena, o candidato do PP insistiu --como se pode comprobar no vídeo que acomplaña este texto-- en que só pretende "coidar os maiores a pesar de que", segundo di, ao resto de candidatos "non lles interesa". "Está claro que vostedes queren abrir os centros de día... Tomamos nota porque nós preferimos ter todas as garantías", espetoulles.
A Xunta impide abrir aos centros de día que xa recibiron o visto e prace de Sanidade, pasaron a formación e contan co material requirido
Ademais, Feijóo asegurou que nos centros de día levábase a cabo "neste momento" a "formación" do persoal e a adecuación a "un protocolo sanitario". Cumprir con estes requisitos, ademais de contar co material de protección e co visto e prace de Sanidade, son as condicións que a Xunta puxera aos centros para abrir logo de frear o proceso de reapertura activado en maio por Política Social.
Pero agora, a Xunta impide mesmo abrir a centros de día que xa recibiron o visto e prace de Sanidade, que contan co material requirido e cuxo persoal pasou a formación esixida. Así se pode comprobar en varios dos correos recibidos por responsables de varias instalacións, aos que tivo acceso Praza.gal, e nas explicacións dadas desde Politica Social a estes profesionais, que amosan a súa "desesperación" e "enfado" por outro atranco máis e polas "burdas mentiras" que atribúen á Administración.
"Estannos tomando o pelo, demorando o proceso todo o que poden e dando ordes contraditorias desde o propio Goberno", conta unha das afectadas, que relata como varias das persoas usuarias do seu centro están xa nunha residencia "fartas de esperar pola reapertura" e outra faleceu. "Chámannos os familiares todos os días e xa non sabemos que dicirlles", engade outra.
Profesionais alertan de que as áreas sanitarias validan os plans dos centros pero non autorizan a reapertura ao non haber un requisitos específicos nin data prevista
Unha das responsables dun centro rematou hai xa días a formación e reenviou á súa área sanitaria o plan de continxencia esixido pola Xunta. Preguntada pola data para a reapertura e polos pasos a seguir, a xerencia da área acláralle que, malia que os plans achegados "cumpren" coas medidas xerais no protocolo do Sergas para enfrontar a covid, a súa comunicación non pode ser considerada "unha autorización sanitaria" ao non existir requisitos específicos para os centros de día nin "data de apertura establecida" e non ser a súa competencia.
Alude Sanidade a que no protocolo de reactivación no ámbito sociosanitario colgado na web de Política Social non aparece o apartado dedicado aos centros de día, que si está no documento pendurado na páxina do coronavirus do Sergas, tras ser eliminado nun principio e recuperado un mes despois. "Non temos nada claro e as dúas consellerías cargan a responsabilidade na outra", di unha das afectadas.
No caso doutro centro de día, a área sanitaria correspondente deu tamén o visto e prace aos plans de continxencia achegados polos responsables. Ao requirir de Política Social a autorización expresa para a reapertura, o departamento que dirixe Fabiola García volveunos remitir ao Sergas, pero ademais advertiulles de que a volta en condicións normais só sería posible en setembro e que de facelo antes só sería con cita previa e atención individualizada, contradicindo así os protocolos que levan semanas preparando os centros para retomar as actividades habituais.
Unha área sanitaria advirte a centros de día que cumpren cos requisitos que a apertura antes de setembro só sería para atención individualizada e con cita previa
Moitos centros de día seguen sen resposta clara malia cumprir con todos os requisitos. "E acumulando perdas económicas, co risco de ter que pechar e coas persoas usuarias deteriorándose día a día", aclara unha das afectadas, que lamenta "a falta de criterio único" na Xunta e denuncia a "burla" á que din estar sometidos. "Como poden dicirnos agora que a atención só pode ser individual se levamos semanas preparándonos e recibindo información para unha reapertura en grupos?'", pregúntase.
Con todo, e malia que Feijóo reiterou no debate deste luns a súa intención de non pór data á reapertura dos centros de día, un ruxerruxe percorre xa o sector, que cre que é posible que a Xunta active a volta destes espazos, paralizada xa en dúas ocasións: unha cando xa estaba a ser negociada con Política Social desde que o 12 de maio se publicara o protocolo de reactivación e outra, agora, cando o cumprimento das condicións establecidas non permite recibir o visto e prace da Administración para retomar a actividade.
Abertos en todas as comunidades agás en Galicia
"Dá a impresión de que queren que corra o tempo e esteamos calados", di outra das profesionais, que asegura que os familiares das persoas usuarias pregúntanse por que están abertos os centros de día no resto das comunidades e non en Galicia.
Aragón, Canarias e Castilla-La Mancha, as únicas comunidades que os mantiñan aínda pechados, acordaron ou regularon xa a súa reapertura coa fin do estado de alarma o pasado 21 de xuño, que en Galicia se adiantou unha semana a petición da Xunta, que mantivo sine die as restricións nos servizos sociais. No adianto das novas normas para unha seguinte fase do desconfinamento en Galicia a partir do 1 de xullo, Feijóo tampouco fixo alusión aos centros de día.
Desde hai xa meses, a indignación das persoas afectadas e das súas familias segue a medrar. A "deterioración" das condicións dos usuarios e o "drama" relatado polos coidadores incrementouse, ata que o Goberno galego abriu a porta a adiantar a volta e falou dunha "progresiva recuperación da normalidade" que aínda non chega e que desconcertou os e as profesionais, que basearan nun protocolo logo descartado temporalmente o seu plan de reactivación, que ven como virou máis estrito nunha nova guía con condicións de apertura máis esixentes que obrigan o persoal a pasar unha formación moi criticada. Agora, malia cumprirse cos requisitos, a resposta da Xunta segue a ser a negativa, aínda que o ruxerruxe no sector é que a proximidade das eleccións e o medre no enfado das persoas afectadas pode facer recuar a Administración por fin.