Galicia é xa a única comunidade autónoma que mantén pechados os centros de día para persoas maiores e dependentes que tiveron que botar o pecho a mediados de marzo por mor da pandemia do coronavirus. Os gobernos de Aragón, Canarias e Castilla-La Mancha, as outras tres que se atopaban na mesma situación, xa os puxeron en marcha mentres a Xunta só permite citas terapéuticas individuais, o que na práctica supón prolongar un peche polo que a alarma non deixa de medrar entre responsables dos centros e as familias. O "empeoramento das persoas usuarias" fai imprescindible a reapertura, alertan.
A Plataforma de Centros de Día reitera nunha carta á conselleira de Política Social a necesidade dunha "reapertura inminente": "O empeoramento físico e cognitivo xa é real, puidémolo constatar"
Tras lanzar un primeiro protocolo de reapertura, despois desaparecido e semanas despois reaparecido, o Goberno galego endureceu as condicións para retomar a actividade mentres puña en marcha un plan de formación para o persoal destes servizos que multiplicou os receos. "Parece que nos queren entreter" para evitar reabrir, alertaron. Todas estas alertas e inquietudes volve telas sobre a mesa a conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha carta remitida pola Plataforma de Centros de Día, que agrupa a case un cento destas instalacións de todo o país.
A misiva, á que tivo acceso Praza.gal, ten data do pasado 26 de xuño e a súa intención básica é reiterar ante a máxima responsable de Política Social a necesidade de pór unha data para reabrir os centros "nas condicións habituais" e que esta sexa "inminente". "O empeoramento do estado físico e cognitivo das persoas usuarias" da que os propios centros viñan alertando xa é "moi importante, tal e como preveramos e comunicamos á Xunta dende o inicio da pandemia". "Xa é un feito real, puidémolo constatar coas persoas habituais dos nosos centros".
O malestar na plataforma medrou polo feito de que a Xunta interrompese os seus plans de reapertura cando xa estaban a adaptarse ao protocolo de "reactivación" lanzado polo Sergas o 12 de maio e axustándose, ao tempo, ás medidas daquela ditadas polo Estado no marco do xa finalizado estado de alarma. "Cumprimos estritamente cos condicionantes que impuxera a Xunta para a reapertura: formación do persoal, elaboración e envío do plan de reactivación ás áreas sanitarias e acopio de equipos de protección individual", resumen na carta á conselleira.
Advirten de que as axudas puntuais ou a apertura só para terapias individuais son "insuficientes" para as persoas usuarias, as súas familias e os propios centros
Os "prexuízos", lémbranlle a Fabiola García, son para as persoas usuarias pero tamén para as súas familias. Ter os centros pechados "impide a conciliación e incrementa as consecuencias desta crise" ante a que "as medidas tomadas ata agora, baseadas na achega económica ás familias ou na apertura para terapias individuais" amosan unha clara "insuficiencia de resultados". Os centros advirten á Xunta ademais da vertente económica: meses de parálise traerán consigo "perda de emprego".
En síntese, a Plataforma de Centros de Día tenta resumir ante a titular de Política Social a "incerteza e malestar de case 150.000 persoas" entre usuarias, familias e persoal dos centros, "prexudicadas por unha decisión" que supón alargar un "problema máis que superado" no resto do Estado. Manter o peche, ademais, "Non ten correlación coa situación epidemiolóxica de Galicia transmitida dende a propia Xunta".
A Federación Galega de Dano Cerebral diríxese aos principais partidos que concorren ás eleccións para advertilos da "emerxencia terapéutica e social" que supón estender o peche dos centros de día e ocupacionais
Por todo isto, os centros de día volve pedir outra volta ao Goberno galego que reconsidere a decisión e, "na súa competencia actual", decida a "reapertura inmediata" dos centros. Máis aínda, precisan unha data concreta de reapertura.
Como nas últimas semanas, os centros de día para maiores non son os únicos que se dirixen á Xunta. Tamén o fan entidades que traballan con persoas con discapacidade, caso da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). En vésperas das eleccións galegas, este colectivo dirixiuse a PP, PSdeG, BNG e Galicia en Común para transmitir as demandas das familias e das persoas ás que atenden. Estas peticións están encabezadas, precisamente, pola petición da "necesaria reapertura dos centros de día e ocupacionais", unha "emerxencia terapéutica e social" que xa supón un "enorme deterioro das persoas usuarias" e ten "ao límite ás familias e ás persoas coidadoras".