Europa leva case dous anos sufrindo os efectos dunha crise de prezos que chegou a situar a taxa interanual de inflación no 11,5% o pasado mes de xullo. O inicio da guerra en Ucraína a finais de febreiro de 2022 provocou unha rápida escalada no prezos de produtos básicos, pero xa antes o IPC pasara do 0,2% ao 8% entre febreiro de 2021 e febreiro de 2022. Os fogares galegos afrontaron este encarecemento dos prezos botando man de aforros e tamén tomando decisións de redución de gasto en moitos ámbitos, desbotando desembolsos extraordinarios, adiando investimentos e tamén escollendo ofertas e produtos de marca branca cando tiveron ocasión.
A porcentaxe de familias que din que cambiaron os seus hábitos de compra pasa do 41% ao 31% e a proporción que diminuíu gastos comúns reduciuse do 47% ao 27%
Así o foi amosando a Enquisa conxuntural aos fogares, que trimestralmente publica o IGE, que inclúe o dato da porcentaxe de familias que toma "medidas para reducir gastos". Nos últimos meses do ano 2022, a proporción de fogares que recoñecía que cambiara os seus hábitos de compra chegou ao 41% e a porcentaxe de familias que diminuíra "outros gastos comúns" (como roupa e calzado, transporte, gas, electricidade) se achegaba ao 47%.
Porén, no último dato publicado polo IGE, que recolle os datos do primeiro trimestre deste ano 2023, estes indicadores descenden por primeira vez dende mediados do ano 2021. A porcentaxe de familias que din que cambiaron os seus hábitos de compra pasa do 41% ao 31% e a proporción que diminuíu gastos comúns reduciuse do 47% ao 27%.
É o primeiro descenso neste indicador dende finais do ano 2021, momento en que a inflación se comezou a disparar
Con todo, a porcentaxe de familias que reducen gastos comúns como roupa e calzado, transporte, gas, electricidade ou que cambian os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta segue a estar moi por riba dos datos que se rexistraban habitualmente. Unha vez superados os peores anos da crise económica provocada pola Gran Recesión este indicador se estabilizou ao redor do 10% entre 2015 e 2021. Hoxe segue a triplicar ese nivel.
Con todo, a porcentaxe de familias que reducen gastos segue a triplicar o nivel que se rexistraba entre 2015 e 2021
Estes datos coinciden coa serie de descensos da taxa interanual do Índice de Prezos de Consumo, que no segundo semestre do pasado ano se moderou notablemente, caendo ata o 6,4% en xaneiro. O indicador adiantado coñecido hai uns días amosou ademais unha importante caída da inflación interanual no conxunto do Estado. O dato para Galicia publicarase o vindeiro 14 de abril.
Estes datos coinciden cunha serie de descensos da taxa interanual do IPC
Malia este descenso na propoción de familias que toman decisión de aforro de gastos, outros indicadores non amosan cambios significativos. A porcentaxe de familias que din chegar a final de mes con "moita dificultade" elevouse no último trimestre, ata situarse no 7,7%. Con todo, tamén aumentan os fogares que chegan a final de mes "con facilidade", acadando o 46,1%
A porcentaxe de familias que chegan a final de mes con "moita dificultade" elevouse ata situarse no 7,7%. Con todo, tamén aumentan os fogares que chegan "con facilidade": o 46%
Por suposto, a situación é moi distinta entre unhas e outras familias. Así, naqueles fogares nos que os ingresos mensuais non chegan a mil euros, case nove de cada dez (88,1%) declaran dificultades económicas, que tamén son maioritarias (68,9%) nos fogares con ingresos entre 1.000 e 1.500 euros mensuais. Nos fogares con ingresos por riba de dous mil euros mensuais, a porcentaxe que recoñece dificultades económicas é moi inferior, un 31%.