Feijóo volve desdeñar a reforma do Estatuto que reclama o PSdeG e esixe que o BNG "abandone o soberanismo"

Feijóo, nun intre da sesión de control deste 24 de novembro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta no ano 2009 coa promesa de "presentar desde o Goberno unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia" que retomase a que fracasara en 2007, cando o propio Feijóo se desmarcara do proceso iniciado a por iniciativa do Executivo da época (PSdeG-BNG) alegando desacordo na definición nacional de Galicia no preámbulo do texto. En 2012 volveu incluír a promesa no seu programa electoral, aínda que con máis vaguidade, e en 2016 e 2020 xa a suprimiu.

O PSdeG reclama retomar a reforma estatutaria aparcada para "abrir unha nova páxina na historia da autonomía" tras a pandemia

Durante este ano, ao fío do cuadraxésimo aniversario do actual Estatuto, o presidente da Xunta esgrimiu a situación política de Catalunya como argumento para manter aparcada a reforma que el mesmo prometera. Este mércores, no marco da sesión de control do Parlamento, Feijóo tamén apelou a Catalunya para desdeñar a reforma estatutaria que reclamou o PSdeG por boca de Gonzalo Caballero. Para abordala eventualmente, agregou, sería tamén preciso que "o BNG abandone o independentismo e o soberanismo".

Gonzalo Caballero diríxese a Feijóo durante a sesión de control deste 24 de novembro © Parlamento de Galicia

"Así que pasen as peores páxinas da pandemia", sinalou o voceiro socialista, cómpre "abrir unha páxina" nova "na historia da autonomía" mediante a "actualización e reforma do Estatuto" para, por exemplo, incorporar unha carta de dereitos sociais, aspectos sanitarios ou tecnolóxicos, exemplificou. Na súa resposta, Feijóo aludiu a unha enquisa publicada nas últimas semanas polo xornal La Voz de Galicia para concluír que esa reforma "non forma parte dos problemas dos galegos".

Antes "se conformaban con ser unha nación, agora se plantexan ser unha república", caricaturizou Feijóo ao BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, ve o presidente da Xunta inmerso "no Matrix de Monte Pío, que lle impide escoitar"

A xuízo do xefe de filas do PP en Galicia, "a reforma do Estatuto non significa inevitablemente mellorar a calidade de vida dos galegos" e Catalunya é a mostra. Ademais, acusa, a anterior reforma fracasou porque para o BNG "o problema" era que Galicia debía ser definida como "unha nazón ou unha nación"; "daquela se conformaban con ser unha nación, agora se plantexan ser unha república, a república da Galiza", asegurou, antes de proclamar que iso implicaría "considerar España a unidade de repúblicas soviéticas" e "iso era a URSS".

Os reproches ao Bloque por "independentista e soberanista" repetíronse na resposta de Feijóo a Ana Pontón, quen debuxou o presidente inmerso no "Matrix de Monte Pío, que lle impide escoitar" protestas como a da recente folga na Mariña ou a manifestación en defensa da sanidade pública que se desenvolveu este mesmo mes. "Ofrecémoslle propostas", expuxo Pontón antes de sinalar algunhas como un "plan industrial para A Mariña" ou o "reforzo da Atención Primaria" do Sergas con 200 millóns adicionais en 2022.

Ana Pontón diríxese a Feijóo durante a sesión de control deste 24 de novembro © Parlamento de Galicia

"A palabra Matrix é moi propia do país", ironizou o presidente da Xunta para responder á líder do BNG, formación á que diagnostica o "problema" de "non escoitar ao pobo" mentres "os galegos que saben votar nunca xamais lle deron a Xunta ao BNG" e por iso Pontón "nisto da presidencia, toca de ouvido". "Se pensa que por gañar as eleccións ten a razón, está moi trabucado", repuxo Pontón.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.