A inflación repunta a nivel xeral, pero o 4% interanual galego está catro décimas por riba da media estatal e en cabeza de todas as autonomías
A crise de prezos segue aí. E en Galicia, máis agudizada que no resto do Estado. Así o acreditan os datos divulgados este 13 de xuño polo INE correspondentes á evolución do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do mes de maio. A inflación repunta a nivel xeral, pero o 4% interanual galego está catro décimas por riba da media estatal e en cabeza de todas as autonomías.
O que é o peor dato de inflación en Galicia dende abril de 2023 sitúa a economía do noso país por diante da de Euskadi (3,9%) ou as de Balears, Castilla-La Mancha e Murcia (3,8%) en subas dos prezos. E lonxe dos datos de Canarias (3,4%) ou outras cinco autonomías que roldaron o 3,5%.
Para todo o Estado o INE sitúa como principais responsables da repunta a áreas coma os hoteis, cafés e restaurantes. Pero tamén os gastos en vivenda polo encarecemento dos prezos da luz e mais ao sector de vestido e calzado, "que recolleu o comportamento dos prezos da nova temporada de primavera-verán", subliña.
Descendendo ao detalle, para Galicia obsérvase con claridade como en apenas catro meses o grupo de consumo de electricidade, gas e outros combustibles pasou de terreo negativo -os prezos baixaban interanualmente- ao positivo. Ata chegar neste pasado maio a un incremento interanual de case o 10%, o maior dende finais de 2022. Mentres, outros grupos sensibles coma os alimentos, as bebidas ou o alugueiro de vivendas seguen encarecendo, pero a niveis máis moderados.
Como no conxunto do Estado, en Galicia tamén contribúen notablemente á suba dos prezos os restaurantes e hoteis, cun encarecemento de case o 6%, un nivel moi semellante ao dos gastos ligados á vivenda por mor do recibo da luz. Dentro destes grandes grupos só son máis baratas que hai un ano as comunicacións.
A hostalería encabeza a escalada dos prezos, cos alimentos un 5% máis caros que hai un ano e a luz, case un 10% máis
Dentro do gran grupo dos alimentos, como adoito, tamén segue habendo diferenzas significativas. Tras meses nos que o azucre foi o líder do encarecemento, nesa posición consolídase o aceite, que en maio foi case un 43% máis caro que un ano antes en Galicia. A continuación nese mes situouse o prezo das froitas, cunha inflación do 12%. Na banda contraria están alimentos que entraron en terreo negativo e son un pouco máis baratos que hai un ano, caso do leite (-2,6%) e a carne de ave (-0,4%), ou os que están nun terreo practicamente plano, coma os cereais (+0,2%) ou as hortalizas (+0,5%).
Con todo este pano de fondo, na véspera de que o dato da inflación fose definitivo o Goberno de España confirmaba que prorrogará a rebaixa do IVE no prezo dos alimentos, segundo avanzaba Pedro Sánchez en declaracións a RTVE. Este xoves a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, agregaba que esa medida "non é dabondo" e "cómpre facer máis" no custo da "cesta da compra" pero tamén en eidos como hipotecas e alugueiros. "De nada serve subir o salario mínimo se non se controlan os prezos", engade.