Parte das frotas pesqueiras de Vigo, A Coruña e Celeiro confirmaron xa o seu amarre ante a suba dos prezos dos combustibles
Unha parte "importante" da frota pesqueira de Vigo e a súa área vese obrigada a paralizar a súa actividade e amarrar en proto ante a suba "incesante" do prezo do gasóleo, segundo informou este mércores a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI).
En Celeiro, na Mariña, os armadores confirmaron tamén o luns o amarre parcial ante a "suba constante" do importen do combustible que "comeza a xerar consecuencias e importantes problemas de viabilidade para o sector". Na Coruña, o encarecemento disparado do carburante en poucos días levará tamén a parar durante esta semana aos arrastreiros, como antes fixeran nas Rías Baixas varios barcos que tiñan previsto participar na costeira da xarda.
Tal e como destacan desde ARVI, en Vigo a frota do cerco xa advertiu de que non continuará coa actividade debido ao actual prezo do gasóleo "e mentres non se arbitren axudas" que a Cooperativa reclama. Pide a activación "imperiosa e urxente" das axudas "mínimis" -en vigor ata final de ano ao abeiro das medidas pola COVID- para "salvagadar a actividade pesqueira", así como outras alternativas ante a "insuficiencia" das xa impulsadas.
Para os armadores, o "desmesurado" incremento do prezo dos combustibles afecta de forma tan "significativa" aos gastos de explotación dos barcos que xa nin compensa saír ao mar. E os que agora regresen a porto tampouco pensan volver traballar polo momento.
Desde Celeiro advirten de que o prezo dos combustibles elevouse nos últimos días ata un 30%, con incrementos diarios de entre un 5% e un 7%, "absolutamente inasumibles para o sector". Na Coruña os arrastreiros pasaron en pouco tempo de pagar o litro a 50 céntimos a facelo a 120.
Coa invasión de Ucraína por parte de Rusia, chove sobre mollado e empeórase a escalada de prezos do petróleo, co barril Brent chegando a superar os 130 dólares durante a sesión deste mércores, alcanzando os seus máximos desde 2008. O veto ás exportacións de petróleo ruso por parte dos Estados Unidos e o temor a máis bloqueos e complicacións pola guerra fan disparar o importe dos combustibles nunha escalada que, polo momento, non ten paraxe.
De feito, vén de algo máis lonxe. A suba de luz, gas e combustibles do 56% en Galicia a finais de 2021 con respecto a un ano anterior levou o IPC ao seu máximo en tres décadas no país.