O impacto da inflación, malia a moderación dos últimos meses, e especialmente a suba de prezos que afecta á cesta da compra está a diminuír as rendas reais da clase traballadora. A necesidade dunha suba salarial, o chamado á patronal para un acordo sobre a negociación colectiva e o reclamo dunha actuación sobre os beneficios empresariais para repartir os custos da crise enerxética e derivada da guerra en Ucraína marcan as demandas sindicais neste Primeiro de Maio.
Os datos son claros e certifican que os salarios están a subir moi por debaixo do que aumenta a inflación. Unha realidade evidente no día a día da clase traballadora que tamén certifican as estatísticas. Os últimos datos do INE sobre custos laborais, do derradeiro trimestre de 2022, indican un incremento dos soldos nun ano do 2,7% en Galicia, fronte ao 4,7% no Estado. Naquela altura, a variación interanual do IPC situábase en Galicia no 6,4%, mesmo por riba da media estatal (5,7%). Neste pasado marzo, o dato xeral do incremento de prezos retrocedía ao de hai dous anos -roldando o 3%- pero o dos alimentos seguía disparado ao 16%.
Os salarios medraron un 2,7% en Galicia a final de 2022, moi lonxe da suba do IPC; España foi un dos estados onde máis descendeu o soldo real da poboación
Segundo datos da OCDE, España foi un dos estados da UE onde máis salario real se perdeu, ao verse engulida a precaria suba salarial pola inflación: un descenso nese soldo real do 5,3%, fronte ao 0,5% de Francia, por exemplo. Unha consecuencia máis dun incremento de prezos que se iniciou xa durante o levantamento das principais restricións pola pandemia da COVID en 2021 e que se disparou no primeiro cuadrimestre de 2022 polas repercusións globais da invasión rusa en Ucraína e as sancións a Rusia por este motivo.
En definitiva, e mentres os prezos mantiveron unha suba interanual de máis do 6% durante ano e medio -que nos alimentos rozou o 17% no primeiro trimestre-, os salarios subían en Galicia un escaso 2,7%. As consecuencias, tamén evidentes e constatadas na Enquisa de Condicións de Vida do ano 2022 publicada polo INE, onde se amosa que o 19% da poboación galega non se pode permitir manter a vivenda a unha temperatura axeitada. E onde case o 44% di chegar a final de mes con algún tipo de dificultade, sendo o 7% o que di ter moitos problemas.
Un debate entre traballadores explicita o problema. "Onde máis se nota é na cesta da compra, sen dúbida ningunha; tendo un soldo máis que aceptable, acabas mercando menos peixe, por exemplo, porque non che dá", conta Alejandro, traballador dunha empresa de instalación eléctrica. "Froita, verdura... Mercas kiwis a prezo de ouro e patacas catro veces máis caras que hai só uns meses; é unha barbaridade", conta outro, persoal dunha compañía farmacéutica que aclara que "a única forma de non perder salario real é cambiar de empresa". "A suba pactada nos convenios nunca che compensa o encarecemento da vida", insiste.
"Sorte que na casa hai quen ten un salario decente porque ten praza na Administración... No meu caso, o incremento salarial foi do 1% e cada vez que vou ao supermercado doume conta da barbaridade que supón a suba dos prezos na vida diaria e da perda de poder adquisitivo que sufrimos", lembra outro empregado dun ente público.
A inflación afecta a traballadores e a pequenas empresas e autónomos. Manuel, responsable dun taller mecánico, explica como "o encarecemento dos materiais acaba por supoñer un incremento moi importante nas facturas do cliente". "Falamos dun 30% en baterías ou aceite e dun 40% en rodas, de arranxos básicos", explica. No fondo, ademais, as problemáticas deste e doutros tantos sectores. "Hai compañeiros con vinte anos de experiencia aos que levan desde antes de pandemia sen subirlles o soldo... Ou subíndollelo con sobres a final de mes", engade.
"Que supoñen as subas de soldo que se nos aplican neste contexto de suba de prezos? Nada, son ridículas"
"Que supoñen as subas de soldo que se nos aplican neste contexto de suba de prezos? Nada, son ridículas", explica Erea, caixeira nun supermercado, sabedora de primeira man do impacto da inflación nos alimentos e das consecuencias dos salarios precarios. "Sorte que na familia non pagamos alugueiro, porque non quero nin imaxinar en que situación estariamos, tendo en conta que xa hai que apertar o cinto agora e prescindir de moitas cousas", engade quen si recoñece, no entanto, a "maior seguridade laboral" que mudanzas lexislativas en materia laboral deron ao seu sector. Ata non hai moito, era contratada por seis meses e botaba no paro catro ata volver ser contratada. Agora é persoal fixo.
Medidas de protección social, a suba do salario mínimo o a redución do IVE en alimentos básicos non compensan a perda de poder adquisitivo
Con todo, e por mor desta escalada de prezos, a proporción de persoas que en Galicia afirman non poder permitirse marchar de vacacións unha semana ao ano pasa do 37% ao 39%, mentres que aquelas que din non poder afrontar gastos imprevistos pasan do 24,7% ao 29,3%. Non son máximos históricos nin tampouco a taxa de risco de pobreza, do 18%, empeora, pero son cifras que amosan o impacto que nas rendas reais ten a inflación a pesar dun mercado laboral que amosa datos positivos: cos mellores datos de emprego e paro desde a crise de 2008 ou unha EPA que sinala a estabilidade da poboación ocupada en Galicia no primeiro trimestre do ano, que é tradicionalmente negativo para o emprego.
Medidas como a rebaixa do IVE de alimentos básicos, de protección social ou de clara afectación á clase traballadora, como a suba da Salario Mínimo Interprofesional (SMI), a reforma laboral ou a rebaixa de impostos aos soldos baixos, tampouco son dabondo polo momento para que os soldos compensen a inflación. De aí que a suba salarial marque a axenda sindical, tamén de cara a este Primeiro de Maio.
Así, CCOO e UGT anunciaron a súa mobilización conxunta neste Primeiro de Maio baixo un lema que sinala precisamente estas circunstancias: Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios. Está en liña co elixido pola CIG: Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas.
A central nacionalista di "rexeitar as políticas económicas dos gobernos galego e español por seren incapaces de enfrontar a grave carestía da vida nin frear o aumento das desigualdades e da pobreza”. Ante esta situación, a CIG chama a mobilizarse “en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra”.
CIG, CCOO e UGT coinciden en advertir da "deterioración nas condicións de vida da clase traballadora" pola suba dos prezos e reclaman a suba dos salarios neste 1º de Maio
Comisións e UGT, pola súa banda, poñen en valor a "arquitectura de protección social" conseguida grazas ao diálogo social estatal e a algunhas medidas do Goberno central. "Supón gañar dereitos e mellorar a vida das persoas traballadoras", di Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO Galicia.
Con todo, tanto ela como José Antonio Gómez, líder da UGT no país, advirten que a resposta pública para facer fronte á suba de prezos foi "notable" pero "con grandes limitacións para facer fronte á deterioración das rendas reais" de milleiros de persoas, "como se puxo de manifesto coas rebaixas do IVE".
"As empresas non poden seguir trasladando os custos á clase traballadora", din CCOO e UGT; "Xunta e Goberno de España son incapaces de enfrontar a grave carestía da vida", di a CIG
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, e mais Susana Méndez, secretaria confederal de Organización, coinciden en que a suba dos prezos, especialmente nos produtos básicos de consumo, “está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego”. E chaman a atención sobre o feito de que Galicia sufra tamén esa alza nos alimentos sendo "produtores dos principais produtos da cesta da compra, como leite, carne ou peixe”.
Desde CCOO e UGT, en liña coas reivindicacións a nivel estatal, esixen á patronal a que chegue a un pacto sobre o acordo sobre a negociación colectiva, "algo que se fai agora máis urxente, se cabe, cos datos da pobreza que se acaban de facer públicos". "Cómpre subir os salarios, porque a situación é inasumible para milleiros de familias". "Non pode ser que as empresas sigan trasladando os custos á clase traballadora; a repartición dos beneficios e dos custos ten que ser equitativa", reivindican.
"Se a patronal teima en seguir fóra das mesas de negociación para abordar estas necesidades, haberá conflito", indicou Gómez, que cre que é "de xustiza" actuar sobre os beneficios empresariais e subir os salarios da clase traballadora.
Ademais, mentres Comisións e UGT destacan medidas como a suba do salario mínimo, a reforma laboral ou a reforma das pensións por "supor gañar dereitos e mellorar a vida das persoas traballadoras", a CIG critica as dúas reformas.
Sobre a laboral, a central nacionalista destaca que foi aprobada "sen derrogar as de 2010 e 2012" e que, a un ano da súa entrada en vigor, “baixo as novas formas contractuais seguen a medrar a flexibilidade, a inestabilidade laboral e os baixos salarios e avanza imparábel a precariedade”. En canto á das pensións, destaca que “amplía os recortes, negando o dereito a unha pensión digna, e consolida as reformas anteriores". "Aumenta máis o período de cálculo, aos 29 anos -excluíndo os peores 24 meses-, afondando o resultado que levamos anos acumulando de caída nas contías das pensións, con especial afectación ás persoas menores de 50 anos”, destaca.