As repuntas agoiradas nalgunhas observacións apresuradas non teñen reflexo nos datos. A incidencia acumulada da COVID-19 segue descendendo en Galicia a bo ritmo. Concretamente, ao maior ritmo en catro meses, comparable ao de comezos do pasado outono. Estes valores seguen en niveis moi altos (case 2.000 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e case 780 a 7 días), tamén impulsados polo cómputo dos autotest feitos na casa, pero sendo isto certo, non o é menos que a liña é claramente descendente tanto na media galega como en todas as áreas sanitarias.
O indicador que serve para medir o ritmo de incremento ou descenso das incidencias acumuladas, a coñecida como razón de taxas, é claro. Este valor, resultante de dividir a incidencia a 14 e 7 días de cada día entre o da mesma xornada da semana anterior, indica descenso se é inferior a 1 e máis velocidade de baixada canto máis próximo estea ao cero. Actualmente, a razón de taxas semanal a incidencia acumulada a 7 días está no 0,66 e a 14, no 0,75. Ambas liñas van á baixa e volven a niveis semellantes aos do pasado outubro de 2021.
Como adoita acontecer -e mesmo tendo en conta a entrada no sistema dos autotest, que fai máis difícil comparar mecanicamente a actual vaga coas anteriores-, o descenso da incidencia chega antes de que suceda o propio cos falecementos de persoas coa COVID. Nos últimos sete días con datos completos, en Galicia notificouse unha media superior ás 8 mortes por xornada de pacientes que deran positivo polo virus (non todos os pasamentos son directa ou unicamente atribuíbles á COVID). É un valor elevado, pero moi afastado das máis de 25 ao día que chegaran a rexistrarse na media semanal de hai un ano, cando apenas comezara a vacinación.
É habitual que o 'pico' da mortalidade chegue semanas despois do de incidencia. Actualmente Galicia rexistra unha media a 7 días dunhas 8 mortes de persoas co virus, menos dun terzo das que rexistraba hai un ano, cando a vacinación apenas comezara
A maior parte destes falecementos son de persoas de idade avanzada, segundo os datos do Sergas. Por exemplo, 12 dos 13 falecementos introducidos este 15 de febreiro no cómputo, correspondentes a catro días distintos, eran persoas maiores de 70 anos e oito delas superaban os 80. A propia idade elevada e a presenza habitual doutras enfermidades segue provocando que este grupo de poboación sexa, en xeral, o máis vulnerable fronte ao virus mesmo coa vacinación. Ademais, os datos acumulados veñen sinalando que o primeiro trimestre do ano adoita ser o que máis falecementos por todas as causas rexistra.
Por outra banda, nos últimos días a incidencia a 14 días tendeu a estabilizarse e mesmo subir un chisco entre a poboación galega maior de 80 anos fronte á tónica xeral de descenso, segundo datos do Ministerio de Sanidade.
Xunto cos datos de mortalidade, as hospitalización son o outro principal indicador cara ao que ollan actualmente as autoridades sanitarias para tomar decisións sobre a pandemia, dada a ampla cobertura da vacinación (practicamente o 90% da poboación galega está vacinada con pauta completa). Unha vez superadas as habituais distorsións da fin de semana -pola práctica ausencia de altas en sábado e domingo-, as 653 persoas con test positivo da COVID ingresada nos hospitais galegos ás seis da tarde do luns eran 48 menos que unha semana antes. O número de persoas na UCI coa enfermidade segue un chisco por riba das 40, mantendo a liña de estabilidade de toda a vaga.
Estes son os datos cos que as autoridades sanitarias e, en xeral, os diferentes gobernos están a bosquexar o que veñen presentando como unha nova fase da pandemia, na liña das máis recentes análises da Organización Mundial da Saúde para Europa. Ese novo chanzo estaría caracterizado por unha relaxación das restricións aínda maior, apoiada na ampla vacinación, combinada con maior control da poboación vulnerable e da aparición de posibles novas variantes de interese ou preocupación.