Un xulgado de Santiago autoriza unha nai a vacinar á súa filla contra a COVID fronte á negativa do pai

Vacinación infantil contra a COVID na Cidade da Cultura en decembro de 2021 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O Xulgado de Primeira Instancia Número 6 de Santiago, especializado en asuntos de familia, vén de autorizar unha nai a que a súa filla de 9 anos sexa vacinada contra a COVID malia á oposición do pai, que se negaba a que a nena recibise a inxección. Nun auto ditado este 24 de xaneiro, o xuíz sinala que a evidencia científica dispoñible deixa claro que os beneficios da vacinación son superiores aos seus eventuais prexuízos e desbota os argumentos do proxenitor.

O xuíz conclúe que a "única perspectiva a ponderar" é a "maior protección da menor" e autoriza a vacinala porque "os beneficios" son "superiores" aos eventuais riscos

Segundo consta no auto, a muller acudiu á Xustiza despois de que o pai da nena se negase a que recibise a vacina alegando, entre outras afirmacións, que a vacinación contra a COVID é "un ensaio a gran escala". Tamén que as autoridades sanitarias dos Estados Unidos "violaron os protocolos" ou que á Axencia Española do Medicamento "non lle compete a aprobación de vacinas", senón á Axencia Europea do Medicamento -que a aprobou-, entre outras afirmacións habituais das contornas contrarias a unha vacinación que xa chega a case o 90% do total da poboación galega e que, no grupo de 5 a 11 anos, xa supuxo a administración de primeiras doses a máis do 80%.

Nenas e nenos coas súas familias acudindo á vacinación contra a COVID do grupo de 7 a 9 anos, o pasado 4 de xaneiro CC-BY-SA Sergas

Nun contexto no que "a única perspectiva a ponderar no caso é a individual da menor" para a súa "maior protección" e "mellor beneficio da sáude", o xuíz repasa no seu auto todas as autorizacións e recomendacións a prol da vacinación pediátrica, fixada actualmente dende os 5 aos 12 anos. Evidencia, ademais, que "foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento" e pola súa homóloga estatal, o que permite "presumir a súa elaboración coas máximas garantáis de calidade, eficacia e seguridade".

O auto lembra as autorizacións da vacina e deixa "en segundo plano outras consideracións" como a posible "protección subsidiaria ao resto da poboación" coa vacinación pediátrica

Os "beneficios derivados da súa administración" son "superiores aos riscos" e ademais, subliña, os sistemas de farmacovixilancia teñen en marcha un "plan específico para analizar eventuais acontecementos" adversos. Tras analizar as autorizacións da vacina e tamén un informe forense específico sobre a saúde da menor, o xuíz estima como "moi inferior o risco derivado da vacinación ao conseguinte á non vacinación" e posibilidade de contraer a doenza. Cómpre ademais ter en conta, agrega, a "posibilidade de próximas restricións para non vacinados, que poidan afectar á realización de futuras actividades extraescolares" ou a asistencia a campamentos ou viaxes.

Subliña o xuíz tamén no seu auto -contra o que cabe recurso de apelación, se ben non tería efecto suspensivo no caso de presentarse- que na súa decisión quedan en "moi segundo plano outras consideracións" de saúde pública, "dada a natureza voluntaria" da vacina, tales como a "protección subsidiaria ou accesoria ao resto da poboación" ou "a minoración do risco cara a terceiras persoas". Ademais, o auto rexeita tomar decisión ningunha sobre o irmán da nena, que fará 5 anos no vindeiro outono de 2022, porque aínda non cumpriu a idade na que terá indicada a vacinación segundo os protocolos vixentes.

Situación da pandemia en Galicia

Este ditame xudicial chega nun contexto no que a incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días descende en Galicia en todas as franxas de idade agás na infancia menor de 12 anos, segundo os datos do Ministerio de Sanidade. Cómpre ter en conta que este grupo de idade é o único que inclúe poboación aínda non chamada á vacinación (a infancia menor de 5 anos), pero tamén que a infancia, en xeral, vén sendo un dos sectores de poboación máis controlados a este respecto pola súa presenza nas aulas do sistema educativo. 

Alén da incidencia acumulada, as cifras de hospitalización de persoas coa COVID roldan as 645 e seguen apuntando a pico da actual vaga. Este dato, pechado ás seis da tarde do mércores, supón 57 ingresos máis que hai unha semana. Dentro do total, o número de persoas ingresadas na UCI permanece moi estable, arredor do medio cento. No que atinxe á mortalidade, a media dos últimos 7 días rolda os 5 falecementos de persoas coa COVID e o total sitúase en 2.902.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.