O Índice de Prezos de Consumo (IPC) mantívose sen cambios en Galicia no pasado decembro en relación co mes anterior —do mesmo xeito que a nivel estatal—, mentres que a taxa interanual rexistrou un descenso dunha décima, quedando a inflación galega no final do ano 2023 no 3,2% e aínda por riba da do conxunto do Estado, do 3,1%.
Así o indican os datos que vén de publicar este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE), que mostran como os alimentos e as bebidas non alcohólicas seguen a marcar a maior inflación anual no país, aínda que moderando a súa suba. É o descenso dos prezos na electricidade, no gas ou nos combustibles o que permite manter a inflación nunha cifra que é a metade da que marcaba hai un ano en Galicia, cando chegaba ao 6,4%.
A inflación galega no final do ano 2023 queda no 3,2%, aínda por riba da do conxunto do Estado, do 3,1%
O prezo dos alimentos está a moderar algo o seu crecemento, pero marca unha suba do 7% anual, mentres que as bebidas non alcohólicas rozan o 10 (9,6%), logo dun incremento no pasado mes do 1,3% con respecto a novembro.
A rebaixa na inflación na alimentación é pequena e vén marcada polos pequenos descensos na variación mensual que se dan nas legumes e hortalizas frescas (-0,9%), froitas (-2%), carne de porco (-0,5%) ou peixe (-0,1%). Tamén no aceite, que baixa catro décimas pero que mantén un incremento anual no importe superior ao 35%.
Porque a taxa interanual do IPC rolda aínda o 10% na carne de porco, na de ovino, nas patacas ou nas froitas e o 12% nas legumes e hortalizas frescas.
Se a inflación en Galicia non é máis elevada é polo mantemento dos prezos de carburantes e combustibles, que experimentaron unha variación do -3,7% no pasado mes de decembro, para quedar nos mesmos niveis que hai doce meses. En termos interanuais, a electricidade, o gas e outros combustibles marcaron un descenso do -17,2% no último ano, en contraposición ás subas que se deron en case todos os bens de consumo, agás no transporte público.
Así, a inflación interanual é do 1,7% no alugueiro, do 1,5% no vestido, do 5,6% en conservación e reparación da vivenda, de máis do 4% en telefonía, do 6,5% en restauración ou de case o 7% en seguros.
En Galicia, as bebidas alcohólicas e o tabaco encarecéronse un 2,6% o ano pasado, mentres que o vestido e o calzado fixo o propio nun 1,2%. Os mobles e os artigos do fogar aumentaron o seu custo un 2,6%, así como a sanidade, que subiu un 1,8%.
A inflación subxacente pechou 2023 no 4,1% en Galicia, tres décimas por riba da do Estado
De feito, das 56 clases de produtos do IPC que establece o INE para cada comunidade autónoma, 49 incrementaron os seus prezos na taxa interanual en Galicia, mentres que só nove os baixaron: carne de ave, produtos lácteos, froita en conserva e froitos secos, calzado de muller, transporte publico urbano e interurbano e o grupo que inclúe calefacción, alumeado e distribución de auga, que cun descenso de case o 16% impacta de maneira clara no índice xeral .
En canto á inflación subxacente, aquela que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos e que adoita considerarse un bo reflexo da situación xeral dos prezos a máis longo prazo, incrementouse tres décimas en Galicia no mes de decembro con respecto a novembro e quedou no 4,1% na variación anual, tres décimas superior á do conxunto do Estado.
Para o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, os datos do IPC en España "poñen de manifesto a eficacia das medidas de política económica para que a inflación manteña a súa senda descendente". Ademais, destaca que permite que os salarios sigan a gañar poder adquisitivo e as empresas máis competitividade, "mesmo no difícil contexto internacional".