O índice de precios de consumo (IPC) situouse en maio en Galicia no 2,9% interanual, unha cifra 1,2 puntos inferior á taxa rexistrada en abril, nun descenso provocado polo abaratamento dos carburantes e a moderación na suba dos alimentos e das bebidas non alcohólicas. Así, a taxa xeral de inflación no país mantense por baixo da do Estado (3,2%).
A taxa interanual en Galicia alcanzou deste xeito o seu nivel máis baixo desde hai dous anos, cando en abril de 2021 se situaba no 2,7%. Ao tempo, os prezos descenderon en maio unha décima con respecto ao mes pasado pero acumulan un incremento do 1,4% no que vai de 2023.
Nos catro primeiros meses deste exercicio, o IPC galego anotou taxas interanuais do 6,4% en xaneiro e febreiro, do 3,4% en marzo e do 4,1% en abril, alcanzando o 2,9% agora no pasado mes de maio.
Ese dato do pasado mes supón unha das taxas máis moderadas no Estado, inferior ao 3%, xunto a Madrid (+2,4%), Aragón (+2,6%), Extremadura e Asturias (+2,9%).
Os niveis xerais de inflación están moi por baixo das cifras de hai uns meses e o dos alimentos modera a súa suba pero aínda está por riba do 11% interanual
Xa que logo, os niveis xerais de inflación están moi por debaixo das cifras acadadas hai uns meses, aínda que os prezos de produtos básicos están moi por riba dos que se rexistraban hai un ano. En maio o prezo dos alimentos aumentou un 0,4% pero a taxa interanual destes elementos (a evolución dos últimos doce meses) continúa a presentar un aumento importante, por riba do 11%. A vivenda, pola súa banda, reduciu os seus prezos nun 12,2% e as bebidas alcohólicas e o tabaco, do 7,8%. Pola súa banda, o transporte descendeu un 2,9% na súa taxa interanual.
Máis positiva é a evolución do prezo de electricidade, gas e combustibles, que descendeu un 1,7% en maio e que está un 27,4% máis barato que hai un ano.
Dentro do apartado de alimentación e bebida (o que máis preocupa dado o seu carácter de produtos básicos) prodúcese un descenso da súa taxa interanual en case todos os produtos. Con todo, o azucre é o produto cuxo prezo máis aumentou nos últimos doce meses, un 63,8%. Moi por debaixo, aínda que con encarecementos importantes, aparecen o leite (+23,4%), as patacas (+15,8%), os cereais (+17,1%), os ovos (+12%), a carne de vacún (+11,4%), o café (+11,2) ou a carne de porco (+11%).
No conxunto do Estado, o recorte en nove décimas da taxa interanual do IPC sitúa o dato no mellor desde xulo de 2021, debido ao abaratamento dos carburantes e dos alimentos, que moderaron o crecemento dos prezos nove décimas, ata o 12%, a taxa máis baixa nun ano.
O INE atribúe a moderación da infalción en maio ao menor custo dos carburantes e ao abaratamento de alimentos como os ovos, o peixe, o queixo ou o marisco.
Segundo Estatística, a inflación subxacente, aquela que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos, baixou cinco décimas en maio no conxunto do Estado, ata situarse no 6,1%, 2,9 puntos por riba do IPC xeral e no menor nivel desde xullo de 2022.
En Galciia este dato sitúase no 6,3% de variación interanual e logo de descender tres décimas en maio.