O 3,7% de incremento do IPC interanual en xullo sitúa o dato galego tres décimas por riba do estatal. A inflación galega é superior á española dende hai un ano
O incremento xeral dos prezos acougou un chisco no pasado xuño. Na media do Estado e tamén en Galicia. O cal non impide que o noso país principie a temporada de verán coa maior inflación de todas as comunidades autónomas: unha suba xeral dos prezos do 3,7% interanual que sitúa o dato galego tres décimas por riba da media estatal.
Co dato de xuño Galicia fai xa un ano coa inflación superando, con maior ou menor intensidade segundo o mes, a media estatal. Cómpre remontarse a xullo do pasado 2023 para atopar un dato galego inferior ao global español: 2,1% interanual en Galicia e 2,3% interanual no Estado.
En xeral, segundo subliña o INE, o acougo relativo na suba dos prezos cómpre atopala en dous dos ámbitos que máis contribuíron a que se disparasen nos últimos anos. O transporte, porque os combustibles baixaron de prezo mentres hai un ano subían; e tamén os alimentos, que amortecen as súas subas disparadas fundamentalmente porque o prezo do aceite comeza a acalmar.
Baixando ao concreto, en Galicia é posible observar como a área de electricidade, gas e combustibles segue encarecendo a respecto de hai un ano (+9,4%), pero faino a menor ritmo que o mes pasado (catro décimas menos). O global da área dos alimentos sobe a un ritmo do 4,8% interanual, o que supón seis décimas máis que a media estatal. Así e todo, en apenas dous meses a inflación dos alimentos en Galicia freou case dous puntos.
Indo máis ao detalle, os datos concretos de Galicia tamén amosan como os prezos do aceite están por tras do relativo acougo da inflación dos alimentos. O pasado xuño mercar aceite en Galicia foi un 35,9% máis caro que un ano antes. É unha inflación elevadísima, pero moito menos que a que se rexistrou o pasado marzo, cando o encarecemento deste produto se achegou ao 50% interanual.
A inflación dos alimentos tamén frea un chisco pero está no 4,8%. O relativo acougo débese sobre todo ao menor ritmo na escalada dos prezos do aceite, que así e todo é un 35,9% máis caro que hai un ano
O avance interanual do 35% supón o dato menos elevado de inflación do aceite dende decembro de 2023 nun contexto marcado polas secas dos últimos tempos. Este dato aínda non recolle o potencial impacto da redución do IVE do aceite de oliva ao 0%, medida que entrou en vigor o 1 de xullo e estará, de entrada, vixente ata o 30 de setembro.
Alén do aceite, os alimentos que son agora máis caros en Galicia a respecto dos prezos de hai un ano son as froitas (+12,7%) seguidas da carne de ovino, cun 9% de suba do IPC interanual. As patacas tamén repuntan levemente e achéganse a unha inflación do 7% e o peixe, cun 6,5%, queda tamén por riba da barreira do 5%, á que non chega a carne de vacún (+4,3%).
Na banda contraria están os prezos do leite, que segue en terreo negativo e xa é un 3,1% menos caro que hai un ano. Tamén, aínda que por pouco, abarataron a carne de ave (-0,7%) e as hortalizas (-0,1%).