Os salarios están a subir moi por debaixo do aumento da inflación. É unha realidade constatable na realidade práctica da maior parte dos traballadores e traballadoras e que sucesivamente se vai confirmando ao se coñecer novos indicadores coma os de revisión de convenios laborais ou a estatística de custos laborais. O INE publicou este xoves a Enquisa Trimestral de Custo Laboral correspondente ao derradeiro trimestre do ano 2022.
O custo salarial por traballador e mes situouse en Galicia nos 2.036 euros e no conxunto do Estado nos 2.268 euros
A estatística amosa un incremento importante dos custos salariais no Estado nos últimos 12 meses, un 4,7% con respecto ao cuarto trimestre de 2021. Porén, o dato galego é notablemente inferior, cun aumento do custo salarial total do 2,7%, dous puntos por debaixo da media española. Cómpre lembrar, ademais, que no mes de decembro a variación interanual do Índice de Prezos de Consumo se situaba en Galicia no 6,4%, mesmo por riba da media do Estado (5,7%).
O custo salarial por traballador e mes situouse en Galicia nos 2.036 euros e no conxunto do Estado nos 2.268 euros. O custo salarial total vén aumentando en Galicia por debaixo da media do Estado dende o primeiro trimestre do ano 2021.
O custo salarial comprende os pagos realizados a traballadores e traballadoras, en metálico e en especie, polo tempo de traballo realizado e pola remuneración a que teñen dereito polos períodos de tempo non traballados correspondentes a vacacións, días festivos ou outros con dereito a remuneración. Non se inclúen os pagamentos que non forman parte do salario tales como indemnizacións e dietas.
Cómpre lembrar, ademais, que no mes de decembro a variación interanual do Índice de Prezos de Consumo se situaba en Galicia no 6,4%, mesmo por riba da media do Estado (5,7%)
Os custos salariais recóllense en termos brutos, é dicir, antes de practicar retencións ou pagamentos á Seguridade Social por conta do traballador ou traballadora. Na estatística proporcionada polo INE diferénciase entre o custo salarial total, que inclúe o salario base, complementos, pagas extraordinarias e gratificacións extraordinarias (participación en beneficios, primas, pago por obxectivos...) e o custo salarial ordinario, que exclúe as pagas extra, pagamentos atrasados e as citadas gratificacións extraordinarias.
Os datos do cuarto trimeste sitúan a Galicia como o segundo territorio do Estado no que os salarios aumentaron en menor medida. A suba do 2,65% só supera á de Murcia (+1,02%) e está moi lonxe da media (+4,72%)
Os datos do cuarto trimeste sitúan a Galicia como o segundo territorio do Estado no que os salarios aumentaron en menor medida. A suba do 2,65% só supera á de Murcia (+1,02%) e está moi lonxe da media (+4,72%) e máis lonxe aínda dos incrementos de Cantabria (8,61%), Estremadura (7,7%) ou Baleares (7,52%).
En relación ao cuarto trimestre de 2020 o aumento dos salarios en Galicia (+7,2%) sitúase igualmente por debaixo da media española (+10,03%), pero neste caso mellora os datos de Asturias, Cantabria, Murcia e Navarra.
En relación ao derradeiro trimestre de 2019 (xusto antes do inicio da pandemia), o custo salarial total aumentou un 7,4% en Galicia, fronte ao 9,3% do conxunto do Estado. O dato galego mellora neste caso os de Aragón, Asturias, Navarra, Canarias e Cantabria.
En relación ao derradeiro trimestre de 2019 (xusto antes do inicio da pandemia), o custo salarial total aumentou un 7,4% en Galicia, fronte ao 9,3% do conxunto do Estado
O custo salarial total por traballador e mes en Galicia finalizou o ano 2022 nos 2.036 euros, lixeiramente por debaixo da media do Estado (2.268) e lonxe dos datos de Euskadi, Navarra, Madrid e Cataluña. Con todo, o salario por traballador é en Galicia superior ao de Murcia, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana, Andalucía, Estremadura e Canarias.
A industria é o sector que ten os salarios medios máis elevados en Galicia (2.446 euros de custo salarial total por traballador). No outro extremo aparece o sector servizos, con 1.938
Por sectores, a industria é a que ten os salarios medios máis elevados en Galicia (2.446 euros de custo salarial total por traballador). No outro extremo aparece o sector servizos, con 1.938. No final do ano 2022 os salarios no sector servizos medraran un 3,3% con respecto ao mesmo trimestre do ano 2021, fronte a un aumento do 1,6% na industria e un descenso do 1,3% na construción.