Trátase da porcentaxe máis elevada dende o ano 2004, cando o 20% dos galegos e galegas manifestaban sufrir este problema. O dato supera amplamente o do ano pasado (13,1%) e os do 2020 (9,6%) e 2019 (6%)
Dende o final do ano 2021 os prezos da electricidade e do gas comezaron a dispararse no Estado español, un encarecemento que se agravou coincidindo co inicio da guerra en Ucraína. Este aumento fixo que as facturas dos subministros básico se elevasen ata niveis que moitas familias tiñan serias dificultades para afrontate. Aínda que medidas coma a excepción ibérica posta en marcha polo Goberno español para atallar o prezo do gas e o aumento da achega das enerxías renovanles contribuíron a abaratar considerablemente os prezos, as dificultades persisten para moitas persoas.
Así o amosa a Enquisa de Condicións de Vida correspondente ao ano 2022 e que foi publicada este luns polo INE. Neste estudo un 19% da poboación galega afirma que non se pode permitir manter a súa vivenda a unha temperatura adecuada. Trátase da porcentaxe máis elevada dende o ano 2004, cando o 20% dos galegos e galegas manifestaban sufrir este problema. O dato supera amplamente o do ano pasado (13,1%) e os do 2020 (9,6%) e 2019 (6%).
Tamén aumentan as persoas que non se poden permitir marchar de vacacións ou afrontar gastos imprevistos
Neste apartado de 'carencias materiais' tamén se incrementa, froito da escalada de prezos que se vive dende hai ano e medio, a proporción de persoas que en Galicia afirman non poder permitirse marchar de vacacións unha semana ao ano (pasan do 37% ao 39%) e aquelas que din non poder afrontar gastos imprevistos (do 24,7% ao 29,3%), aínda que nestes casos os indicadores están moi por debaixo dos seus máximos históricos.
Pola contra, no ano 2022, a taxa de risco de pobreza en Galicia situouse no 18%, case dous puntos por debaixo do ano anterior (20,1%)
Estes datos contrastan en parte cun descenso da taxa de pobreza e da porcentaxe de persoas en risco de exclusión social. No ano 2022, a taxa de risco de pobreza en Galicia situouse no 18%, case dous puntos por debaixo do ano anterior (20,1%). Isto significa que 18 de cada 100 persoas viven en fogares cuxos ingresos económicos se sitúan por debaixo do 60% da mediada de renda no país. O indicador sitúase por debaixo da media española (20,4%), que tamén descende dende o 21,7% do ano anterior.
Estremadura, Canarias e Andalucía sofren as taxas de risco de pobreza máis elevadas, preto do 30%. Mentres, no outro extremo Navarra e Euskadi son os territorios con menor risco de pobreza e exclusión social.
Tamén mellora o indicador de risco de exclusión social, que ademais da renda ten en conta outros elementos como a carencia material de determinados conceptos ou o feito de vivir nun fogar no que os seus integrantes non teñen emprego. Neste caso, a poboación atinxida pasa do 25,2% ao 23,6%, o mellor dato dende o ano 2017.
A situación en Galicia é mellor que a que se rexistra no conxunto do Estado, cun 26% da poboación en risco de exclusión social. Con todo, tamén este indicador mellorou notablemente en 2022, descendendo dende o 27,8%. É, ademais, o mellor dato dende o ano 2014, cando menos, momento en que se inicia a serie.
O 7% dos galegos e galegas chegan a final de mes con "moita dificultade" e outro 10,3% con "dificultade". Ademais, un 26,7% presenta "certa dificultade"
No ano 2022, así mesmo, os ingresos medios por persoa aumentaron considerablemente en Galicia, pasando dos 11.453 euros aos 12.352, unha suba de case mil euros. Cómpre ter en conta, iso si, que o indicador da renda media por persoa levaba tres anos case estancado. Ademais, o dato galego sitúase moi por debaixo da media española, cunha renda media por persoa superior aos 13.000 euros anuais.
No ano 2022 os ingresos medios por persoa aumentaron considerablemente en Galicia, pasando dos 11.453 euros aos 12.352, unha suba de case mil euros
O 7% dos galegos e galegas chegan a final de mes con "moita dificultade" e outro 10,3% con "certa dificultade". Ademais, un 26,7% presenta "certa dificultade". Estas tres categorías, que suman case un 44% da poboación, aumentan lixeiramente con respecto ao ano 2021. Pola contra, un 22,7% afirma chega a final de mes con "moita facilidade" ou "con facilidade" e un 32,8% di facelo con "certa facilidade".