O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) segue reflectindo un encarecemento do custo da vida. Lonxe das taxas disparadas do ano 2022, por riba do 10% en plena fin das restricións da COVID en combinación cos efectos da invasión rusa en Ucraína. Pero á alza e, no caso galego, por riba da media estatal.
O IPC de febreiro quedou no 3,2% en Galicia, seis décimas menos que o mes previo, pero catro por riba da media estatal
O IPC de febreiro modérase ao respecto de xaneiro en Galicia con seis décimas menos, ao pasar do 3,8% ao 3,2%. Pero segue por riba da media, ao descender o total estatal ao 2,8%. En comparación coas demais autonomías, a taxa galega é a segunda máis elevada, só por tras de Extremadura (3,3%). O noso país queda, daquela, como un dos cinco territorios que aínda non caeron por baixo do limiar do 3%.
Ao debullarmos os datos é posible observar que, entre outros aspectos, os prezos da enerxía seguen contribuíndo a moderar a inflación. Este grupo de gasto caeu en ata un 9% interanual en Galicia.
Mentres, outro dos grupos que máis impactan nos e na vida cotiá, a alimentación, segue a encarecer aínda que o faga de maneira máis pausada. Os alimentos son agora, de media, un 6% máis caros que hai un ano (en xaneiro a taxa achegábase ao 8%). As bebidas non alcólicas caen ao 4,8% de IPC interanual (roldaban o 10%) en xaneiro).
No capítulo de alimentación, en todo caso, segue a haber grandes disparidades. Os prezos do aceite, por exemplo, seguen disparados nos seus niveis máximos. Con causas como as malas colleitas por mor da seca, o IPC neste produto segue con crecementos de case o 46% interanual, isto é, como no peor da crise de prezos.
O aceite segue encarecendo a un 45% interanual. Na banda contraria, alimentos como hortalizas, carne de ave ou leite abaratan lixeiramente
Mentres, xusto na banda contraria, hai produtos alimentarios con IPC negativo. As hortalizas están nun -3,4%, o que implica que abaratan a respecto de hai un ano. O mesmo sucede coa carne de ave (-1,1%) ou, por escasas décimas, co leite (-0,3%).
Outros grupos de alimentos seguen en índices por riba do índice xeral do IPC e do dato medio da inflación. O peixe foi en febreiro en Galicia un 8,2% máis caro que doce meses antes, a carne de porco encareceu máis dun 7% e a froita, malia moderarse, tamén rolda o 7%. Outros produtos esenciais como as patacas encareceron case un 6% nun ano e os ovos, máis dun 4%.