Este 14 de abril cúmprense doce anos do primeiro discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo como candidato á presidencia da Xunta. Aquela intervención, pronunciada despois de que o PP lograse por un só escano a maioría absoluta nas eleccións galegas de 2009, incluíu unha clara promesa do líder popular a respecto da reforma estatutaria: "Presentaremos desde o Goberno unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia", asegurara Feijóo, que máis dunha década despois, no marco do cuadraxésimo aniversario do texto, esgrime Catalunya como argumento para manter a reforma aparcada.
Na súa primeira lexislatura como presidente, Feijóo anunciou varios prazos para a reforma do Estatuto, pero non cumpriu ningún. O programa electoral do PP en 2012 recuperou a promesa con máis vaguidade e en 2016 e 2020 xa desapareceu da súa axenda
Con aquel compromiso de 2009, que trasladaba ao Goberno o prometido no programa electoral, Feijóo procurara facer ver que impulsaría como presidente o proceso que atrancara como líder da oposición cando, en xaneiro de 2007, freara de vez a reforma do Estatuto apoiándose no rango legal da lingua galega e na definición nacional de Galicia. De fondo, a resistencia do PP a conceder aos daquela socios de Goberno, PSdeG e BNG, unha vitoria política que a priori os consolidaría na Xunta.
Naquela primeira lexislatura, Feijóo chegou a poñer varios prazos concretos para iniciar as negociacións da reforma con socialistas e nacionalistas, pero non cumpriu ningún. En 2012, o PP volvía mencionar no seu programa electoral a posibilidade dunha reforma, pero con máis vaguidade -"estamos dispostos a participar activamente nunha reforma constitucional da nosa norma institucional básica"-. En 2016 e 2020, a cuestión desapareceu da axenda mentres Galicia transitaba polo período máis longo da historia da autonomía sen novas competencias, que aínda continúa.
O presidente da Xunta alerta de supostos riscos dunha reforma para o "principio sagrado" da "unidade dos galegos"
Este é o pano de fondo co que Feijóo acudiu o pasado luns á xornada organizada polo Parlamento ao fío do 40º aniversario do Estatuto de 1981, promulgado o 6 de abril de hai catro décadas. O lexislativo conmemorou a efeméride -sobre a que a Xunta, cando menos de momento, non programou celebración ningunha- cun discurso do presidente do Tribunal Constitucional e dúas mesas redondas cos actuais directores de seis xornais impresos e tres docentes de Dereito. No evento participou tamén o presidente do Executivo cun discurso no que elevou á categoría de "principio sagrado" a "unidade dos galegos" e, en aras desa "unidade", alertou dos supostos riscos dunha eventual reforma.
Despois de que, con cadansúas perspectivas, tanto o BNG como o PSdeG aproveitasen o aniversario do Estatuto para sinalar a necesidade de afondar no autogoberno, especialmente tras a pandemia e coa dobre vía de transferir competencias pendentes, pero tamén coa redacción dun novo texto, Feijóo arrefriou calquera perspectiva ao respecto. Fíxoo, como xa sucedera en anteriores ocasións, aludindo ao escenario catalán.
Feijóo argumenta que é preciso "non esquecer" que "o proceso que sume na incerteza a unha das comunidades que foi vangarda de España" comezou "cunha reforma estatutaria precipitada e frustrante"
Así, con expresións que veñen sendo habituais nos seus discursos dos últimos anos, Feijóo asegurou que a "ruptura social" é "o peor dos pecados que pode cometer un gobernante". "Non debemos esquecer -apelou- que ese proceso que sume na incerteza a unha das comunidades que foi a vangarda de España", indicou sinalando a Catalunya, "iníciase cunha reforma estatutaria precipitada e frustrante", dixo en referencia á reforma do Estatuto catalán de 2006, contra a que el mesmo recolleu sinaturas como líder do PP en Galicia.
Segundo Feijóo, cómpre ser "extremadamente coidadosos á hora de derrogar, aínda que sexa parcialmente, o que funciona e suscita un acordo xeneralizado na inmensa maioría da poboación". Nos últimos anos veu sendo frecuente que Feijóo e o PP de Galicia se apoiasen tamén en Catalunya para xustificar a ausencia de novas competencias para a Xunta mentres gobernou Rajoy