A suba de prezos que principiou durante o levantamento das principais restricións pola pandemia da COVID durante o ano 2021 disparouse de vez no primeiro cuadrimestre de 2022 polas repercusións globais da invasión rusa en Ucraína e as sancións a Rusia por este motivo. Un ano despois, o dato xeral do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) modérase ata a contorna do 3% para o pasado marzo, unha moderación que ten varias explicacións -algunhas, estatísticas- e da que quedan fora os alimentos, con incrementos que seguen superando o 16%.
O efecto estatístico e a caída dos prezos enerxéticos contribúen a situar o IPC no 3,4%
A baixada dos prezos de combustibles e enerxía dende finais do pasado 2022 contribúe a tirar cara a abaixo dunhas cifras do IPC que agora xa se se comparan coas disparadas de hai un ano, que para Galicia chegaban a roldar un 10%. Ambos elementos contribúen a que o índice galego estea agora nun 3,4%, unha décima por riba da media estatal. Ou, o que é o mesmo, en ambos casos os datos menos altos en dous anos.
Cómpre atender tamén, non obstante, ao indicador da inflación subxacente. É o indicador que non ten en conta alimentos frescos nin prezos da enerxía e que está moito máis alto que o índice xeral. Sitúase no 7,5% para a media estatal, unha décima menos que no mes previo. Hai un ano estaba no 3,4%, segundo o INE.
Os produtos enerxéticos custan agora de media un 35% menos que hai un ano en Galicia
Por grandes grupos de gasto, os alimentos seguen sendo os grandes protagonistas da escalada de prezos. En Galicia o seu incremento está nun 16,5% interanual no pasado marzo, exactamente o mesmo dato que a media estatal. Tamén resulta significativo que continúa a escalada do incremento das bebidas non alcohólicas, (15,3%), mentres segue estable o IPC nos prezos do alugueiro de vivenda, arredor do 2%.
Ao tempo, como amosa o gráfico baixo estas liñas, a gran diferenza a respecto de hai un ano son os prezos dos produtos enerxéticos. O índice que mide os custos da electricidade, do gas e outros combustibles está en negativo dende finais do ano pasado e situouse para Galicia nun -35% para marzo deste 2023. Trátase de diminucións porcentualmente máis pronunciadas que as rexistradas durante a pandemia, cando foi clave o descenso global de demanda.
Para entender esta caída nos prezos dos combustibles hai que atender a varios factores. Nela inflúen dende decisións políticas como o tope ibérico ao gas aprobado no seo da Unión Europea a instancias dos gobernos español e portugués ata cuestións climatolóxicas -peso das renovables no mix enerxético- e factores internacionais como a cotización do petróleo, entre outras.
Azucre, ovos ou hortalizas son ata un 30% máis caros que hai un ano. Tamén están por riba do 20% interanual alimentos coma o leite, aceite, patacas ou cereais
Con este pano de fondo, o gran problema económico do día a día seguen sendo os alimentos. Malia medidas como a supresión do IVE en produtos básicos, mercar comida segue sendo moito máis caro que hai un ano. O azucre -afectado por cuestións como a restrición de importacións na India- segue sendo protagonista ao superar ata nun 62% os prezos que tiña ata hai un ano. A continuación sitúanse os ovos, que malia moderar os incrementos dos seus prezos dende finais de 2022 seguen custando arredor dun 30% máis que hai un ano, sempre atendendo aos datos do INE para Galicia.
O leite, o aceite, as patacas e os cereais tamén continúan rexistrando incrementos de prezos superiores ao 20% interanual. Por riba do 10% seguen produtos como a carne de vacún, a carne de porco ou o café. As subas menos pronunciadas rexístranse na froita ou no peixe, pero en todo caso os seus prezos tamén seguen sendo máis altos que os que rexistraban hai un ano.