Os salarios galegos apuntan a un aumento por riba da inflación tras dous anos de perda de poder adquisitivo

© Manuel López

A crise de prezos que comezou nos últimos meses de 2021 e que dura xa case dous anos tivo como consecuencia unha perda do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras: mentres o IPC chegou a medrar máis dun 8% no conxunto do ano 2022, os soldos tiveron un crecemento moito máis cativos. Esa situación comeza por fin a cambiar, grazas sobre todo á moderación do encarecemento dos prezos (a inflación en Galicia situouse en maio no 2,9%, o seu nivel máis baixo desde hai dous anos), pero tamén a unha maior alza dos salarios.

Nos tres primeiros meses do ano o custo salarial ordinario medrou un 3,9% en Galicia con respecto ao mesmo período do ano anterior. En marzo os prezos aumentaran un 3,4% en relación ao mesmo mes do ano 2022

Hai uns días CC.OO. e UGT celebraban que por primeira vez en dous anos os salarios estaban a subir no conxunto do Estado por riba do prezos, permitindo unha recuperación do poder adquisitivo. Segundo as cifras do Ministerio de Facenda nos catro primeiros meses do ano os soldos nas grandes empresas aumentaron case un 5%. A Enquisa Trimestral de Custo Laboral, que este venres publica o INE, apunta na mesma dirección, nos datos estatais e tamén nos referidos a Galicia.

Este xoves a presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde, culpou á "solidez do mercado de traballo" da resistencia dos prezos a moderar a súa suba, o que xustificaría a continuidade nas subas do prezo do diñeiro que a entidade está a realizar, e que onte supuxeron un novo incremento dun cuarto de punto, ata o 4%.

A evolución do custo salarial ordinario en Galicia está por debaixo da do conxunto do Estado (+5,7%), unha situación que se vén repetindo dende o primeiro trimestre do ano 2021

Nos tres primeiros meses do ano o custo salarial ordinario (que exclúe pagas extraordinarias, pagos atrasados e gratificacións extraordinarias) medrou un 3,9% en Galicia con respecto ao mesmo período do ano anterior. En marzo os prezos aumentaran un 3,4% en relación ao mesmo mes do ano 2022. É a primeira vez dende mediados do ano 2021 que o custo salarial aumental por riba do IPC en Galicia e nesa ocasión parte do incremento estaba distorsionado aínda polo efecto rebote posterior á pandemia de COVID.

Iso si, a evolución do custo salarial ordinario en Galicia está por debaixo da do conxunto do Estado (+5,7%), unha situación que tamén se vén repetindo dende o primeiro trimestre do ano 2021.

O custo salarial ordinario no primeiro trimestre deste ano no conxunto do Estado foi de 1.887 euros mensuais por traballador ou traballadora, case 200 euros máis que en Galicia (1.710 euros). A diferenza entre os datos galegos e estatais mantense estable, sen grandes cambios, dende hai anos.

O custo salarial ordinario no primeiro trimestre deste ano no conxunto do Estado foi de 1.887 euros mensuais por traballador ou traballadora, case 200 euros máis que en Galicia (1.710 euros)

Esta estatística non recolle realmente a evolución trimestral dos salarios, pero si pode ser un bo indicador da súa tendencia. O custo salarial comprende os pagos realizados a traballadores e traballadoras, en metálico e en especie, polo tempo de traballo realizado e pola remuneración a que teñen dereito polos períodos de tempo non traballados correspondentes a vacacións, días festivos ou outros con dereito a remuneración. Non se inclúen os pagamentos que non forman parte do salario tales como indemnizacións e dietas. 

Os custos salariais recóllense en termos brutos, é dicir, antes de practicar retencións ou pagamentos á Seguridade Social por conta do traballador ou traballadora. Na estatística proporcionada polo INE diferénciase entre o custo salarial total, que inclúe o salario base, complementos, pagas extraordinarias e gratificacións extraordinarias (participación en beneficios, primas, pago por obxectivos...) e o custo salarial ordinario, que exclúe as pagas extra, pagamentos atrasados e as citadas gratificacións extraordinarias.

Por sectores, a industria é o ámbito con salarios máis elevados

Por sectores, a industria é o ámbito con salarios máis elevados, cun custo salarial ordinario por riba dos 1.900 euros mensuais, por riba da construción e a moita distancia do servizos, o sector que agrupa á maior parte dos traballadores e traballadoras, cun custo salarial que rolda os 1.650 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.