Nos últimos cinco anos, entre 2018 e 2022, os salarios aumentaron un 9,7% e os prezos un 14,5%
O salario medio bruto aumentou un 3,1% en Galicia no ano 2022, segundo as cifras da EPA que este venres fixo públicas o INE. Trátase dun incremento importante, semellante ao que se rexistrara nos tres anos anteriores, pero que fica moi lonxe do aumento dos prezos que se viviu ao longo do pasado ano. O IPC aumentou un 9% o pasado ano, marcado pola crise de prezos que se deixou notar, sobre todo, no encarecemento dos alimentos.
O incremento salarial medio, polo tanto, foi un terzo do aumento do custo da vida, o que derivou nunha perda de poder adquisitivo para as persoas asalariadas, situación que xa se dera no ano 2021, cando os salarios aumentaron un 2,7% e os prezos un 3,5%.
Os datos coinciden coa intensificación do debate sobre o aumento do SMI no Estado, para o que a CEOE propón unha suba do 3% e o Goberno sinala que non debe ser inferior ao 3,8%, o que están a subir os prezos neste ano 2023
Os datos coinciden coa intensificación do debate sobre o aumento do salario mínimo no Estado español, para o que a CEOE propón unha suba do 3% e o Goberno, a través da vicepresidenta Yolanda Díaz, sinala que non debe ser inferior ao 3,8%, a medida na que están a subir os prezos neste ano 2023. Os sindicatos, pola súa banda, apostan por unha suba moito máis importante, próxima ao 10%, que eleve o SMI ao 60% do salario medio para cumprir así co mandato da Carta Social Europea.
Os datos da EPA indican que o salario bruto mensual medio en Galicia se situou en 2022 nos 2.056,5 euros, máis de 70 euros por debaixo da media española (2.128,4)
Os datos dos últimos anos amosan que as perdas de poder adquisitivo para os traballadores e traballadoras están a facerse máis intensas e frecuentes nos últimos anos. Se se observa a variación de prezos e salarios nos últimos 15 anos, dende o 2008, vese que tanto unha variable coma a outra evolucionaron de forma semellante, cun aumento do 26% nos salarios e dun 28% nos prezos.
Porén, no contexto da crise provocada pola Gran Recesión, os soldos tenderon a subir por debaixo do aumento do IPC e, así, entre 2012 e 2022 os salarios medraron un 14,4% e os prezos un 19,5%. E nos últimos cinco anos, entre 2018 e 2022, a difereza fíxose aínda meirande: 9,7% e 14,5%.
A metade dos traballadores e traballadoras de Galicia ten un soldo bruto inferior aos 1.710 euros mensuais
Os datos da EPA indican que o salario bruto mensual medio en Galicia se situou en 2022 nos 2.056,5 euros, máis de 70 euros por debaixo da media española (2.128,4) e moi lonxe de Euskadi, Navarra e Madrid, as tres comunidades con soldos máis elevados. Iso si, o pasado ano os soldos subiron máis en Galicia (3,1%) que no conxunto do Estado.
A estatística, ademais, informa da diferente distribución dos salarios entre o conxunto dos traballadores e traballadoras. O salario bruto medio para as persoas con xornada a tempo completo situouse en 2022 nos 2.253,74 en Galicia, fronte aos 835,63 das persoas con empregos a tempo parcial.
O 20% das persoas cun emprego en Galicia gañan mensualmente menos de 1.150 euros
Ademais, divídese aos asalariadas e asalariados en decís (dez partes iguais) para a amosar a porcentaxe de persoas que cobran por riba ou por debaixo de cada nivel. A estatística indica que o 20% das persoas cun emprego en Galicia gañan mensualmente menos de 1.150 euros, que o 30% ingresa menos de 1.346 e que o 40% recibe un máximo de 1.528 euros brutos ao mes.
A metade dos traballadores e traballadoras de Galicia ten un soldo bruto inferior aos 1.710 euros mensuais. No outro extremo, atopamos que hai un 10% de traballadores e traballadoras que gaña máis de cinco mil euros mensuais.