O forte descenso da taxa interanual entre febreiro e marzo (pasou do 6,4% ao 3,4%) foi continuado en abril por unha suba -a primeira dende o pasado verán- ata o 4,1%
No que levamos de ano estamos a asistir a un comportamento cambiante dos datos de inflación. O forte descenso da taxa interanual entre febreiro e marzo (pasou do 6,4% ao 3,4%) foi continuado en abril por unha suba -a primeira dende o pasado verán- ata o 4,1%. A causa está, principalmente, no efecto que nos meses de marzo e abril do pasado ano tiveron o inicio da guerra de Ucraína e as posteriores medidas adoptadas polo Goberno central para conter o encarecemento dos prezos de combustibles e enerxía. A taxa interanual compara o nivel actual de prezos co que se rexistraba hai doce meses e, polo tanto, recolle un ano despois os efectos desas situacións.
O pasado mes de abril o incremento de prezos do 0,7% nun mes contrastou co estancamento (+0,0%) rexistrado hai un ano, elevando a taxa interanual en Galicia ata o 4,1%. É o mesmo nivel que se rexistra no conxunto do Estado, o que significa que por primeira vez dende xaneiro de 2021 Galicia non presenta unha taxa do IPC superior á media española.
Dado que nos meses de maio e xuño do pasado ano se produciron fortes incrementos da taxa mensual do IPC (do 1,1% e do 2%), é esperable que a taxa interanual volva descender nos datos que se dean a coñecer nas vindeiras semanas
O incremento da taxa interanual rexistrado en abril non é, polo tanto, un dato tan negativo como pode parecer. Dado que nos meses de maio e xuño do pasado ano se volveron producir fortes incrementos da taxa mensual do IPC (do 1,1% e do 2%) é esperable que a taxa interanual volva descender con forza nos datos que se dean a coñecer nas vindeiras semanas.
Tamén é positiva a evolución da inflación subxacente, que non inclúe alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos. Este índice é considerado habitualmente máis confiable para seguir a evolución dos prezos no medio e no longo prazo, pois é máis estable que o índice xeral, que está máis suxeito a subas e baixadas puntuais. En abril a taxa interanual descendeu en Galicia do 8,1% ao 7% e do 7,5% ao 6,6% no conxunto do Estado. Trátase do nivel máis baixo dende o pasado mes de novembro.
En abril descendeu o prezo dos alimentos (-0,1%), pero a taxa interanual destes produtos (a evolución dos últimos doce meses) continúa a presentar un aumento importante, por riba do 12%
En calquera caso, malia que os niveis xerais de inflación están moi por debaixo das cifras acadadas hai uns meses, os prezos de produtos básicos están moi por riba dos que se rexistraban hai un ano. En abril descendeu o prezo dos alimentos (-0,1%), pero a taxa interanual destes elementos (a evolución dos últimos doce meses) continúa a presentar un aumento importante, por riba do 12%.
Por primeira vez dende xaneiro de 2021 Galicia non presenta unha taxa do IPC superior á media española
Máis positiva é a evolución do prezo de electricidade, gas e combustibles, que descendeu un 5% en abril e que está un 30% máis barato que hai un ano.
Máis positiva é a evolución do prezo de electricidade, gas e combustibles, que descendeu un 5% en abril e que está un 30% máis barato que hai un ano
Dentro do apartado de alimentación e bebida (o que máis preocupa dado o seu carácter de produtos básicos) prodúcese un importante descenso da súa taxa interanual, agás no caso do azucre. O azucre é, de feito, o produto cuxo prezo máis aumentou nos últimos doce meses, un 66%. Moi por debaixo, aínda que con encarecementos importantes, aparecen o leite (+28%), as patacas (+20%), os cereais (+19%), os ovos (+15%), a carne de vacún (+14%), o café (+11) ou a carne de porco (+10%).